Ulloa Viva e Greenpeace exixen á Xunta que actúe ante Altri: "Non ten nada, agás pouca vergoña"

Manifestación contra Altri, na Praza da Feira de Palas de Rei © Plataforma Ulloa Viva

A Plataforma Ulloa Viva, principal referente na loita cidadá contra o proxecto de Altri, reaccionou ás alegacións presentadas pola empresa ao arquivo do proxecto exixindo á Xunta "que denegue xa" a autorización. A entidade asegura que  “sobran datos técnicos para facelo" e, ademais, porque a iniciativa "nunca acadará licenza social”. 

Ulloa Viva e Greenpeace piden á Xunta "que denegue xa" a autorización: "É inxustificábel a insistencia da empresa"

Ulloa Viva asegura que non foi “ningunha sorpresa” a presentación de alegacións contra o arquivo, “Altri é unha empresa que minte e vai facer o que faga falta para conseguir o seu obxectivo, que non é outro que converter os recursos de todas en cartos para eles”, asegurou este martes Marta Gontá, voceira da plataforma. 

Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Greenpeace Galicia

Por outra banda, Greenpeace ve "inxustifcábel" a "insistencia" de Altri en "destruír o medio ambiente galego e ir Imaxe     close    delete_forever swap_vert contra a vontade popular". A organización ecoloxista manifestou a súa "indignación" coa empresa e "exixe á Xunta de Galicia que proceda a denegar, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada relativas ao proxecto, así como a revogar a súa declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE)".

"Altri é insostíbel porque xerou un conflito social sen precedentes e un gran consenso ecoloxista e académico na súa contra", lembra Greenpeace

Greenpeace considera que "non se sostén baixo ningún ollar que se insista en levar adiante un proxecto que foi declarado PIE en 2022, cuxa solicitude de concesión de captación de augas data de 2023, cuxa solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) ten máis de dous anos e cuxa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) condicionada ten máis dun ano". "Pero que, sobre todo, é insostíbel porque xerou un conflito social sen precedentes, con ducias de milleiros de persoas berrando en Galicia 'Altri Non' e un gran consenso ecoloxista e académico na súa contra", di.  

"As alegacións de Altri son unha broma de mal gusto. A empresa non ten financiamento público, non ten auga, non ten electricidade, non ten licenza social. Non ten nada, agás pouca vergoña. É absolutamente indignante que a empresa insista en instalarse onde nin é necesaria nin é benvida e que expedientes que xa teñen tres e catro anos non se descarten dunha vez. Se un PIE de 2022 non foi adiante é porque non tiña nada de estratéxico para Galicia", asegurou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Faixa contra Altri ás portas da Xunta en xuño de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ademais, Ulloa Viva critica tamén o “descaro” da empresa lusa ao pedir “lealdade e cooperación” por parte das administracións públicas para a tramitación da súa macrocelulosa. "O que pedimos as veciñas e veciños é esa lealdade á administración para nós, para que nos protexa e protexa o noso modelo e calidade de vida”, di Gontá, que considera que “a Xunta non pode ser cómplice de abrir unha ferida no corazón de Galicia por 75 anos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.