Aínda este pasado luns, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo non ter constancia de que Altri tivese recorrido o arquivo provisional do seu proxecto en Palas de Rei. No mesmo día no que debera ter rematado o prazo para facelo, xa que hai xusto hoxe tres meses que arrincara ese proceso de arquivo, a empresa portuguesa vén de anunciar que xa presentou alegacións.
Altri presenta alegacións ao arquivo do seu proxecto cun argumento "principal": "a "autosuficiencia enerxética" da planta que, lembra "non fai imprescindible a conexión externa á rede"
Greenfiber, filial de Altri que impulsa a macrocelulosa en Galicia da man de Greenalia, comunicou este martes que presentou ante a Consellería de Economía un "escrito formal de alegacións en defensa da continuidade da tramitación do proxecto" que, lembra, foi "declarado Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) polo Consello da Xunta en decembro de 2022.
As alegacións apóianse, segundo explica a compañía, en "sólidos argumentos xurídicos, técnicos e administrativos", cun por riba de todos e "principal": a "autosuficiencia enerxética do proxecto, que non fai imprescindible a conexión externa á rede".
Foi o anuncio no pasado outono de que a nova planificación do Estado das redes eléctricas ata 2030 deixaba fóra a subestación solicitada por Altri o que escureceu o futuro do seu proxecto. Aquela decisión do Goberno de España atrancaba de todo, segundo explicou a Xunta en numerosas ocasións, os plans da multinacional portuguesa, que recibiu o non definitivo en febreiro ao anunciar o Goberno galego o arquivo do seu expediente.
Altri nega o principal argumento da Xunta para arquivar o seu proxecto, a falta de subestación eléctrica, e presume do seu "propio sistema de coxeración"
A falta de conexión eléctrica foi o principal argumento esgrimido para o arquivo por parte da Xunta, que sinalou o Executivo central, o PSOE e o BNG por unha decisión "política" que prexudicaba gravemente a provincia de Lugo. A conselleira Lorenza fora moi contundente, asegurando a inviabilidade técnica da planta ante esta falta de conexión. "Se non se pode enchufar, non pode funcionar", dixera, asegurando que o proxecto carecía de xustificación técnica para avanzar.
Agora, Altri nega esa inviabilidade e usa como "eixo principal" das súas alegacións a súa "autosuficiencia enerxética" grazas, di, "ao seu propio sistema de coxeración, tal e como se reflicte na documentación técnica desde o inicio da tramitación". "A eventual conexión eléctrica externa constitúe, no seu caso, unha medida complementaria de seguridade operativa", explica a empresa, que rexeita así o principal argumento que dera o goberno galego para arquivar o seu proxecto.
Altri defende ademais que, "en todo caso, a tramitación debe seguir o seu curso ordinario en paralelo á aprobación da planificación eléctrica estatal, como ocorre co resto dos proxectos estratéxicos". E fai referencia a que "as listaxes públicas tanto de Red Eléctrica Española (REE) como das distribuidoras confirman a existencia de múltiples alternativas técnicas viables de conexión".
A empresa aclara que a conexión eléctrica externa só é "un elemento de apoio operativo", que non é imprescindible e que as súas funcións "poden ser asumidas mediante solucións alternativas"
Xa que logo, a compañía lusa sostén que "a conexión eléctrica externa non é, polo tanto, unha condición sine qua non do funcionamento da planta, senón un elemento de apoio operativo cuxas funcións poderían mesmo ser asumidas mediante solucións alternativas, sen necesidade tan sequera de conexión eléctrica externa". "A planta conta, en calquera caso, con múltiples opcións técnicas viables para garantir a súa operación continua en condicións óptimas de seguridade e eficiencia", insiste.
Tamén teima a empresa en reclamar o seu "dereito lexítimo a que a tramitación do proxecto continúe o seu curso ordinario en paralelo á resolución da Proposta de Planificación da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2030" do Goberno de España. A esta proposta de planificación enerxética, aínda en audiencia, consulta e información pública, xa presentou alegacións Altri o pasado 15 de decembro.
Altri pide que a tramitación do proxecto siga "en paralelo á aprobación da planificación eléctrica estatal"
A empresa lembra que é "práctica habitual e comunmente aceptada" que os proxectos industriais estratéxicos "avancen na súa tramitación en paralelo á aprobación definitiva da planificación eléctrica estatal, evitando dilacións procedimentais non imputables ao promotor". "Greenfiber confía en que esta mesma lóxica institucional, aplicada con regularidade a proxectos análogos, presida a tramitación do proxecto Gama, que conta coa consideración de PIE", di.
"Plena confianza"
De feito, Altri lembra que no seu escrito de alegacións faise "expresa referencia" a listaxes de capacidades de acceso publicados por REE e por empresas distribuidoras que "confirman a existencia de múltiples alternativas de conexión tecnicamente viables". "A empresa iniciou, con carácter prudencial, os trámites de solicitude de acceso e conexión correspondentes a unha das distintas opcións dispoñibles".
Por último, Altri di querer trasladar á sociedade galega a súa "plena confianza na materialización do proxecto", que considera "unha oportunidade histórica para a industria galega, para a creación do emprego rural" ou "para a consolidación do sector forestal-madera como tractor estratéxico da economía de Galicia". Ademais, di apostar pola "colaboración leal" con todas as administracións pero tamén advirte en que "confía" en que o procedemento "se desenvolva co rigor técnico e a cooperación institucional que un proxecto desta dimensión e transcendencia merecen".