Os representantes dos consellos de Contas e Consultivo discrepan sobre como a Xunta argumenta que non coñece o acordo para así denegarllo a Praza.gal, cuxos dereitos ven vulnerados
Os sucesivos argumentos da Xunta para manter oculto o seu pacto con Altri ante peticións formais de transparencia formuladas por Praza.gal provocaron o maior cisma nos 10 anos de historia da Comisión da Transparencia de Galicia. Trátase do órgano ata agora dependente da Valedora do Pobo que vela polo dereito da cidadanía de acceder a información en poder das administracións.
A representación nese órgano do Consello Consultivo e do Consello de Contas asinaron unha inédita xustificación conxunta de voto discrepante sobre o xeito en que a Xunta argumentou, tras dar outras motivacións, que non pode entregar o acordo con Altri porque non está no seu poder nin o coñece. Un argumento novo que foi validado por outros vogais da Comisión da Transparencia sen permitir alegar a Praza.gal, o que puido vulnerar os seus dereitos.
A primeira petición de transparencia de Praza.gal ao Goberno galego para coñecer o acordo con Altri foi rexeitada co argumento de que non fora asinado pola Xunta, senón pola agora disolvida empresa Impulsa Galicia, na que a participación pública é do 48% e polo tanto non está afectada pola Lei de Transparencia. Praza.gal recorreu aquela negativa salientando que o pacto fora asinado polo daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde, pero a Xunta retrucou que o fixera non como conselleiro, senón como presidente de Impulsa Galicia como parte dun "negocio xurídico privado".
Cambio de argumento: non o ten nin o coñece
A Xunta mudou o seu argumento inicial de que o pacto con Altri era un "negocio xurídico privado" polo de que non está no seu poder, sen que Praza.gal puidese alegar, algo "esencial" e "garante do dereito de defensa" para o Consultivo e Contas
Impulsa Galicia foi creada pola Xunta, que ten o deber de controlar a súa propia participación en empresas. Por este motivo Praza.gal formulou unha segunda petición de transparencia pedindo o pacto con Altri como documento que obra "en poder" da administración "no exercicio das súas funcións" de control das súas participacións empresariais. A formulación tería amparo no artigo 13 da Lei de Transparencia, que di que "se entende por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder [das administracións] e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións".
A resposta da Xunta obviou os matices desta nova petición e limitouse a reiterar os argumentos denegatorios da solicitude previa, isto é, que era un documento dunha empresa privada. Así que Praza.gal recorreu ante a Comisión da Transparencia incidindo no elemento xurídico de que o documento estivese "en poder" da administración. Foi nese momento cando a Xunta argumentou ante a Comisión da Transparencia que a información solicitada era "descoñecida" para ela e non a tiña "no seu poder". Un argumento novo que foi validado por catro dos seis membros da Comisión da Transparencia de Galicia sen dar a posibilidade de alegar a Praza.gal, ante o que discrepan os vogais en representación dos consellos de Contas e Consultivo.
A Comisión da Transparencia está formada por seis persoas: a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; a súa adxunta, María Xosé Porteiro; unha representante da Xunta, neste caso Patricia Brión Cabanelas en substitución do director xeral José María Barreiro; un da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Xosé Manuel Rodríguez Méndez; un do Consello de Contas, Manuel José Santana Suárez; e unha do Consello Consultivo, Ana María López Guizán. Os dous últimos son os que discrepan e consideran vulnerado o dereito de Praza.gal.
O asunto foi debatido durante tres meses, xa que debía ser analizado por primeira vez no pleno mensual da Comisión da Transparencia previsto para o 31 de outubro, pero ante o debate suscitado a decisión foi posposta primeiro ao seguinte pleno do 25 de novembro e despois ao do 23 de decembro. Nese pleno o argumento introducido 'ex novo' pola Xunta de que non ten o pacto con Altri foi validado sen dar a Praza.gal posibilidade de alegar pola Valedora (proposta polo PP), a súa adxunta (ex-deputada proposta polo PSdeG), o representante da Fegamp (ex-alcalde das Neves do BNG) e a representante da Xunta.
A inmensa maioría das resolucións da Comisión da Transparencia son adoptadas por unanimidade e é a primeira vez que se asina por dous dos seis membros unha xustificación conxunta de voto discrepante
Pola contra, o voto discrepante asinado pola letrada representante do Consultivo e polo de Contas salienta que o primeiro argumento da Xunta para denegar a petición de Praza.gal era porque Impulsa Galicia non estaba sometida á Lei de Transparencia, "non porque a Consellería non tivese no seu poder o documento". Elemento que "foi por primeira vez posto de manifesto" na argumentación da Xunta ante a propia Comisión en setembro sen comunicalo a Praza.gal. Por iso, os discrepantes consideran que "a Comisión da Transparencia, en lugar de entrar a coñecer do fondo do asunto, debeu conceder ao interesado [Praza.gal, a través dun xornalista] un trámite de audiencia" para alegar o que considerase ante ese "feito novo".
"Só unha vez realizado este trámite, esencial para a contradición do procedemento, era posible entrar a coñecer do fondo do asunto", engade o voto discrepante conxunto. Un trámite de alegacións por parte de Praza.gal que era "garante do dereito de defensa" deste xornal.
É a primeira vez en dez anos de existencia da Comisión da Transparencia de Galicia, creada en 2016, que se asina unha xustificación de voto discrepante conxunta de dous vogais tras analizaren un tema sen acordo durante tres plenos distintos. A inmensa maioría das arredor de duascentas resolucións que emite cada ano a Comisión son acordadas por unanimidade. De xeito excepcional abstense algún vogal porque a cuestión a debate afecte á institución que representa. E aínda máis excepcionais son os votos en contra, xeralmente da representación da Xunta desconforme con que a Comisión queira que divulgue algunha información que prefire manter oculta.
Tras admitir Rueda que el si coñece o pacto a través de "representantes da Xunta", Praza.gal segue pescudando para ter acceso ao documento
Ata agora a representación do Consultivo só emitira xustificación de voto discrepante en solitario nun par de ocasións, polo que é a primeira vez que se asina unha xustificación discrepante conxunta de dúas vogalías distintas e cunha argumentación da extensión desta. Será precisamente o Consello Consultivo o que pase este ano a xestionar a Comisión da Transparencia logo de que o PP decidise retirar a súa adscrición á Valedora do Pobo.
Malia estes obstáculos da Xunta e da Comisión da Transparencia, Praza.gal segue pescudando para ter acceso ao pacto con Altri. Tras a argumentación da Xunta de que non ten o acordo, o presidente Rueda admitiu que el si o coñece e a través de "representantes da Xunta". Por iso Praza.gal formulou unha nova petición de transparencia para ter acceso á información que estea en poder da Presidencia da Xunta. Unha petición da que de momento Presidencia se desentendeu remitíndoa á Consellería de Economía e Industria.