Contas volve esixir transparencia e "control público" na empresa coa que a Xunta impulsa o proxecto de Altri

Recreación da factoría de Altri en Palas, nunha imaxe divulgada pola empresa, e fragmentos do informe do Consello de Contas referidos a Impulsa Galicia CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Recreación factoría: © Greenfiber

A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, S.L., que opera baixo a marca Impulsa Galicia, é unha empresa público-privada fundada pola Xunta da man de Abanca en 2021. A intención, explicara o Goberno daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo, era "apoiar a maduración" dos proxectos formulados por empresas que optasen en Galicia aos fondos europeos Next Generation e mais "axudar" na procura de investimentos "para o seu desenvolvemento".

O ente fiscalizador das contas públicas insta por segunda vez o Goberno galego a "arbitrar as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira" de Impulsa Galicia

Nos últimos meses, o papel económico e político de Impulsa Galicia está a volver á actualidade por ser clave na posible instalación da factoría da portuguesa Altri en Palas de Rei, fábrica de celulosa e fibras téxtiles que está a xerar abondosa controversia nas comarcas afectadas. Con este pano de fondo, o Consello de Contas vén de lanzar a súa segunda alerta polo que considera obvias carencias de "transparencia" e "control público" nunha compañía que ten como presidenta á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e en cuxo consello de administración veñen sentando ata agora outros dous conselleiros.

En dous dos cinco informes entregados polo Consello de Contas ao Parlamento esta semana, relativos ao ano 2022, o ente fiscalizador das finanzas públicas galegas reitera a súa alerta. Como xa fixera en 2023 cos informes de 2021, Contas indica que a Xunta "debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar" a "actuación financeira" de Impulsa Galicia e "sometela a control público", así como "render contas" ao propio Consello. A razón, abondan, é que aínda que en sentido estrito non sexa unha "sociedade pública autonómica", na práctica opera como tal.

Contas razoa que Impulsa Galicia debe ser tratada como empresa pública porque, aínda que a Xunta a controla directamente nun 40%, a través de Sogama chega ao 50% dos "dereitos de voto", alen doutros elementos que "apuntalan o control público" como a súa localización e fins

Pero, por que debería ser considerada como pública unha empresa na que a Xunta ten o 40% do capital, fronte ao 38% de Abanca, un 12% de Reganosa e un 10% de Sogama? Contas evidencia que non entraría no suposto da lei que regula o sector público galego segundo o cal son "sociedades mercantís públicas autónomicas" aquelas nas que a participación directa e indirecta da Xunta supera o 50%, xa que queda no 48,01% (o 40% directo, un 5,1% pola participación da Xunta en Sogama e outro 2,91% pola parte pública de Reganosa, especifica). Pero si no precepto no que marca que hai que tratar como empresas públicas nas que a Xunta controle "a maioría dos dereitos de voto" directamente ou a través "doutros socios".

"A Xunta de Galicia posúe directamente o 40% dos votos en Impulsa Galicia e o 10% de xeito indirecto" ao "ser a entidade dominante en Sogama". Polo tanto, "cómpre concluír que a administración autonómica ten o 50% dos dereitos de voto na sociedade Impulsa Galicia". E ademais, hai outros "elementos" que "apuntalan o control público desta entidade", como "a súa localización en instalacións públicas, o seu obxecto social e a súa incardinación en actuacións estratéxicas da política industrial da Xunta de Galicia e en proxectos prioritarios receptores de fondos públicos".

Referencias á participación da Xunta en Impulsa Galicia e á necesidade de control público na empresa, no informe do Consello de Contas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Para o Consello queda claro que "os elementos públicos que concorren nesta sociedade levan aparellada a necesidade de transparentar e someter a rendición de contas e control público a súa actuación". Non obstante, "non se está a realizar ningunha actuación de supervisión ou control sobre esta sociedade nin se integra nos orzamentos e conta xeral" da Xunta, a súa "accionista de referencia".

A Xunta reclamou eliminar as esixencias ao manter que Impulsa Galicia non é unha sociedade pública

No trámite de alegacións, a Xunta reclamou a eliminación das devanditas esixencias do Consello de Contas a respecto de Impulsa Galicia, ao interpretar que non reúne "as condicións para ser considerada sociedade públicas autonómica". O Consello rexeitou o argumento e volveu ditar a recomendación de "transparentar a actuación financeira e someter a control público" desta empresa, así como das sociedades Meisa -a estación de inverno de Manzaneda- e o parque eólico experimental Sotavento, en Xermade.

Consello de administración de Impulsa Galicia, presidido pola conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana © Impulsa Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.