Os sucesivos Gobernos do PP na Xunta teiman en aplicar recortes de impostos sen avaliar os efectos que ten facelo. Así o vén reiterando o Consello de Contas dende hai anos e así o repite tamén no informe sobre a xestión económica e financeira do Goberno galego -a conta xeral- en 2022, que vén de entregar ao Parlamento. O documento, que ten a inevitable lectura política de corresponderse co ano no que Alberto Núñez Feijóo abandonou a presidencia da Xunta, ten ademais o interese engadido de ofrecer unha radiografía sobre o "custo real" para o erario desas rebaixas de impostos: cando menos, 666 millóns de euros nun só ano.
O Consello de Contas certifica que no ano da dimisión do ex-presidente as rebaixas de impostos non se compensaron con subas doutros tributos, dando lugar a ese custo real de 666 millóns
Evidencia o ente fiscalizador das contas públicas galegas que o "custo real" das rebaixas de impostos non ten por que corresponderse mecanicamente cos seus importes, co que se deixa de ingresar. Entre outros aspectos, porque determinados "beneficios fiscais" -rebaixas- poden compensarse con incrementos de recadación a través da suba doutros tributos. Así, por exemplo, no ano 2020 o efecto das rebaixas foi practicamente "neutro", lembra; en 2021 a balanza comezou a desequilibrarse e en 2022 xa tiveron un claro "custo real".
Segundo os cálculos de Contas, nese ano da dimisión de Feijóo, as rebaixas de impostos equivaleron ao 0,55% do produto interior bruto (PIB) de Galicia. Mentres, "as medidas normativas adoptadas á alza", as subas impositivas, foron equivalentes ao 0,34% do PIB. Polo tanto, e mesmo atendendo só aos impostos dos que Contas puido obter datos -a través da Axencia Tributaria de Galicia-, o custo real non foi dos 517 millóns que orzamentara a Xunta, senón de 666,5 millóns de euros.
As rebaixas adicionais xa aplicadas en impostos coma o de patrimonio e outras prometidas por Rueda permiten albiscar que en anos vindeiros o impacto será maior
Entre as partidas que Contas puido analizar destacan os case 260 millóns de euros que custaron as rebaixas do imposto de sucesión e doazóns, os case 187 millóns de impacto nas contas públicas polo recorte no tributo de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Tamén os case 185 millóns polo recorte no imposto de patrimonio, un tributo reservado á poboación máis rica, a que ten patrimonios superiores a 700.000 euros -sen ter en conta a vivenda habitual ata 300.000 euros-.
Cómpre ter en conta que é previsible que, nos anos seguintes, o impacto real destas decisións políticas sobre os impostos sexa maior. Non en van, xa en 2023 entrou en vigor o desconto duplo do imposto de patrimonio (pasou de estar bonificado ao 25% a chegar ao 50%) e o propio presidente Rueda prometeu en campaña seguir afondando nestes recortes en exercicios vindeiros.
Case 3.000 millóns no total de "beneficios fiscais", un 20% máis
Alén do custo real das devanditas rebaixas fiscais da Xunta, o informe do Consello de Contas referente a 2022 analiza tamén o impacto total de todas as rebaixas de impostos e "beneficios fiscais", tanto os derivados da normativa autonómica como os que resultan de normas de ámbito estatal. A suma total achegouse ese ano aos 3.000 millóns de euros en Galicia, segundo o informe.
Atendendo ás leis de orzamentos, que cada ano inclúen unha estimación de "beneficios fiscais", os de 2022 situábanse en 2.658,8 millóns de euros. Isto, destaca Contas, supuxo "un incremento do 20,38%" nun só ano. Á normativa galega sería atribuíble un 9,4% de suba, calcula.
A Xunta di que agora si acepta a reiterada reclamación de Contas para avaliar os efectos das súas rebaixas de impostos
Traducido a euros, as rebaixas en impostos propios ou cedidos polo Estado foron estimadas para 2022 en 516 millóns de euros. Un ano antes, en 2021, situábanse en 471 millóns de euros. Apenas media década antes, en 2018, non chegaban aos 400 e unha década antes, segundo datos manexados pola propia Xunta, roldaban os cen millóns anuais.
Con todo este pano de fondo, o panorama trazado por Contas para 2022 non é moi diferente ao dos exercicios previos, toda vez que a tendencia de fondo segue sendo afondar na liña destes "beneficios fiscais". Non obstante, segundo indica o informe, o Goberno galego agora responde que si ten intención de cumprir a reiterada recomendación de "avaliar a eficacia e eficiencia", os efectos dos seus recortes de impostos, mentres que en anos previos simplemente se negaba a facelo.