Case a metade do persoal do Sergas era temporal cando marchou Feijóo

Exames de oposición de persoal facultativo do Sergas, o pasado marzo no recinto feiral de Silleda CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

O ano 2022 foi o derradeiro que comezou con Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta. A principios de marzo daquel ano anunciou que optaba -sen rivais- a remudar o defenestrado Pablo Casado e a finais de abril dimitiu efectivamente do posto, converténdose no primeiro presidente en abandonar o cargo por vontade propia na historia da autonomía.

Os informes achegados agora por Contas ao Parlamento trazan a radiografía do estado da Administración cando dimitiu o ex-presidente

A respecto do ano 2022, precisamente, están a chegar ao Parlamento diversos informes do Consello de Contas, órgano fiscalizador das finanzas públicas galegas. Estes documentos, que en boa parte detectan erros e acertos dos que xa advertiran en exercicios previos, serven tamén como radiografía do estado en que deixou a Administración galega quen agora é líder do PP. Por exemplo, na sanidade pública, unha das áreas nas que máis se implicou directamente e na que case a metade do persoal era temporal cando abandonou a Xunta.

Ese forte peso da temporalidade queda acreditada na análise da conta xeral do Sergas publicada este 6 de maio polo Consello de Contas. O ex-presidente marchou coa sanidade pública aumentando cadro de persoal -en boa media, por mor da vaga expansiva da pandemia da COVID-19. Algo máis de 43.000 persoas das que o 48,3% exercían o seu labor nun posto de traballo temporal, segundo este informe.

No ano 2022, agora analizado polo Consello de Contas, a temporalidade no Sergas aumentou en 1,5 puntos tras baixar notablemente as eventualidades, pero aumentar case un 15% o persoal en réximes como as interinidades

Como amosan os gráficos que acompañan estas liñas, construídos a partir das cifras publicadas por Contas, naquel 2022 traballou no Sergas unha media diaria de 43.444 persoas. Dentro delas, 22.480 eran profesionais cunha praza en propiedade, un 1,8% menos que no ano previo. Mentres, o persoal eventual reducírase notablemente (5.254, un 13,6% menos que en 2021), pero aumentara o que está cubrindo de maneira temporal postos concibidos para seren fixos, estruturais, con case un 15% de profesionais en réxime de interinidade ou temporalidade: en total, 9.294.

Se a estas cifras se engaden as 6.416 persoas que, de media, exerceron cada día de 2022 como persoal substituto (cubrindo baixas, por exemplo), a temporalidade no Sergas aumentou naquel ano en 1,5 puntos, segundo destaca o Consello de Contas. Se en 2021 había un 53,3% do cadro con praza en propiedade e un 46,7% nalgún réxime de temporalidade, en 2022 pasou a haber un 51,7% fixo fronte a un 48,3% temporal.

As diferenzas son aínda máis acusadas ao comparar co ano 2020, o primeiro da pandemia. Daquela, o persoal do Sergas con praza en propiedade era, en cifras redondas, un 54% e o temporal, o 46%. Daquela, tan innegable resulta o incremento de persoal neses anos -dunha media duns 41.500 aos devanditos 43.444- como o feito de que, en boa medida, o incremento veu da man da temporalidade.

O órgano fiscalizador das contas públicas advirte de que o Sergas orzamenta menos prazas das que finalmente precisa mediante contratacións "recorrentes" que ven "desvirtuado o seu carácter de conxuntural"

O incremento de persoal é aínda máis relevante ao retroceder máis no tempo. Neste informe Contas retrotráese ata 2018, ano no que o número medio diario de efectivos exercendo no Sergas era de 38.651. O incremento, daquela, foi superior a un 12% en catro anos.

Neste sentido, non obstante, o órgano fiscalizador das contas públicas tamén advirte de que, recorrentemente, o Sergas orzamenta menos prazas das que finalmente precisa, coas consecuentes modificacións orzamentarias ano tras ano. "A diferenza estriba en contratacións conxunturais que veñen situando ano tras ano o número de efectivos aproximadamente nun 16% por riba do cadro dotado orzamentariamente", resalta, para advertir á Xunta de que "a recorrencia destas contratacións desvirtúa o seu carácter de conxuntural".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.