"Hai profesionais, o que non hai son medios e condicións laborais dignas", di quen está a piques de iniciar a residencia para converterse nunha médica especialista no Sergas. Laura Abad, Adrián Castro e Xeila Crespo acaban de aprobar o MIR e explican a saturación que ven na sanidade desde dentro
Levan seis anos como estudantes de Medicina e no último xa case non puxeron un pé na facultade. Son máis que observadores, din que a parte práctica da carreira non é suficiente e reclaman a reformulación dos seus plans de estudos. Teñen unha visión privilexiada da sanidade pública, aínda non forman parte do sistema e avalían constantemente os pros e contras para escoller especialidade. Saben o que queren e o que non, pero case máis o segundo. Por iso, protagonizaron unha das maiores folgas das universidades galegas nos últimos tempos, pouco antes da chegada da pandemia da COVID-19. Agora, aprobado o exame MIR, en maio converteranse en residentes, é dicir, nas médicas e médicos do futuro.
Laura Abad, Adrián Castro e Xeila Crespo inician as prácticas no Sergas como residentes en menos dun mes e contan que o malestar entre os profesionais sanitarios e a saturación dos servizos públicos xogaron un papel importante na súa escolla de especialidade. A Xeila Crespo gustábanlle as urxencias, pero á hora de elixir "un traballo para toda a vida", valorou cales foran os sitios do hospital nos que sentiu máis frustración e nos que a xente estaba máis queimada, e finalmente optou por unha especialidade na que viu a posibilidade de traballar en mellores condicións. Fará Traumatoloxía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña porque lle gustou moito a experiencia no quirófano no hospital de Santiago–onde puido acceder polas prácticas durante a carreira–. Parécelle "unha especialidade moi resolutiva e gratificante".
"Unha médica ensinoume que tivera 22 contratos de traballo en dous anos, e como ela moitas persoas máis", conta Laura Abad
Estudar Medicina "é unha carreira de fondo", conta Xeila Crespo. "Eu levo querendo facer Medicina toda a miña vida e hai un camiño moi marcado: primeiro a selectividade, despois a carreira, o MIR e agora a residencia. Temos que ter moi claro o que queremos, a pesar de todas as pegas que lle poida poñer á situación da sanidade pública hoxe volvería elixir Medicina sen dúbida: a min gústame o que facemos. Os días bos compensan os malos, estamos traballando con persoas e sempre temos que escoller o que pesa máis", explica.
Laura Abad entrou na facultade coa idea de especializarse en Psiquiatría e, durante as prácticas nun centro de saúde, decidiu apostar pola Medicina de Familia. "Unha médica coa que estiven en Ourense ensinoume que tivera 22 contratos de traballo en dous anos, e como ela moitas persoas máis", conta. Pero isto non a desanimou, pois sabe que nos vindeiros anos moitos médicos de cabeceira chegarán á idade de xubilación e todos os residentes de último ano cos que falou lle aseguraron que, pese á saturación, a experiencia "é moi gratificante".
"Prodúcense situacións incómodas cos pacientes cando chegamos a estar catro ou cinco en prácticas acompañando a un médico", di Adrián Castro
"Escollín Familia porque tiven moi bos titores en Ourense, ensináronme moitísimo. Vin que pode haber boa relación cos doentes. Eu son unha persoa á que lle gusta falar moito, que intenta ter moita empatía e vin que iso na atención primaria o tiña porque coñeces á persoa dende que entra aos 15 anos –aínda que non vaia moito pola consulta– e ata que morre. Ti es a quen acoden coas dúbidas, esa proximidade gustoume, penso que é o meu sitio", detalla Abad.
Os tres coinciden en sinalar que o grao de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela está estruturalmente mal pensado. "A carreira nos primeiros anos é eminentemente teórica, facemos poucas e malas prácticas. Temos as prácticas no hospital de Santiago, que está saturado e no que hai demasiados estudantes e moitos residentes", critica Adrián Castro, que ve necesario incrementar a descentralización da formación práctica en Compostela, como comezou a suceder a causa da pandemia. "Os hospitais son para os doentes e prodúcense situacións incómodas cos pacientes cando chegamos a estar catro ou cinco en prácticas acompañando a un médico", engade.
"Santiago é a universidade de Medicina que máis prazas saca anualmente e esa xente ten que formarse nun hospital que non é capaz de absorber a tanto estudante"
"Cando entras en contacto co sistema ves perfectamente como hai un nivel de saturación, en xeral, que non debera haber", asegura Castro, que afirma que esa circunstancia lles impediu ter unha formación axeitada ata o de agora. "Santiago é a universidade de Medicina que máis prazas saca anualmente e esa xente ten que formarse nun hospital que non é capaz de absorber a tanto estudante, polo que moitas veces de práctico ten pouco, e vas alí de observador no mellor dos casos", apunta.
Adrián Castro será residente en Neuroloxía porque a súa experiencia neste servizo en Santiago foi boa e porque a considera unha especialidade "eminentemente médica" que se aproveita de todos os avances tecnolóxicos pero mantén "a esencia da exploración do paciente e que ti es a mellor proba para o paciente, que non hai ningunha proba de imaxe que supere ao médico na súa exploración". El coincide con Xeila Crespo e Laura Abad en que rematan a etapa de estudantes coa certeza de que a súa formación dependeu "en boa medida" da "voluntariedade" do profesional co que lles tocou en cada momento: "Se é unha persoa máis docente aprenderás algo, senón igual non te quere nin con el ou con ela".
"Precísanse máis prazas que ofrecer a sanitarios, pero non precisamente para residentes senón a posteriori", sinala Xeila Crespo
"Pode o sistema asumir máis residentes?", pregúntase Adrián Castro tras explicar a súa experiencia. "Precísanse máis prazas que ofrecer a sanitarios, pero non precisamente para residentes senón a posteriori. Tamén se suxire que se deberan abrir máis facultades de Medicina e non me parece o problema tampouco. Hai profesionais, o que non hai son medios e condicións laborais dignas", argumenta Crespo, contra o discurso oficial da Xunta nos últimos meses, que pasa por solicitar ao Ministerio máis prazas para residentes en Galicia.
"A solución non é formar máis médicos, é darlle unhas boas condicións aos que están", razoa Laura Abad, para agregar que "se queren aumentar as prazas de residentes teñen que aumentar tamén as prazas que teñen de adxuntos". Ela incide en que "foi unha mágoa que o ano pasado quedaran prazas libres en atención primaria" porque di ser moi consciente de que "fan falta médicos e médicas de Familia". "Primaria é un piar fundamental e alégrome de que a xente se vaia dando conta, estamos orgullosas de que o número 14 do MIR deste ano vaia facer Familia en Oviedo. Se como paciente tes un bo médico de Familia vas poder contarlle mellor o que che pasa e iso é o mellor para todas as partes", defende.