O estudantado de Medicina en folga critica a "vaguidade" das solucións propostas pola universidade

A facultade de Medicina chega ao seu cuarto día folga e peche © Asemblea Aberta Medicina

A folga na Facultade de Medicina da USC chegou ao seu cuarto día. Catro xornadas de concentracións, asembleas e peches, e de moitas conversas con representantes da facultade e da universidade. Nelas, o alumnado expuxo as súas críticas e reivindicacións, entre as que destacan a valoración que se fai en certas materias (esíxese un 7 para aprobar, que despois é contabilizado como un 5, o que os prexudica en relación co alumnado doutras facultades). Sinalan que "isto supón un hándicap no momento da adxudicación de prazas da proba MIR, así como para a adquisición dunha beca".

Igualmente, critican os distintos criterios de avaliación en función quen imparta unha materia (Isto fai que unha mesma materia sexa completamente distinta, tanto nos contidos coma nos criterios de avaliación ou na dificultade para dous grupos distintos do mesmo curso). 

O alumnado en folga recoñece a vontade de diálogo do Decanato da Facultade, pero critica a "vaguidade" das solucións propostas

A "excesiva" carga horaria é unha das críticas principais. Tamén se critica a excesiva esixencia de presencialidade nas clases e, igualmente, a xestión das prácticas. Neste senso, outro dos puntos que semella clave é o da "descentralización da práctica clínica". Reclámase que o estudantado galego poida elixir os centros de saúde nos que realizar as prácticas que lles corresponden no quinto curso. Así poderían facelas nas súas comarcas de orixe, sen ter que desprazarse a outras zonas, en ocasións moi afastadas e ás veces en lugares onde non hai unha boa conexión de transporte público. Os gastos de transporte corren por conta da alumna ou alumno, e denuncian que o custo pode chegar aos 250 euros ao mes.

Representantes da asemblea reuníronse na tarde do xoves cun grupo de asesores legais para examinar as propostas realizadas pola Facultade para poñer fin ao conflito. Porén, o documento non foi aceptado, porque nas solucións propostas e compromisos adquiridos moitas das demandas dos estudantes quedaba fóra, algunhas delas consideradas "liñas vermellas". Neste senso, o alumnado en folga recoñece a vontade de diálogo do Decanato da Facultade, pero critica a "vaguidade" das solucións propostas. 

O estudantado de Medicina en folga © Guillermo

 "Queremos seguir loitando por un ensino digno e de calidade para saír formados como bos profesionais da saúde, para manter a sanidade pública nuns estándares de calidade tan altos coma os actuais"

Continúa, pois, a folga, pero tamén as negociacións. Este venres ás dúas e media da tarde está convocada unha xuntanza co Reitorado, na que o alumnado esixiu que participasen certo número de vicerreitores e, ademais, representantes do Decatanto. Á mesma hora realizarase unha concentración de apoio ao estudantado.

Representantes do estudantado salientan o apoio case unánime á folga na facultade, con aulas baleiras e unha gran mobilización da maior parte do alumnado. Ademais, tamén noutras facultades da USC están comezando a convocarse asembleas abertas para debater os principais problemas que está a sufrir o estudantado en cada unha. "Queremos seguir loitando por un ensino digno e de calidade para saír formados como bos profesionais da saúde, para manter a sanidade pública nuns estándares de calidade tan altos coma os actuais", destacan.

"Esta é unha problemática que vén dende moi atrás"

"Esta é unha problemática que vén dende moi atrás. Varios destes temas xa foron denunciados e negociados en ocasións anteriores, hai anos. Porén, non houbo cambios reais e por iso queremos solucións reais", explican. "Sabemos que algúns dos problemas non se poden solucionar de inmediato, van tardar tempo e pode que nós non vexamos as solucións, pero estamos dispostas a loitar para que as vindeiras xeracións poidan ter un ensino de calidade nesta facultade", din.

O estudantado de Medicina en folga © Guillermo

Apoio de Ángel Carracedo e mesmo de Roberto Vilar

"Sentímonos moi arroupadas pola comunidade educativa e sanitaria"

Subliñan igualmente que "estamos recibindo cada vez máis apoios por parte do profesorado e de profesionais da saúde. Houbo moitísimas persoas que contactaron con nós para ofrecernos axuda e solidariedade. Sentímonos moi arroupadas pola comunidade educativa e sanitaria", din. Por exemplo, os sindicatos O'Mega e CESM manifestaron publicamente o seu apoio a varias das súas demandas e tamén o fixeron grupos de profesionais de varios centros sanitarios.

Carracedo: “Alégrome de que espertedes, porque estades no tempo e eu recordei con cariño outro peche que alí fixen á vosa idade por motivos practicamente equivalentes”

Moitos dos apoios chegan a través das redes sociais. Entre eles destacan o de destacados docentes ou investigadores, como o catedrático Ángel Carracedo, que a través dunha carta afirmou: “Alégrome de que espertedes, porque estades no tempo e eu recordei con cariño outro peche que alí fixen á vosa idade por motivos practicamente equivalentes”. Carracedo critica o mantemento de métodos de ensino “que parecen de transmisión oral do coñecemento cando non había nin imprenta“ e denuncia a esixencia de “ter que aprender memorísticamente cousas que ides esquecer porque nunca máis van ser usadas”. Carracedo pídelles así mesmo que loiten contra o exame MIR e apoia a súa crítica a unha carga lectiva "excesiva".

Máis inesperados foron outros apoios, como os que chegaron mesmo da televisión. Na emisión do programa Land Rober da TVG, este xoves pola noite, Roberto Vilar (vestido con bata de médico) enviou un saúdo para "os estudantes da Facultade de Medicina da USC que están en folga"

O estudantado de Medicina en folga © Guillermo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.