As 421 prazas de "difícil cobertura" do Sergas non suman máis médicos e só obrigan a permanecer nelas dous anos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Hospital do Salnés acompañado polo delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez, e polo xerente da área sanitaria, José Flores © Xunta de Galicia

Sanidade emenda as súas políticas de recursos humanos no Sergas cunha lei de excepcionalidade para a cobertura de 421 postos vacantes sen oposición que non crean novas prazas e só garanten unha cobertura estable durante dous anos

O Sergas ten 421 prazas vacantes que non dá cuberto polos múltiples procedementos ordinarios dos que dispón. Son 72 prazas para médicas e médicos de Familia –mais coa nova categoría de facultativo especialista en atención primaria–, 60 para Pediatría de atención primaria, 116 para diferentes especialidades nos hospitais comarcais e 173 da área de saúde mental: tanto para Psiquiatría e Psicoloxía clínica como para enfermería especializada. 

Fracasados todos os intentos da Consellería de Sanidade, a Xunta aprobou o pasado outubro a Lei 2/2022 de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde. Eses 421 postos de traballo en centros de saúde e hospitais públicos non reúnen as características necesarias para que sexan atractivos para as e os profesionais sanitarios, de aí que a propia lei os denomine “de difícil cobertura”. 

O conselleiro de Sanidade na súa visita ao centro de saúde de Arbo © Xunta de Galicia

No caso dos hospitais comarcais de Cee, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e O Barco de Valdeorras o principal atranco –como destaca a Xunta– é “a súa distancia ás meirandes cidades de Galicia”. No que atinxe á atención primaria, case a metade dos e das médicas residentes que se formaron nesta especialidade nos últimos dez anos non están a traballar como médicas de Familia na actualidade polas condicións nas que terían que realizar ese traballo.

“Entenderase por postos de difícil cobertura aqueles de carácter asistencial nos que exista un déficit estrutural de persoal para a súa provisión e unha necesidade urxente e perentoria de cobertura para garantir de forma axeitada as necesidades asistenciais”, define a lei aprobada o pasado outubro e que o Goberno galego vai comezar aplicar agora. Sanidade elaborou unha lista con esas prazas vacantes que vén de ser aprobada polo Consello da Xunta para a súa saída a concurso.

"Esta lei é unha resposta ao fracaso das políticas anteriores de Recursos Humanos do Sergas", explica Manuel G. Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde

A excepcionalidade desta convocatoria fai que estas 421 prazas –que non son de nova creación– se cubran “por concurso de méritos, é dicir, sen exames”, aclaran na Xunta. A xustificación aportada no texto da lei é “a menor duración no tempo deste sistema de selección, que permite unha actuación da administración máis áxil e en liña co principio constitucional de eficacia e a necesidade urxente de cobertura dos postos”.

“Esta lei é unha resposta ao fracaso das políticas anteriores de Recursos Humanos do Sergas. Coas políticas de precarización das condicións laborais fixo que non se deran cuberto determinadas prazas e agora ten que tomar unha medida excepcional para tratar de corrixir as súas políticas. E en lugar de centrar a excepcionalidade en mellorar a calidade dos postos de traballo, o que fai é modificar os criterios de acceso e facilitar o acceso deses profesionais á carreira profesional”, explica Manuel G. Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, sindicato maioritario na mesa sectorial de Sanidade.

Prazas consideradas de difícil cobertura no Sergas ao abeiro da lei de 2022

Polo tanto, os e as profesionais que accedan a un posto fixo ao abeiro desta nova lei adquirirán a condición de persoal estatutario “para participar nos concursos de traslados da súa categoría e/ou especialidade, ou nos sistemas de promoción interna ou provisión de prazas doutra categoría e/ou especialidade, cando cumpra os requisitos ”. Só coa condición de acreditar dous anos de permanencia no posto “de difícil cobertura” no que tomarán posesión agora

O Sergas só garante a estable cobertura destes postos que ten vacantes por dous anos

É dicir, que o Sergas só garante a estable cobertura destes postos que ten vacantes por dous anos, cando moitos dos profesionais optarán por cambiar de praza en base aos méritos acumulados nese período –incentivados pola estancia nese posto inicial– e volverá a ser necesario un proceso excepcional para garantir a asistencia sanitaria neses postos.

Ademais, desde a CIG-Saúde vén este proceso como unha “reforma encuberta” da atención primaria que esgotará a categoría de médicos de Familia para impoñer a de facultativos especialistas de atención primaria, un cambio que ten unha consecuencia fundamental para os pacientes: e é que estes profesionais están obrigados a facer gardas nos puntos de atención continuada (PAC) a maiores da súa quenda ordinaria na consulta do centro de saúde. Polo que se irán eliminando os médicos especializados nas urxencias dos PAC, que “aportan calidade á asistencia e unha mellor resposta ante as necesidades da cidadanía”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.