Sanidade logra un acordo unánime cos sindicatos cunha subida salarial de 12.000 euros anuais para os médicos de Atención Primaria que asuman pacientes ata agora asignados a prazas vacantes e incrementa os incentivos para consultar nos 80 concellos máis difíciles de cubrir
A Consellería de Sanidade pechou este mércores un acordo unánime na Mesa Sectorial de Sanidade cos sindicatos para tratar de insuflarlle osíxeno á Atención Primaria, xa coas complicacións do verán achegándose de forma inminente. O pacto pasa por un incremento de ata 12.000 euros anuais para as médicas e médicos de Familia que asuman incrementar o seu cupo nun "máximo de 300 cartillas" e prolongar a xornada "catro horas e media á semana", e outros incentivos para quen acceda a pasar consulta nunha listaxe de concellos considerados "de difícil cobertura" que segue en aumento.
A directora xeral de recursos humanos do Sergas, Ana María Comesaña, presidiu este martes a reunión cos representantes dos sindicatos CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT que aprobou por unanimidade estas medidas no marco dunha negociación máis ampla ao abeiro do Plan Galego de Atención Primaria e da reordenación pendente dos recursos humanos neste eido. Cos datos sobre a situación da Atención Primaria sobre a mesa, Sanidade recoñece no acordo que se constata "a necesidade de adoptar unha serie de medidas de mellora das condicións de traballo, con impacto económico" para o persoal sanitario.
Cando unha praza de Medicina de Familia queda sen cubrir nun centro de saúde, os e as doentes asignadas a ese cupo fican sen un médico concreto e cada vez que precisan atención sanitaria son atendidas por un profesional distinto. Con este acordo, o Sergas establece que "cando por indispoñibilidade de persoal médico" non sexa posible "a cobertura dunha praza vacante cun nomeamento interino", as cartillas asignadas a esa praza poderán repartirse entre o persoal que así o acepte.
Sanidade constata "a necesidade de adoptar unha serie de medidas de mellora das condicións de traballo, con impacto económico" para os profesionais
Desta maneira, establecen que serán un "máximo de 300 cartillas" por médico –tendo en conta que pode haber máis dun doente por cartilla– cunha "prestación adicional de xornada de 4 horas e media á semana e unha retribución anual de 12.000 euros ano ou a parte proporcional". Isto supón unha carga máis que as xa habituais prolongacións de xornada, pois implica incrementar o cupo de pacientes dun médico en 300 cartillas, pasando, por exemplo, de ter 1.4000 a ter 1.700 cartillas baixo a súa responsabilidade.
Entre as novas medidas acordadas figura tamén unha mellora das retribucións dun 10% nas prolongacións de xornada a maiores do horario ordinario. Así, un médico ou pediatra de Atención Primaria que "na actualidade percibe 187,78 euros", "pasaría a percibir 206,56 euros" para "unha axenda de catro horas". No caso da enfermería, a retribución vai dos "122,91 euros" aos "135,80".
Aos actuais centros de saúde en concellos "illados", polos que os médicos perciben un complemento no seu salario, agora o Sergas suma os concellos "de difícil cobertura" por –segundo describe o acordo asinado– "dificultades na formalización de sucesivos nomeamentos temporais" de profesionais. En total, nesta lista hai 80 concellos que suman 218.525 habitantes.
Médicos de Familia, pediatras e enfermería verán como medran un 50% os complementos que perciben por traballar en concellos "illados" ou "de difícil cobertura", que xa son 80 nos que viven case 220.000 persoas
Considérase que os e as profesionais que pasan consulta nos centros de saúde destes concellos teñen dereito a complementos de produtividade por "prestar servizo en lugares illados en atención á distancia respecto das cidades ou núcleos de poboación importantes e dos centros hospitalarios", e por facelo en "soidade", sen outro profesional no centro (unha circunstancia asociada aos postos "de difícil cobertura").
O acordado permite un incremento do 50% nestes complementos, de tal maneira que os médicos e pediatras pasarán a percibir "245,66 euros ao mes" a causa do illamento e "368,48 euros" pola inexistencia doutro profesional. Para a enfermería as contías serán de "122,81 euros mensuais" no primeiro caso e de “184,24" no segundo. Ademais, para cobrar estes complementos xa non será necesario residir na localidade na que se exerce.
Outra das novidades destacadas atinxe ao persoal dos PAC, tanto médicos como enfermeiros, que verán un "incremento do valor" da súa xornada complementaria a partir das 160 horas de traballo ao mes. Da mesma forma que os médicos de Familia que realicen gardas complementarias nos PAC, que pasarán de cobrar "24,95 euros por hora" a "29,08 euros" a partir das "550 horas anuais de xornada complementaria".
"Enfrontámonos a un verán moi complexo e á vista está que non é un problema orzamentario; estamos dispostos a contratar a todo aquel que estea dispoñible, pero a realidade é a que é". Así se manifestou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado 14 de xuño no Parlamento, onde expuxo as peticións que lle trasladou ao Goberno estatal para solucionar o déficit de profesionais.
Unhas medidas, enviadas ao Ministerio de Sanidade, que inclúen a "revisión dos requisitos de acreditación de unidades docentes" para formar máis médicos de Familia e a "convocatoria de prazas extraordinarias" de Medicina de Familia nos vindeiros procesos MIR para "cubrir as xubilacións previstas" nos próximos anos.
Queda pendente regular mediante "un marco común" a prolongación de xornada ordinaria, con axendas reguladas, horarios e indicadores de seguimento da actividade para as distintas categorías profesionais. Porén, a propia Consellería de Sanidade estimou de forma positiva o avanzado este martes ao sinalar que "valora o acordo acadado e o esforzo negociador das partes a prol do persoal que traballa na Atención Primaria". As negociacións continuarán con estes obxectivos pendentes para chegar a un novo acordo "antes do 30 de setembro".