A realidade desmente o soldo de 65.000 euros atribuído por Rueda aos médicos de familia

Vista do centro de saúde de Vite (Santiago) e fragmentos das táboas retributivas do persoal médico de familia do Sergas vixentes en 2022 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

O pasado sábado, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erguía a polémica ao cifrar en 65.000 euros "máis as gardas" o soldo dun médico de Atención Primaria que comece a súa andaina profesional nun centro de saúde do Sergas. 

Rueda ergueu a polémica ao afirmar -e reiterar logo- que un médico que comece a traballar na Primaria gaña "65.000 euros máis as gardas"

"Un médico de Primaria que veña co MIR simplemente aprobado nesa especialidade e que veña traballar, tería 65.000 euros máis as gardas. Creo que non é un mal soldo, sinceramente", respondeu Rueda nunha entrevista en Radio Galicia á pregunta sobre se as queixas polas malas condicións económicas que ofrece a Xunta tiñan que ver coa falta de profesionais. Horas despois, o presidente do Executivo galego insistiu, virando de novo o foco da problemática real e aclarando que as cifras que dera eran datos que lle trasladaba o Sergas, "polo tanto, datos obxectivos aos que lles remito para acreditar que iso é así". 

"Sosteño que iso é o que cobra un médico de Primaria que, que accede a ese diñeiro máis unha media do número de gardas, que non sei exactamente cal é. Pero si, esas cifras son as que me traslada o Sergas", teimou ante a incredulidade de profesionais, sindicatos e asociacións médicas que negan rotundamente os datos. 

Xente na sala de espera dun centro de saúde en Galicia CC-BY-SA Xunta

"É unha declaración miserable de alguén que sabe perfectamente que non está dicindo a verdade", di un profesional de Atención Primaria con décadas de experiencia no Sergas. "Mente dun xeito ruín", explica outro médico que apenas acumula un lustro como médico de familia. 

Médicos indignados acusan a Rueda de "mentir" e facilitan as súas nóminas, que roldan os 2.600 euros netos ao mes e os 48.000 brutos ao ano

Hai quen non dubida en achegar a Praza.gal unha nómina para desmentir os datos. A dunha médica de familia nun centro de saúde do Sergas, básica, con algún -pero poucos- anos de experiencia, con complementos por trienio, gardas e produtividade. Algo máis de 2.600 euros netos ao mes, cunha base de cotización roldando os 3.700 euros mensuais. Un salario en 14 pagas onde as dúas extras non teñen complemento ningún. Cerca dos 35.000 euros netos ao ano e, dependendo dos complementos, uns 48.000 brutos. 

CIG e CCOO acusan a Rueda de "sinalar os médicos de familia" ao querer acusalos de "non querer traballar" por un salario que, ademais, advirten, non é real

"Rueda sabe perfectamente que o que di é falso, pero está facendo un xogo para sinalar os médicos de familia, para dicir que non queren traballar por ese salario, que é o mesmo que botarlles a poboación enriba ante un problema, o da falta de profesionais na Atención Primaria, que ten que ver coa deterioración das condicións do traballo", reflexiona Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde. "O que hai é que buscar solucións á sobrecarga, á saturación e á situación dos centros de saúde, así como ao feito de que a xente que se licencie xa non queira optar por esta especialidade", insiste. 

Desde o sindicato nacionalista advirten de que ningún médico que empece nun centro de saúde chega ás cifras que dixo Rueda: "Nin de lonxe". Cifran entre 30.000 e 40.000 euros anuais netos as cantidades, dependendo das circunstancias de cada profesional, pero advirten tamén de que é "practicamente imposible" que un médico da Atención Primaria chegue a eses "65.000 euros máis as gardas" dos que falou o presidente da Xunta. 

Táboas retributivas vixentes no Sergas para 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Se cadra un médico veterano, que pase dos 60 anos, sumando trienios, carreira profesional, prolongacións de xornada, titorías de residentes e complementos varios pode chegar aos 60.000, pero mesmo así é complexo", explica un profesional do Sergas que coincide nesta análise con Javier González Castro, secretario xeral da Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO-Galicia. 

A retribución base dun médico de familia é de 42.000 euros brutos ao ano; atendendo ao que di Rueda, os complementos deberían sumar 23.000 euros

"O salarios base de todas as categorías son públicos e o presidente da Xunta sabe mellor que ninguén que o que conta non é certo", di González Castro, que sitúa en "arredor de 50.000 euros brutos, segundo as cartillas que teña e os complementos" o soldo medio dun médico de Atención Primaria. que acabe de rematar o MIR: "Algún andará por baixo deses 50.000 e outro poderá chegar aos 53.000". 

"Aos 65.000 euros non chega nin xente que leve 35 anos no Sergas e cobrando todos os suplementos posibles que proporciona o paso do tempo", engado Xosé María Dios, médico de Primaria en Outes e voceiro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que acusa a Xunta de "sinalar" os profesionais. 

Todos -sindicatos, asociacións e profesionais- insisten ademais en destacar que os salarios e as pagas de todo o persoal do Sergas son públicas. O documento sobre o funcionariado do Sergas especifica que a retribución base dun médico de familia é de 42.000 euros brutos ao ano (concretamente 41.989,52), na que se inclúe o soldo, complemento de destino, complemento específico, produtividade fixa e pagas extras, ao que habería que engadirlle logo outros suplementos a maiores como as gardas.  

Centro de saúde do Couto, en Ourense CC-BY-SA Sergas Ourense

De cumprirse o dito por Rueda, e obviando as pagas que el mesmo sitúa á marxe, estes complementos extras deberían supoñer 23.000 euros máis. Bastante máis da metade da retribución base que detalla a propia Xunta. 

Malia abrir o debate coas súas declaracións, o presidente da Xunta -neste xoves e en rolda de prensa tras o Consello- advertiu de que "o obxectivo" do Goberno galego "é que todos os profesionais, e por suposto os médicos, cobren o que merecen". Con todo, insistiu en que as cifras que achegou tíranse "dunha serie de datos obxectivos subministrados a partir dos datos do Sergas". 

Onde está o truco? Non o hai. O que Alfonso Rueda fixo foi equiparar o soldo dun médico de familia que empeza nun centro de saúde co salario medio que Sanidade di ofrecer aos facultativos especialistas de Atención Primaria, unha nova categoría da que a o Sergas vén de publicar a relación de admitidos no proceso selectivo por concurso de méritos para acceder ás 106 prazas. Así o recoñeceron fontes da Consellería a representantes do persoal.

Os sindicatos sitúan o salario medio anual dun médico de familia do Sergas nos 50.000 euros brutos anuais, moi lonxe do afirmado por Rueda

Malia que os sindicatos "dubidan" mesmo de que esta nova categoría alcance esa retribución, os 65.000 euros brutos son a cantidade que o Sergas difunde. Cunha matización: mentres que Rueda chegou a falar de que a esa cifra aínda lle habería que engadir as gardas a maiores, estes especialistas deberán compaxinar obrigatoriamente o seu labor nos centros de saúde con gardas nos Puntos de Atención Continuada (PAC), cunha media de dúas ao mes. 

Polo tanto, nese previsible salario medio xa estarían incluídas estas gardas obrigadas para a nova categoría de especialista de Atención Primaria, unha figura que non ten que ver co persoal que remata o MIR e que, segundo o presidente da Xunta, comeza a súa andaina nun centro de saúde cobrando, como mínimo, 65.000 euros anuais. Nin moito menos. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.