A Medicina Interna denuncia os "erros flagrantes" do Sergas ante a "saturación" e a falta de persoal

Persoal médico nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

A rebelión dos profesionais de Medicina Interna do Sergas, primeiro mediante unha carta dos xefes de servizo da especialidade dos nove hospitais públicos e logo coa ameaza de mobilizacións e folga por parte dos profesionais que rexeitaron o acordo difundido pola Consellería de Sanidade, escribe agora outro capítulo. 

A Sociedade Galega de Medicina Interna apoia as demandas do colectivo e reclama solucións ante a "saturación", "sobrecarga" e "erros de planificación"

Desta vez é a sociedade científica que representa os internistas en Galicia, Sogami, a que secunda as protestas e propón varias medidas á Consellería de Sanidade ante a "saturación", "sobrecarga", "erros flagrantes de planificación" ou "carga de estrés nunca antes vivida" por estes profesionais médicos. 

A Sociedade Galega de Medicina Interna alerta dun "aumento progresivo da demanda de asistencia" nos servizos de internistas que "non foi acompañada da adecuación dos cadros de persoal" nos hospitais, provocando "a saturación dos servizos sen terse planifica o seu correcto redimensionamento". 

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nunha comparecencia de prensa CC-BY-SA Xunta

Sogami acusa o Sergas de non adecuar o persoal ao aumento da carga asistencial e permitir que os máis novos marchen na busca de mellores condicións

No documento dirixido á Consellería, atribúelle "erros flagrantes de planificación" que veñen denunciando "desde hai anos". "Non se formaron internistas dabondo, nin para suplir as baixas por xubilación nin outras continxencias como permisos, excedencias, formacións externas ou adaptación aos novos modelos asistenciais", din, alertando tamén do "envellecemento" do persoal "sen recambio" e a perda dos internistas por "atoparen condicións máis atractivas na medicina privada, noutras comunidades ou en países da UE". 

Segundo lembran, a pandemia "tensionou aínda máis uns servizos xa moi fráxiles" e provocou unha situación de "sobrecarga" ante a que Sogami denuncia as "mostras de desconsideración e desprezo" cara a súa especialidade por parte das estruturas organizativas do Sergas. "É incomprensible", din. 

A entidade denuncia a "desconsideración e desprezo" cos internistas e advirte da "merma da calidade asistencial" e o "aumento da posibilidade de erro médico"

Sogami repara na situación dos hospitais comarcais, onde o internista ten un papel "principal e de responsable" pero onde "faltan especialistas". "Estes centros foron perdendo facultativos, tendo moitas dificultades para manter a atención continuada durante 24 horas", denuncian, culpando desta eiva á "falta de contratos atractivos aos internistas que incentiven e fidelicen". "Iso xerou importantes mermas nos hospitais comarcais e nos centrais, obrigando a algún persoal, desde hai meses, a realizar coberturas de gardas en hospitais lonxanos aos seus lugares de residencia, nalgúns casos a 120 quilómetros", engaden. 

O documento advirte que a sobrecarga provoca "a merma da calidade asistencial, impactando directamente na seguridade do paciente ao incrementar a posibilidade de erro médico". Ademais, alerta da "continuada presión asistencial" e a "situación emocional" que levaron xa a "unha carta de estrés nunca antes vivida polos internistas". 

Persoal sanitario nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

Ante este panorama, Sogami propón ao Sergas unha "análise seria e exhaustiva das necesidades" dos internistas en cada hospital e a "predefinición dos modelos de asistencia e as súas retribucións se fose o caso" nos momentos de "picos de maior afluencia e sobrecargas incontrolables". 

Sogami pide mellores condicións para os internistas novos e advirte da "falta de contratos atractivos"

Tamén solicitan que a Medicina Interna se implique na elaboración dun novo modelo asistencial "como elemento vertebrador asociado á Atención Primaria e aos demais servizos hospitalarios" e que a Consellería "considere a oferta das mellores relacións contractuais posibles aos internistas novos" para "fidelizalos e facelos sentir parte importante do sistema sanitario". 

Tamén reclaman "que se mobilicen todos os recursos necesarios para asegurar a cobertura das actividades dos servizos de Medicina Interna nos hospitais comarcais. "Os médicos internistas somos os mellores aliados para a Consellería de Sanidade á hora de buscar melloras no noso sistema sanitario", rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.