A rebelión na Medicina Interna insiste na "sobrecarga", na escaseza de persoal e na "precariedade" no Sergas

Profesionais sanitarios nun hospital de Galicia CC-BY-SA Xunta

Solucións ante a "sobrecarga asistencial" e "contratos máis estables". Unha vez máis, persoal sanitario rebélase contra a Xunta ante o que considera "precarización" e temporalidade dun traballo cada vez menos asumible. Como desde hai tempo as enfermeiras eventuais, profesionais de Urxencias, pediatras ou médicos de Atención Primaria, desta vez son os internistas os que se rebelaron contra o Sergas, que intenta -sen conseguilo- amornar unha protesta máis na sanidade pública galega. 

Os médicos internistas piden solucións ante a "sobrecarga asistencial" e reclaman "contratos máis estables", demandas semellantes á doutros colectivos do Sergas

Foi nesta semana cando os xefes de servizo de Medicina Interna de nove hospitais públicos mandaron unha carta ao conselleiro de Sanidade para denunciar a "situación de maltrato profesional" que din sufrir, sobre todo pola sobrecarga para un cadro de persoal "xa deficitario de seu". Como no caso da Atención Primaria, demandan que se incrementen as prazas MIR para substituír as baixas pero lembran tamén a "mala ou inexistente planificación" que se levou a cabo e que implica -como nos centros de saúde- que as masivas xubilacións previstas para o futuro poidan acabar por colapsar o sistema. 

Ademais, o novo tipo de contrato impulsado polo Sergas -que implica que un médico substituto nun hospital durante un ano terá que traballar ata catro meses noutro centro comarcal de difícil cobertura- provoca segundo os internistas que os facultativos máis novos opten por marchar a outra autonomía ou á sanidade privada. Fano ante unha opción que, denuncian, só "precariza máis o traballo" e "non ten sentido"

Profesional sanitario do Sergas CC-BY-SA Xunta

O Sergas anunciou un acordo cos xefes de servizo do que renegan os profesionais, que piden unha reunión co Sergas e ameazan con protestas e mesmo folga

Precisamente, e tras unha reunión o pasado xoves cos xefes de servizo, a Consellería de Sanidade anunciou un acordo e advertiu dese "compromiso mínimo": que médicos internistas con contrato de longa duración en hospitais de cabeceira que inclúan desprazamento temporal a outros centros, como os comarcais por necesidades de persoal, teñan que desprazarse para "cubrir esa asistencia". Mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou o "espírito construtivo" desa reunión  dun acordo do que se desmarcan os propios internistas, que critican que nesa xuntanza estaban só os altos cargos da administración, pero non representantes do seu colectivo.

De feito, persoal internista xa advertiu que levará a cabo "todas as medidas de protesta" que sexan necesarias e non descarta "mobilizacións nos centros hospitalarios que poderían culminar cunha folga" de non ser recibidos e non atopar solución ás súas demandas. Así se manifestaron varios deles este venres a través do sindicato O'Mega e logo dunha xuntanza "amplamente representativa do colectivo" de internistas que, segundo a Xunta, supón un total de 253 profesionais no Sergas, entre fixos e internos.

Estes profesionais reclaman unha reunión "urxente" co Sergas onde proporán varias medidas para paliar "a actual situación de urxencia sanitaria" coa que agardan "solucións definitivas". Ademais, advirten de que o déficit de profesionais "ascende a máis de 30" para alcanzar a media estatal e negan os datos da Xunta que aseguran que Galicia está por riba da media en España de persoal desta especialidades.   

Tamén o fixeron os internistas con vinculación laboral co Sergas, a través dun comunicado no que advertiron do envío dunha carta á Consellería. Entre as súas queixas, explican que os servizos de Medicina Interna "soportan unha actividade asistencial inasumible, moitas veces de preto do 170% do planificado, xerando unha situación caótica que pode comprometer a calidade asistencial ou a seguridade dos pacientes". 

Comesaña explicou que na reunión deste xoves cos xefes de servizo de Medicina Interna de todos os hospitais galegos, "que son os interlocutores a efectos de funcionamento dos servizos", estudaron "distintas alternativas" para a cobertura desta especialidade.

"Unha primeira foi a posibilidade de atrasar a OPE e os traslados correspondentes ou facela agora. Acordamos con eles que era mellor facela despois e, por tanto, unha vez tomada a decisión de non adiantar a OPE hai que cubrir as vacantes que hai en todos os hospitais e as necesidades de todos os hospitais, tanto grandes como pequenos", insistiu.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao PAC de Cee CC-BY-SA Xunta

Respecto diso, remarcou que acordaron coas xerencias revisar "cales son esas vacantes e cal é esa situación", análise que esperan ter nuns días. "Froito desa análise ofreceránselle os contratos correspondentes aos médicos que terminaron a formación, que estean dispoñibles nas listas de contratación", abundou.

Pero desde o colectivo de internistas insisten en que "fan falta máis profesionais" en lugar dese tipo de contratos que poden provocar que moitos médicos que rematen a formación acaben marchando fóra. "Non nos sentimos representados", din profesionais internistas respecto da xuntanza, da que din que non ten "sentido" porque foi unha negociación entre a Administración e xefes "colocados" por ela. Así, insisten no seu "desacordo" co "acordado". "É un parche malísimo", conclúen.

Os médicos internistas piden "máis profesionais" e culpan da fuxida de internistas novos á "precarización dos contratos" no Sergas

No comunicado, van máis aló, asegurando que a xuntanza "non reflicte o sentir da gran maioría do colectivo de internistas galegos". "Foi un intento de acalar voces a través das xefaturas de servizos" que, advirten, "non son os portavoces desta demanda colectiva de consideración de respecto e seguridade para pacientes e médicos". Para eles, o suposto acordo intenta "vender que a ratio de internistas en Galicia é máis que bo, cando en vez de atender os oito pacientes diarios que se recomendan, vemos 18". 

Entre as súas propostas, a cobertura do 100% as prazas vacantes en Medicina Interna, logo dunha análise detallada, e incentivar a ocupación das de difícil cobertura "con fórmulas que non castiguen senón que premien". 

Ademais, lembran que as causas da situación son, entre outras, a "progresiva falta de respecto e de coñecemento" da súa especialidade, o "aumento exponencial da demanda sen o aumento de efectivos", a falta de substitución en vacacións ou baixas e a "precarización dos contratos", que sinalan como causante da "fuxida de internistas novos buscando mellores condicións de traballo, tanto cara á sanidade privada, outras comunidades ou outros países da UE". 

Estudantes de Medicina na Universidade de Santiago © USC

Ante esta situación, e tras a carta de principios da semana, o Consello Galego de Colexios Médicos amosou o seu "acordo" coa protesta dos internistas e reclamou que se leven a cabo "de forma urxente as medidas necesarias coa memoria económica que corresponda" para "poñer fin a esta inaceptable situación" de sobrecarga asistencial que sofren. 

Nun comunicado, os colexios médicos de Galicia lembran que "a Medicina Interna é unha especialidade fundamental para a asistencia hospitalaria aos pacientes e para a docencia MIR de gran parte das especialidades médicas", polo que reclaman "condicións mínimas" para realizar o seu labor. 

Para o Consello, esa denunciada sobrecarga vén derivada "tanto do envellecemento poboacional, aumento de ingresos e pacientes crónicas e a pandemia da COVID, como da insuficiencia de persoal médico que, de maneira crónica, sofren estes servizos e derivada, probablemente, dunha mala planificación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.