Listas de espera "alarmantes", unidades "sobrecargadas" e "desasosego" de profesionais no ecuador do Plan de saúde mental

Protesta do Movemento Galego da Saúde Mental que rematou co cuarto de contención psiquiátrica do CHUAC © MGSM

“Temos un aumento de lista de espera como non se viu nunca”, critican desde o Movemento Galego da Saúde Mental, que advirte do escenario “desalentador e preocupante” no Sergas, que non está a cumprir coa contratación de profesionais anunciada por Feijóo en 2020

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) asegura que a inexistencia dunha memoria anual de seguimento do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 “non permite fiscalizar a implantación das medidas, nin avaliar a actividade da Xunta neste eido”, contradicindo un dos propios obxectivos do mesmo: a transparencia no acceso a información pública. Porén, no ecuador do plan –que se move no período 2020-2024– ven “anuncios”, “promesas”, “declaracións” e “algúns avances”, nun escenario “desalentador e preocupante”. 

Así, critican que as listas de espera en saúde mental no Sergas son “verdadeiramente alarmantes”, pois apuntan que se trata da cifra máis alta desde o ano 2014, matizando que a diminución do ano 2020 [con 4.907 persoas na lista de agarda, segundo o Sergas] non é real porque coa limitación de acceso á Atención Primaria adiáronse as derivacións a saúde mental. “Temos un aumento de lista de espera como non se viu nunca, pasando dunha lista de espera de arredor de 4.000 persoas en 2014 (en plena crise económica) a case 8.500 en 2019 (previo á COVID) e ás 10.000 persoas na actualidade”, aseveran desde a plataforma cívica sobre os datos a 31 de decembro de 2021 publicados este mes pola Xunta.

Feijóo acompañado do conselleiro de Sanidade e o xerente da área sanitaria de Ourense en febreiro, cando anunciou a contratación de 100 novos profesionais da saúde mental desde 2020 CC-BY-SA Xunta

Segundo os datos feitos públicos polo Sergas, as 10.020 persoas que estaban agardando por unha consulta de saúde mental nas diferentes áreas sanitarias –a 31 de decembro de 2021– levaban esperando 38,5 días de media. “As unidades de saúde mental están sobrecargadas, non poden facer fronte á demanda de atención, e coa frecuencia que sería necesaria para dar unha atención de calidade, conforme aos estándares esixibles e niveis de intensidade segundo a gravidade e urxencia”, salientan desde o Movemento Galego da Saúde Mental, para engadir que, con este panorama, “faise imposible a necesaria e eficaz coordinación e colaboración entre Administracións e sectores (sanitario-educativo-social) para unha atención integral”. 

Sanidade trasladou este mes que levan 117 contratacións de persoal ao abeiro do Plan de Saúde Mental. O MGSM advirte de que xa deberían ser 163

Sobre a base do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, o ex-presidente Feijóo anunciou en 2020 a incorporación de 241 profesionais ata 2024, que para o MGSM era “a metade do necesario”, pois desde a agrupación xa sinalaban que era preciso contratar “arredor de 560 traballadores”. Este mes, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou que levan 117 novas contratacións nesta primeira metade do plan para as unidades de saúde mental, cando a estas alturas “deberan ter contratado 163 profesionais”.

A respecto dos problemas para a captación de profesionais sanitarios de determinadas especialidades que alega a Consellería, o Movemento Galego da Saúde Mental incide en que son cuestións que “non responden ao déficit de profesionais formados, senón á desmotivación, á precariedade e ao desasosego do persoal de saúde no país”. Pois sinalan que “o entorno Sergas favorece a perda de traballadores, é irrespectuoso coa conciliación e os descansos e, en definitiva, non resulta atractivo e atraínte”.

Imaxe de arquivo dun acto do Movemento Galego da Saúde Mental © MGSM

“A realidade indica que ese aumento de persoal e unidades non leva sequera a manter estable a lista de espera de consultas de saúde mental, xa non falamos de diminuír, que sería o esperado”, manifestan. No momento actual, con listas de espera previsiblemente peores que as de decembro de 2021, este colectivo afirma que a Xunta está a rachar co principio de acceso universal á sanidade: “Québrase a equidade no acceso á atención sanitaria, aumentando as desigualdades de base que existen na sociedade, e converténdose nun círculo vicioso entre os determinantes psicosociais e o risco de mala saúde mental”.

“Québrase a equidade no acceso á atención sanitaria, aumentando as desigualdades de base que existen na sociedade” 

“Non podemos acostumarnos a estas cifras. Como non podemos acostumarnos a outras como poden ser as mortes por suicidio, que non diminúen nos últimos anos”. Por outra banda, lembran que o Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 inclúe a planificación anticipada de decisións e a contención cero. “Podemos afirmar sen xénero de dúbidas que son os obxectivos máis importantes de todo o plan, os que indican o cambio ao modelo de saúde mental baseado no enfoque de dereitos, tal como está establecido nas regulacións internacionais e nacionais, de obrigado cumprimento”, din. Pero ambos obxectivos seguen a estar incumpridos. 

“A Xunta suspende de forma categórica”, advirten, co exemplo do que sucede no Hospital Psiquiátrico de Conxo e as graves irregularidades que volveu constatar un informe do Defensor del Pueblo. Desta maneira, salientan que a falta de medidas que permitan superar o uso de prácticas coercitivas en saúde mental, como poden ser “as contencións mecánicas e farmacolóxicas”, atenta directamente contra dereitos fundamentais das persoas. 

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago CC-BY-SA Jglamela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.