O Defensor del Pueblo denuncia os obstáculos do Hospital de Conxo á inspección do centro e o MGSM responsabiliza á Xunta

Hospital de Conxo © David Simón

No seu informe anual o alto comisionado estatal detalla a "actitude reticente e pouco colaboradora" do director do Psiquiátrico na visita sorpresa realizada o pasado ano que achou numerosas eivas e mesmo a denuncia dunha presunta agresión sexual

No verán do pasado ano o Defensor del Pueblo volveu denunciar graves irregularidades no Hospital Psiquiátrico de Conxo, como xa fixera por exemplo no ano 2018. O Alto Comisionado estatal acudiu ao centro sen previo aviso e constatou numerosas eivas e evidencias dun "trato desigual e discriminatorio entre os homes e mulleres". A denuncia obrigou á Xunta a levar a cabo unha auditoría no centro que revelou instalacións deficientes, contención mecánica e doses "elevadas" de fármacos, entre outras eivas.

O pasado venres presentouse o informe anual do Defensor del Pueblo, un documento que ademais de dar conta das irregularidades anteriormente sinaladas denuncia as dificultades que tivo o equipo do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) en Conxo na súa nova visita para investigar a situación do centro e na que mesmo achou a denuncia dunha presunta agresión sexual a un interno do hospital. 

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago CC-BY-SA Jglamela

A visita sorpresa realizada no verán de 2021 constatou numerosas eivas e evidencias dun "trato desigual e discriminatorio entre os homes e mulleres

O informe detalla que o equipo de inspección foi atendido polo médico de garda e que "á vista da súa actitude reticente e pouco colaboradora solicitouse que se puxese en contacto co seu superior". Nese momento os inspectores mantiveron unha conversa telefónica co responsable do hospital, que declinou acudir. Ao día seguinte houbo "un breve encontro na cafetaría do hospital" co xefe de servizo e con outra responsable do hospital. E o terceiro e último día da visita o responsable do hospital finalmente aceptou acudir ao centro, despois de que o director do MNP o telefonase persoalmente para comunicarlle "uns feitos moi graves que un paciente revelou ao equipo", que debían ser "directamente coñecidos" e que reclamaban "actuacións concretas e urxentes pola súa banda", explica o informe do Defensor. 

Tratábase dunha "presunta agresión sexual a un interno do hospital", sinálase no documento, que detalla que "a persoa entrevistada manifestou ante o director do MNP e a técnica externa psicóloga actuante ter sido agredido sexualmente por un traballador vinculado ao centro". "A pesar diso, a actitude continuou sendo pouco colaboradora", conclúe o informe, que explica que o asunto foi posto en coñecemento da Fiscalía.

O MGSM sinala que esta "actitude obstaculizadora" enmárcase "dentro dunha estratexia máis xeral e continuada da Xunta de minimización ou mesmo negación das conclusións do informe"

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) salienta que "independentemente da responsabilidade que cada cargo intermedio teña no exercicio das súas funcións", esta "actitude obstaculizadora" enmárcase "dentro dunha estratexia máis xeral e continuada da Xunta de minimización ou mesmo negación das conclusións do informe do MNP, dilación nas medidas de solución, e responsabilización última do que ten que ver con vulneración de dereitos fundamentais".

Denuncia da actitude "pouco colaboradora" do responsable do hospital © Defensor del Pueblo

O MGSM denuncia "a vulneración de dereitos ás persoas con diagnóstico psiquiátrico ingresadas en centros sanitarios de Galicia", unhas situacións que se veñen repetindo de forma "recorrente" no Hospital de Conxo e sobre as que o Movemento critica que a Xunta vén negándose a actuar con contundencia. Xa no ano 2017 o Defensor del Pueblo denunciara a vulneración de dereitos dos pacientes e falta de recursos no Psiquiátrico de Conxo, unhas denuncias que non provocaron cambios na actitude do Goberno galego.

O Movemento Galego da Saúde Mental urxe a adopción de "medidas de acción que garantan os dereitos das persoas usuarias"

Ante as novas denuncias expresadas no seu informe do pasado ano unha vez máis a resposta do SERGAS consistiu nunha minimización dos problemas, reducindo a “casos puntais” as persoas que sofren contención mecánica no Hospital, sinalando unicamente que están “traballando” para seguir as recomendacións do Defensor del Pueblo e que están levando a cabo un “diagnóstico” da situación.

O Movemento Galego da Saúde Mental urxe a adopción de "medidas de acción que garantan os dereitos das persoas usuarias". O MGSM conclúe que "sobran boas palabras" e "documentos planificadores" e sinala que "o que falta é intención e firmeza para rachar a fenda de desigualdade, violencias e paternalismo na atención en saúde mental".

O MNP puxo en coñecemento da Fiscalía a denuncia dunha presunta agresión sexual a un interno © Defensor del Pueblo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.