A Xunta realizou o pasado mes de agosto unha auditoría sobre a situación do Hospital Psiquiátrico de Conxo, logo de que nos últimos anos fosen denunciadas graves eivas e irregularidades por parte do Defensor del Pueblo, a última vez nun informe feito público a finais do pasado mes de outubro.
O Sergas, a través da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios, realizou esta avaliación pouco despois da visita que técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) -organismo dependente do Defensor- realizaron ao hospital de Conxo e que deu lugar ao informe onde se denuncian graves vulneracións dos dereitos das persoas doentes e onde se inclúen unha morea de recomendacións á Consellería de Sanidade que quedaron sen resposta desde a Xunta.
A auditoría -da que non se fixeron públicos os resultados e da que non se sabía a súa existencia ata hai uns días- realizouse, ademais, cinco meses despois de que o Parlamento instase a que se fixese e a que se levasen a cabo todas as "medidas e indicacións para reverter os graves problemas" que o Defensor sinalara xa noutro informe de hai máis de tres anos, en 2018.
O Sergas fixo a auditoría logo da visita de técnicos do Mecanismo de Prevención da Tortura e cinco meses despois de que o Parlamento instase a levala a cabo
A realización da auditoría foi confirmada este xoves polo PP en comisión a través da súa deputada Encarnación Amigo durante unha proposición non de lei impulsada polo grupo do PSdeG e aprobada por unanimidade. Nela, a Cámara volve instar a Xunta a "adoptar as medidas necesarias" e "na maior brevidade posible" para "resolver as eivas e graves deficiencias" detectadas polo MNP. É a terceira vez que se aproba unha iniciativa semellante, cos votos do PP, tras facerse en 2018 e no pasado mes de marzo.
"Evidénciase que para a Xunta e o PP o Parlamento é de balde; votar a favor nesta Cámara é gratis", reprochou Julio Torrado, deputado socialista impulsor desta e das anteriores iniciativas pola resolución dos importantes problemas detectados no centro de Conxo. Logo de describir algunhas das "grandes eivas e deficiencias" denunciadas no hospital nun "dramático informe" que lle "quita a vergoña ao Goberno e o grupo que o sustenta", pediu á Xunta que "resolva xa a situación". "Xa non abonda con votar a favor dunha proposición; hai que ir máis aló porque todos seremos responsables", insistiu, tras lembrar que o sucedido no psiquiátrico levou a "anular a vida de persoas durante décadas por non tomar as decisións axeitadas".
O PP votou por terceira vez desde 2018 a favor dunha proposición na que o Parlamento insta a Xunta a "resolver as eivas e graves deficiencias" do hospital
"Se nos medimos por como tratamos os colectivos vulnerables, somos unha merda de sociedade", engadiu, tras lembrar que no hospital de Conxo hai persoas que levan máis de 50 anos pechadas e pacientes "en condicións indignas". "Neste país pechábase xente en cortellos porque saíra mal... Dá a impresión que no século XXI seguimos facendo o mesmo. Pídolles que arranxen a situación porque xa me dá igual gañar o debate, perdelo, votar mal ou aprobar unha proposición", insistiu con dureza.
Desde o BNG, a deputada Iria Carreira recoñeceu que ler o informe do MNP "pon os pelos de punta" e advertiu que é a constatación dun "punto negro onde se encadean carencias e desleixo tras anos e anos de abandono". Así, lembrou que ás graves irregularidades que sinala o Defensor del Pueblo únense os problemas nas infraestruturas e a falta de persoal e aclarou que o documento "é un verdadeiro relato de terror" que "deixa mal corpo".
"É vergoñenta e intolerable a situación, o maltrato a pacientes e ás traballadoras e ten que acabar dunha vez por todas", insistiu, tras asegurar que é "indigno que o Sergas manteña centros neste estado dentro da súa rede sanitaria".
BNG e PSdeG falan dun informe do Defensor que "é un relato de terror" sobre as "condicións indignas" dos pacientes en Conxo
Entre o indicado polo Defensor, trato discriminatorio ás mulleres, un caso de violencia sexual que foi abordado pola dirección dun xeito "deslexitimador e revitimizador", excesivas contencións mecánicas, estadías moi longas, falta de acceso á comunicación con familiares ou mulleres que sofren que unha situación de "maior dependencia", maior "deterioración" da súa saúde e "menor autonomía para as actividades da vida diaria".
Desde o PP, Encarnación Amigo -logo de destacar o incremento orzamentario con respecto á saúde mental ou de criticar o Executivo central-, recoñeceu a realización da auditoría por parte do Sergas e asegurou que neste ano dotouse ao hospital de dous psicólogos clínicos e dous terapeutas ocupacionais máis, ademais de dunha traballadora social. Respecto das longas estancias denunciadas, anunciou que Sanidade traballa na "desinstitucionalización" dalgúns doentes que son derivados a centros sociosanitarios e na mellora das condicións e dixo que a Xunta "vai acatar todas e cada unha das recomendacións do Defensor del Pueblo".
Ademais, lembrou que o xerente do Sergas, José Flores Arias, xunto coa xefa de servizo de Saúde Mental, María Tajes Alonso, e da directora de procesos da área sanitaria de Santiago, Fernanda López Crecente, reunuse o pasado martes cos representantes de asociacións de pacientes e familiares de persoas con enfermidade mental e discapacidade intelectual, para informarlles do contido das recomendacións formuladas polo Defensor e das accións previstas para este centro, entre as que se atopa "un plan de calidade." Unha xuntanza celebrada poucos días despois de que se fixese público o informe do MNP.
Rematado xa o debate sobre a iniciativa respecto do hospital de Conxo, a deputada do PP volveu pedir a palabra para aclarar que malia que si dixo que "había unha auditoría", nin ela nin o seu partido accederan a ela. "Non dixen que tiña o resultado desa auditoría", aclarou, logo de que o socialista Julio Torrado reclamase á Mesa que todos os membros da Comisión de Sanidade puidesen ter acceso a ela e mostrase o seu convencemento de que o documento si fora coñecido polo partido que sustenta o Goberno.