O novo informe do Defensor del Pueblo alerta de graves irregularidades no hospital de Conxo e aclara a falta de resposta da Xunta a todas as súas recomendacións
A finais do pasado mes de marzo, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha moción impulsada polo PSdeG na que se instaba a Xunta a "asumir o informe do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP)" respecto da situación do Hospital Psiquiátrico de Conxo e "levar a cabo todas as medidas e recomendacións que se indican para reverter os graves problemas sinalados nos vindeiros seis meses". Referíase ao documento elaborado en 2018 por este organismo adscrito ao Defensor del Pueblo tras a visita sorpresa levada a cabo en novembro de 2017 e no que se advertía de graves vulneracións de dereitos dos pacientes e falta de recursos.
Catro anos despois daquela avaliación -e superados xa os seis meses que se indicaron na moción para reverter os problemas no centro-, o Defensor del Pueblo vén de remitir outro contundente informe tras outra visita sen previo aviso o pasado mes de xullo. Desta vez, alerta de graves irregularidades e trato discriminatorio ás mulleres, ademais de denunciar un caso de violencia sexual e acusar a dirección do hospital de abordalo dun xeito "deslexitimador e revitimizador". Tamén advirte de numerosas eivas e detalla unha morea de recomendacións dirixidas á Consellería de Sanidade -un total de 17- nas que todas elas se aclara o mesmo resultado: "Sin respuesta".
O Parlamento instara a Xunta en marzo a levar a cabo en seis meses "todas as medidas e recomendacións que se indican para reverter os graves problemas"
O informe insiste, ademais, en denuncias que xa fixera catro anos antes, como as excesivas contencións mecánicas -inmobilizacións- levadas a cabo e relata que teñen "unha media de duración de 16 horas nas mulleres". "Sendo o caso máis grave a dunha muller que sufriu máis de 30 contencións nos últimos 2 anos, que leva 19 anos de ingreso e cun diagnóstico psiquiátrico para o que a propia institución non considera axeitada a súa estancia alí", relata nun exemplo da dureza da avaliación que levaron a cabo tres técnicos e o director do MNP, ademais dunha médica, unha psicóloga e unha psiquiatra externa.
Precisamente, a moción aprobada no Parlamento instaba tamén a Xunta a "solicitar unha nova avaliación" da situación no hospital de Conxo "ao propio MNP ou auditoría externa independente que valore o cumprimento e a situación do centro e das persoas alí ingresadas". Son arredor de 200.
Julio Torrado, deputado, voceiro de Sanidade do PSdeG e impulsor desta iniciativa na Cámara, lembra que xa hai tres anos o Parlamento asumira a necesidade de demandar unha solución ás irregularidades no psiquiátrico de Conxo. "Hai oito meses aprobouse de novo unha resolución para mellorar de inmediato a situación e testala, pero vese que os compromisos de Sanidade son pouco de fiar", di quen anuncia que dará "novamente voz ao drama" que se vive nese hospital e que xa anunciou que cuestionará ao Goberno sobre os avances nas melloras prometidas a vindeira semana en comisión parlamentaria.
"É un escándalo e confírmase o que xa denunciamos: que non hai mellora ningunha e que nada mudou no hospital de Conxo", di Julio Torrado (PSdeG)
Sospeita, en todo caso, que nada se avanzou, máis aínda despois do último informe. "Parece evidente que se confirma o que levamos denunciando hai tempo: que non hai mellora ningunha e que nada mudou", explica en conversa con Praza.gal tras advertir de que "nun caso así xa non valen medias tintas nin temperanza". "É un escándalo e require dunha solución inmediata", insiste quen non pode confirmar tampouco se se levou a cabo xa a auditoría externa que a Cámara instou a realizar e que a Xunta se amosara disposta a encargar en Conxo.
Fontes do Sergas confirman a Praza.gal que a auditoría externa si se levou a cabo, aínda que os seus resultados aínda non foron feitos públicos, e que o xerente do Sergas, José Manuel Flores, vaise reunir proximamente con asociacións de familiares de pacientes, profesionais e sociedades científicas para abordar a situación do hospital de Conxo.
Sexa como for, o novo informe do Defensor del Pueblo volve poñer en evidencia a situación dun hospital psiquiátrico do Sergas do que a inspección de 2017 alertara xa de pacientes inmobilizados de pés e mans máis de dez días, sedación química excesiva, doentes ingresados ata 50 anos e un anticuado modelo asistencial.
"O perfil da maioría dos pacientes -sinalaba aquel documento-, afástano da concepción actual das unidades hospitalarias psiquiátricas" e achégano a un modelo teoricamente xa desbotado da sanidade pública galega. Conxo era "o derradeiro dispositivo dos chamados antigamente manicomios", salientaba o MNP no encabezamento dunha denuncia pública que agora logo asumiu como propia a Fiscalía, que abriu unha investigación que foi arquivada no outono pasado ao non desprenderse a existencia de infraccións penais nas dilixencias practicadas.
O informe publicado hai só uns días -enmarcado dentro do proxecto de visitas con enfoque de xénero por parte do MNP- teima nas denuncias e nas súas resolucións deita luz sobre múltiples irregularidades. Así, advirte de que o persoal "carece de formación que contemple perspectiva de xénero e especialización no traballo con mulleres" e alerta, de novo, de que hai persoas "que levan máis de 50 anos ingresadas no centro".
O organismo do Defensor advirte tamén de que as mulleres ingresadas están en situación de "maior dependencia", maior "deterioración" da súa saúde e "menor autonomía para as actividades da vida diaria" ou que as do módulo pechado "non teñen un lugar para chamar ou recibir chamdas con intimidade, nin contan con acceso a móbiles ou vídeochamadas".
"Non existe ningún protocolo de prevención e protección da violencia de xénero ou calquera outro tipo de violencia ou abuso sufrido no centro hospitalario"
Ademais, o informe denuncia unha "clara división estereotipada de tarefas" segundo o xénero, non habendo muller ningunha no taller de xardinería, só dúas en carpitería e trece en lavandería. Tamén advirten de que "non se realiza ningún tipo de abordaxe terapéutico das adiccións", unha problemática "coñecida polo persoal" que adoita ser "motivo de sanción, de retroceso a modulo pechado e de penalización sen saídas ou sen actividades". Alén disto, aclaran que "non se garanten os dereitos sexuais nin reprodutivos das persoas residencias", así como "unha vivencia positiva da sexualidade".
Á marxe do citado caso de "violencia sexual" denunciado polo MNP, tamén se alerta de que "non existe ningún protocolo de prevención e protección da violencia de xénero ou calquera outro tipo de violencia ou abuso sufrido no centro hospitalario" e qeu tampouco hai "un protocolo de prevención de suicidios axustado a institucións residenciais de meida e longa permanencia".