O 29 de novembro do pasado 2017 unha delegación do Mecanismo Nacional de Prevención de la Tortura (MNP), organismo dependente do Defensor del Pueblo, presentouse por sorpresa no psiquiátrico de Conxo, centro dependente do Servizo Galego de Saúde en Santiago que actualmente alberga 221 persoas con diversas doenzas mentais. Algunhas, constataron, levan alí "períodos moi dilatados", entre "30 e 50 anos" e moitas delas padecen diversas vulneracións de dereitos. "O perfil da maioría dos pacientes -sinalaba o documento-, afástano da concepción actual das unidades hospitalarias psiquiátricas" e achégano a un modelo teoricamente xa desbotado da sanidade pública galega. Conxo era "o derradeiro dispositivo dos chamados antigamente manicomios", salientaba o MNP no encabezamento dunha denuncia pública que agora vén de asumir como propia a Fiscalía.
Como adiantou El País, a Fiscalía da Coruña vén de abrir unha investigación sobre o tratamento que os pacientes reciben en Conxo despois de que as pescudas do MNP lle fosen remitidas dende a asociación El Defensor del Paciente. Aquela inspección, desenvolvida por cinco persoas de perfil técnico, incluíu entrevistas co equipo directivo do psiquiátrico e con "algúns pacientes" e a análise de numerosa documentación. Como informou Praza.gal, as conclusións foron contundentes: as instalacións están "obsoletas" e presentan carencias evidentes como o feito de dispoñer dunha única psicóloga clínica. Esta precariedade, resaltaba o informe, deriva en "casos de sobremedicación de psicofármacos" nas "persoas de máis difícil manexo" ou no "uso de medidas de contención-inmobilización" como "castigo".
A Fiscalía da Coruña pescuda nas eivas detectadas nunha visita sorpresa ao psiquiátrico de Conxo do Mecanismo de Prevención da Tortura, que advertiu prácticas como "sobremedicación" ou "uso de medidas de inmobilización como castigo"
O persoal, dependente do Sergas, "trata os pacientes con respecto, agarimo e cercanía", subliñaba o informe. Pero non dá feito. A carga de traballo desbórdaas e, aínda por riba, carecen de medios adecuados para traballar. Diante destas acusacións e despois de que o Goberno galego optasen por non responder formalmente o informe, a Xerencia da área sanitaria de Santiago retrucou á súa publicación afirmando que "a ratio de persoal" de Conxo é "axustada ás necesidades e singularidades do centro, dentro dos estándares consensuados" e que ademais o centro "experimenta constamente obras de mellora e mantemento". En canto ás denuncias de sobremedicación e uso abusivo da "contención mecánica", encadraba as prácticas nas dinámicas habituais aplicadas baixo prescrición facultativa".
"Unha resposta vergoñenta do Sergas"
Os feitos denunciados dende o MNP e a resposta do Sergas causaron estupor en colectivos profesionais de atención a estes pacientes, como o Movemento Galego da Saúde Mental. Alén de ver constatadas as súas propias denuncias dos últimos anos, o MGSM considerou "inconcibible" que a resposta á "grave situación" reflectida no informe chegase dende "un órgano do nivel administrativo dunha Xerencia" e só como "reacción" á publicación do informe en medios como Praza.gal. "A inexistencia dunha resposta dende o máximo nivel" do Goberno galego, sinalou o Movemento a finais de xuño, supuña unha "desconsideración" que ademais evidenciou que Sanidade pouco máis achega que "vaguidades" ao respecto para "protexerse dunha posible esixencia de responsabilidades.
A Xunta respondeu ao informe "enmascarando os feitos máis graves e falseando os datos", di o Movemento da Saúde Mental
O Sergas, subliñou esta organización profesional, reaccionou á denuncia combinando "obviedades, como que as indicacións das medicacións dependen do persoal facultativo" con "faltas á verdade cando se di que os recursos profesionais existentes son os adecuados e se corresponden con estándares consensuados". Para que o Hospital de Conxo "cumpra a súa misión rehabilitadora" e non outras "propias de épocas pasadas", advertía o MGSM, cumpría comezar por incrementar o persoal e velar polos "dereitos das persoas" alí ingresadas. Pero Xunta, laiábanse, limitouse a tentar frear a controversia mediática "enmascarando os feitos máis graves e falseando datos obxectivables".
"A situación de Conxo non é máis ca un síntoma da decadencia do sistema de saúde mental de Galicia"
Tamén a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes Galicia) amosou a súa "fonda preocupación" polos feitos nos que agora indaga a Fiscalía. Nesta federación o informe do Defensor causou "estupor", a comezar polo feito de que o psiquiátrico de Conxo "sexa investigado" polo departamento encargado de previr a tortura. "Os manicomios -subliñou Feafes tras coñecer o informe- representaban unha realidade vergoñante" e tras os peches de centros deste tipo como os de Castro de Rei en Lugo ou O Rebullón en Vigo, "se non hai unha solución rápida e axeitada, o psiquiátrico de Conxo debe ser calusurado" e os seus pacientes, "derivados a recursos alternativos dignos e integrados na comunidade" tras unha "avaliación individualizada". Ao cabo, advirten, "a situación de Conxo non é máis ca un síntoma da decadencia do sistema de saúde mental de Galicia".