Inspectores sanitarios de Galicia únense ás críticas amosadas por oposición, persoal sanitario ou os catro colexios médicos ao plan impulsado pola Xunta contra as baixas. A Asociación de Inspección Sanitaria de Galicia, única que xunta os traballadores deste ámbito e maioritario no país, emitiu un comunicado no que expresa a súa "preocupación" polos "efectos" da recente instrución da Consellería de Sanidade que dá máis poder ás mutuas na tramitación e xestión das incapacidades temporais e as altas laborais.
A entidade defende que estas altas laborais "estean condicionadas só ao recoñecemento médico do traballador polo correspondente facultativo do servizo público de saúde", aínda que nalgúns casos poida ser expedida por inspectores pero "tamén tras o recoñecemento médico do afectado".
Os inspectores advirten que o protocolo modificado pola Xunta atribúe ás mutuas "unha relevancia superior á prevista na lexislación estatal" e intenta "impoñer aos profesionais das Unidades de Saúde Laboral unha actuación á que non obriga a norma do Estado".
A Asociación de Inspección Sanitaria de Galicia critica que o novo protocolo de baixas dea máis peso ás mutuas que á normativa estatal
Así, insisten na "necesidade de cumprir fielmente co previsto na lexislación estatal, como vía para actuar con obxectividade, integridade, neutralidade e responsabilidade, a prol dos intereses xerais da cidadanía". E fan fincapé en que "a norma estatal é clara e concisa, ao sinalar que a emisión do documento de incapacidade temporal, a baixa ou a confirmación do alta, debe ir precedida dun recoñecemento médico ao traballador que permita evidenciar de forma obxectiva e efectiva se persiste ou non a incapacidade para a realización da súa actividade laboral".
Os inspectores piden "salvagardar" a relación médico-paciente e "antepor a valoración clínica presencial nas propostas de alta"
Os inspectores defenden a mellora da eficiencia do sistema, "diminuíndo baixas evitables ou excesivamente prolongadas", así como "revisar e homoxeneizar" os procesos de incapacidade temporal. Pero súmanse ás críticas dos catro colexios médicos galegos e alertan de que hai que "salvagardar" a relación médico-paciente e "antepor a valoración clínica presencial nas propostas de alta".
Tamén lembran que o feito de que as persoas enfermas e de incapacidade temporal —"unha ferramenta terapéutica máis, lembran— "reciban as correspondentes retribucións mentres persiste a súa doenza é un avance social e un dereito da cidadanía que non debemos deixar que se deteriore".
"Recibir as correspondentes retribucións mentres persiste unha doenza é un avance social e un dereito que non debemos deteriorar", din
O colectivo asegura que todos estes temas serán abordados na reunión que os seus representantes manterán o vindeiro martes co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, de quen esperan "diálogo e consenso na defensa da seguridade e da calidade da atención sanitaria á cidadanía".
Precisamente, durante a súa intervención no Parlamento este mércores, Caamaño reduciu á "redución da burocracia" as polémicas medidas impulsadas pola Xunta na xestión das baixas, como a creación dunha autorización única para as probas ou tratamentos que realicen as mutuas co permiso da Inspección.
Ante as críticas da oposición, o conselleiro lembrou que é o Instituto Nacional da Seguridade Social quen establece o indicador de duración idónea das baixas e que incentiva por cumprilo. Ademais, asegura que as medidas levadas a cabo pola xunta "non implican ningunha alteración dos criterios clínicos".