Os catro colexios médicos esixen desligar incentivos salariais da redución das baixas

A antiga imaxe corporativa do Sergas, no centro de saúde da Valenzá (Barbadás) CC-BY-SA Sergas

O Consello Galego de Colexios Médicos considera que vencellar pluses salariais ou "elementos da carreira profesional ao acurtamento das baixas laborais xera importantes riscos éticos, clínicos e organizativos"

O condicionamento de cobrar unha parte do plus de produtividade do persoal médico de familia a que as baixas laborais dos pacientes non se estendan, ratificado pola Xunta aos centros de saúde nas últimas semanas, xerou amplas críticas sindicais e das forzas da actual oposición, BNG e PSdeG. Mais tamén vén de bater co rexeitamento corporativo da profesión médica a través dos seus catro colexios oficiais galegos.

A través do Consello Galego de Colexios Médicos, órgano que agrupa as catro entidades do persoal facultativo no noso país, advirten de que "ante as críticas e o rexeitamento xeneralizado, o máis adecuado" é "a retirada dese punto dos obxectivos anuais". "Porque "vencellar incentivos económicos ou elementos da carreira profesional ao acurtamento das baixas laborais xera importantes riscos éticos, clínicos e organizativos".

As dúas fórmulas empregadas polo Sergas para ligar o 10% do plus de produtividade do persoal médico de familia á duración das baixas dos pacientes que atenden CC-BY-NC-SA Praza.gal

Consideran os colexios médicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra que "a xestión axeitada da incapacidade temporal é unha responsabilidade compartida do sistema sanitario, da Administración, as empresas e a propia sociedade". E din compartir a necesidade de "mellorar a eficiencia" dese sistema, pero "sempre dende criterios clínicos, evidencia científica e respecto á independencia profesional".

O plan da Xunta "pode comprometer a relación médico-paciente, a calidade asistencial, a autonomía clínica" e a procura da "recuperación real e segura" de cada persoa de baixa, advirten

Neste sentido, coidan que vencellar o cobramento do 10% do plus de produtividade a que as baixas non vaian alén das táboas estándar -nalgunhas áreas sanitarias- ou a dar resposta a un mínimo do 80% das propostas de altas que formule a inspección -noutras- "pode comprometer a relación médico-paciente, a calidade asistencial e a autonomía clínica". Entre outros aspectos, porque "a incapacidade temporal non pode avaliarse exclusivamente mediante táboas estándar".

"Cada paciente -evidencian- é único e require unha valoración clínica individualizada" na que o "obxectivo" debe ser "sempre, a recuperación real e segura". Neste sentido, consideran un "obxectivo lexítimo" a "redución das baixas innecesarias", pero "converter a diminución de días de incapacidade nun obxectivo económico ligado á produtividade e á carreira profesional" pode "xerar efectos indesexados" nesa procura da recuperación da doenza que provoca a baixa. "Xestión eficiente, si, pero sempre ao servizo da saúde das persoas", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.