0 Gardados para despois

O Defensor del Pueblo denuncia vulneración de dereitos dos pacientes e falta de recursos no Psiquiátrico de Conxo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado mes de novembro dous técnicos do Defensor del Pueblo, dúas técnicas externas e unha asesora da Valedora do Pobo realizaron unha visita sorpresa ao Hospital Psiquiátrico de Conxo para coñecer as condicións das máis de 200 persoas que alí están ingresadas, en moitos casos de maneira continuada. Froito desa análise, o Defensor vén de publicar un informe no que detalla numerosas vulneracións dos dereitos dos e das pacientes, ademais dunha carencia xeral de recursos asistenciais para a súa adecuada atención, comezando por unha gran limitación do persoal contratado. O órgano remitiulle á Xunta unha serie de preguntas e de suxestións para mellorar o funcionamento do centro, pero o Goberno galego nin sequera respondeu a este envío.

En novembro persoal técnico das oficinas do Defensor del Pueblo e da Valedora do Pobo realizou unha visita sorpresa ao Hospital

No documento, a oficina do Defensor del Pueblo destaca que "o perfil da maioría dos pacientes ingresados no mesmo afástano da concepción actual das unidades hospitalarias psiquiátricas, aproximándoo á condición de centro residencial de saúde mental de longa estancia para pacientes cun trastorno mental grave e outras patoloxías asociadas, e con graves dificultades de integración social". Explica, ademais, que "as estadías de longa e moi longa duración dos pacientes obrigan a examinar a súa actividade e funcionamento desde unha perspectiva diferente á das estruturas de atención netamente sanitarias".

O órgano remitiulle á Xunta unha serie de preguntas e de suxestións para mellorar o funcionamento do centro, pero o Goberno galego nin sequera respondeu a este envío

Entre as eivas sinaladas no informe están a "insuficiencia xeral de recursos adecuados para a atención extrahospitalaria e sociosanitaria dos pacientes" e o carácter "obsoleto" das instalacións. E, sobre todo, faise fincapé na necesidade de contar con máis persoal para atender de forma axeitada ás máis de 200 persoas alí internadas. Coméntase, por exemplo, que "traballa unicamente unha psicóloga clínica no Hospital psiquiátrico, que atende fundamentalmente as dúas unidades de rehabilitación" e que "a presenza dun único facultativo internista resulta insuficiente". Ademais, sublíñase que "as traballadoras sociais que atenden os pacientes no centro suplen na práctica as funcións propias dos titores. Pola especialidade do centro, a carga de traballo para estas profesionais é alta, debendo revisarse as necesidades de incremento de dotación a estes efectos, ata que se produza unha eventual reconversión deste recurso asistencial".

Afírmase que se teñen "detectado casos de sobremedicación de psicofármacos nas unidades destinadas a persoas con máis difícil manexo"

Afírmase que se teñen "detectado casos de sobremedicación de psicofármacos nas unidades destinadas a persoas con máis difícil manexo". No texto faise referencia, así mesmo, a que "varios pacientes aludiron ao uso das medidas de contención -inmobiización de pacientes- como medida de castigo" e, ademais, as habitacións nas que poden realizarse estas contencións non están correctamente adaptadas para este uso. Finalmente, sinálase a ausencia de videovixilancia no pavillón onde residen os pacientes. E, igualmente, un gran número de eivas de tipo administrativo, de seguimento e control dos e das pacientes ou da capacidade de estes e estas para formular queixas ou suxestións. O informe destaca, iso si, que o persoal do hospital "trata os pacientes con respecto, cariño e cercanía".

 

"Un signo da grave situación da atención á saúde mental en Galicia"

"Á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia"

O Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) destaca que "á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia" e valora o documento como "signo da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental en Galicia". "En particular para os máis vulnerables da sociedade" -engade a plataforma- "xa que segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións asistenciais pre-Reforma Psiquiátrica e non se adoptan decisións".

"Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada desde o 2009, do incualificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos"

O MGSM denuncia, igualmente, que "o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se está a producir con frecuencia fóra das Unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE) situadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica". "A causa inmediata destas actuacións é a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á súa vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas", engade. "Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada desde o 2009, do incualificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais", conclúe.

 

Resposta da Xerencia Integrada de Santiago

En resposta ao informe elaborado polo Defensor del Pueblo e ás declaracións do MGSM, a Xerencia Integrada de Santiago afirma que "o ratio de persoal é xustado ás necesidades e singularidades do centro, dentro dos estándares consensuados" e destaca que "o centro experimenta constantemente obras de mellora e mantenemento". En canto á sobremedicación sinalada no informe, a Xerencia salienta que "forma parte da dinámica habitual do funcionamento da organización a revisión periódica da medicación dos doentes ingresados" e que "a pauta farmacolóxica é sempre indicada polo facultativo de cada un dos doentes". Así mesmo, explica que "xa existe un procedemento corporativo consensuado polos profesionais, sobre contención mecánica, que nestes momentos está en revisión" e nel sublíñase que o seu obxectivo é “protexer ao doente das lesións que se puidese ocasionar a sí mesmo e /ou previr que llas poidese ocasiona a outros”.

Ademais, sinala que "os doentes poden realizar queixas e suxerencias, de feito as realizan e son estudadas para a súa posible resolución" e anuncia que "a instalación dun sistema de videovixilancia estaba xa prevista e en fase de implantación nestes intres".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A derruba dun teito no Gil Casares de Compostela, unha mostra do "abandono do hospital"

Este xoves ao mediodía produciuse a derruba do teito dos pasillos de acceso ás unidades de UME-Paliativos e Psiquiatría no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela. Por fortuna non houbo danos persoais, pois nese momento se atopaba no lugar ningún paciente, acompañante ou persoal do centro. Para CC.OO. o sucedido é unha mostra "do abandono do hospital Gil- Casares por parte da Xerencia de Xestión Integrada".

Para CC.OO. o sucedido é unha mostra "do abandono do hospital Gil- Casares por parte da Xerencia de Xestión Integrada"

O sindicato salienta que "non se trata dun suceso illado", pois hai un mes produciuse outro derrubamento no mesmo Hospital, no servizo de Radioloxía, que obrigou a pechar o mesmo e trasladar a actividade ás dependencias do PAC de Santiago. Segundo relata a central, nos últimos anos xa se derrubaran partes do centro hospitalario como o baño da habitación dun paciente. "O desleixo é tal que, a pesares das denuncias efectuadas pola sección sindical de CCOO, a planta inferior do Hospital, por onde circulan os carros de comidas e que da acceso os vestiarios do persoal está constantemente inundada polas perdas de auga das tuberías da instalación de auga quente e calefacción", sinalan.