Un informe do Defensor logo dunha visita en xullo ao hospital constata graves irregularidades e un trato discriminatorio cara ás mulleres
O Defensor del Pueblo volve denunciar graves irregularidades no Hospital Psiquiátrico de Conxo. O Alto Comisionado estatal acudiu ao centro, sen previo aviso, entre o 6 e 8 de xullo pasados dentro do proxecto de visitas con enfoque de xénero e constatou numerosas eivas e evidencias dun "trato desigual e discriminatorio entre os homes e mulleres". Así o indica o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM), organismo que vén de facer públicas as conclusións da ficha de seguimento levado a cabo polo Movemento Nacional de Prevención da Tortura (MNP), entidade integrante do propio Defensor.
Neste documento, ao que tivo acceso Praza.gal, inclúese tamén a acusación dun caso de violencia sexual no hospital psiquiátrico, agora denunciada ante os tribunais tras a intervención do MNP, e advírtese de de que as mulleres ingresadas están en situación de "maior dependencia", maior "deterioración" da súa saúde e "menor autonomía para as actividades da vida diaria". Ademais, alerta de que a poboación feminina ten tempos de estadía máis prolongadas e menos posibilidades de marchar a un domicilio tras recibir a alta.
O Movemento de Prevención da Tortura advirte de que as mulleres teñen "maior dependencia e deterioración da súa saúde, menor autonomía" e máis tempo de estadía
Respecto do caso de abuso denunciado, o MNP asegura que a dirección do hospital "realizou unha abordaxe deste problema deslexitimador e revitimizador", unha actitude que a entidade di que verificou durante a súa visita e que "proba a dificultade de calquera tipo de revelación e a falta de protección fronte ao abuso".
O MNP xa recollera nos anos 2017 e 2018 unha serie de irregularidades -nalgún caso coa intervención da Fiscalía- que atentan contra os dereitos das persoas residentes no hospital de Conxo, "sen que a maior parte das cuestións denunciadas fosen resoltas e superadas", como lembra o MGSM.
O Defensor del Pueblo denunciara a "falta de información clínica e social dos pacientes (moitos deles residindo desde hai décadas)" e solicitara un rexistro do número, duración ou motivación das contencións mecánicas realizadas como paso esencial para o obxectivo de contención cero as condicións de habitabilidade do edificio ou as dificultades para un proxecto realmente rehabilitador, entre outras conclusións.
O Defensor denunciou un caso de abuso sexual e acusa a dirección de abordalo dun xeito "deslexitimador e revitimizador"
Agora, insiste en sinalar múltiples irregularidades ou negativos datos que non teñen explicación. Así, lembra que hai unha maior porcentaxe de mulleres ingresadas nun módulo pechado que no caso dos homes, sen saberse os criterios deste tipo de ingreso.
"No módulo pechado de mulleres recíbense queixas por falta dunha abordaxe psicólóxica, que é desautorizada pola figura do psiquiatra, así como pola negación do dereito do paciente ao cambio ou libre elección de persoal facultativo", di o MNP nas súas conclusións.
Na ficha tamén se denuncia que continúan a producirse contencións mecánicas, "cunha media de duración da contención de 16 horas nas mulleres, sendo o caso máis grave a de unha muller que sufriu máis de 30 contencións nos últimos 2 anos, que leva 19 anos de ingreso e cun diagnóstico psiquiátrico para o que a propia institución psiquiátrica non considera adecuada a súa estancia aí".
"Chove sobre mollado. É preocupante, intolerable e abafante", denuncia o Movemento Galego de Saúde Mental, que pide actuar xa
Ademais, denuncia tamén unha "clara división estereotipada de tarefas" segundo o xénero, non habendo muller ningunha no taller de xardinería, só dúas en carpitería e trece en lavandería. Tamén advirten de que "non se realiza ningún tipo de abordaxe terapéutico das adiccións", unha problemática "coñecida polo persoal" que adoita ser "motivo de sanción, de retroceso a modulo pechado e de penalización sen saídas ou sen actividades".
"Chove sobre mollado. É preocupante, intolerable e abafante", di o MGSM, que asegura que en 2021 estanse a "producir situacións que debían estar superadas desde hai moito tempo". "Pasaron demasiados 8M como para xustificar que non se faga nada. Non se pode perder un só minuto. Digámolo claramente, unha vez mais: en Galicia, na atención á saúde mental, se están a vulnerar dereitos fundamentais", conclúe.