En marzo de 2021, o Parlamento aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG na que se instaba a Xunta a "asumir o informe do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura" (MNP)" de 2018 sobre o hospital psiquiátrico de Conxo (Santiago). Tratábase de "levar a cabo todas as medidas" para "reverter", nun prazo de seis meses, "os graves problemas" que este departamento dependente do Defensor del Pueblo detectara nunha visita sorpresa ao centro en 2017.
O Sergas inspeccionou o psiquiátrico de Conxo no verán de 2021, un mes despois da segunda visita sorpresa do Mecanismo de Prevención da Tortura ao centro e cando xa pasaran catro anos dende que este departamento do Defensor del Pueblo sinalara eivas que o Parlamento pediu solucionar en tres ocasións
En xullo do mesmo 2021, o MNP inspeccionou outra vez o psiquiátrico sen previo aviso. Esa segunda vista saldouse con outro contundente informe que incluía entre as súas alertas aspectos como trato discriminatorio ás mulleres ingresadas, un caso de violencia sexual tratado de xeito inadecuado -segundo o organismo- e diversas irregularidades máis. Para emendalas, dirixiu á Consellería de Sanidade un total de 17 recomendacións que tiveron idéntico resultado: "Sin respuesta".
O pasado novembro, no transcurso dun debate parlamentario suscitado outra volta polo PSdeG ao respecto (no que foi aprobado por terceira vez aplicar o reclamado polo MNP), o PP afirmou que o Sergas realizara unha auditoría sobre o centro durante o mes de agosto de 2021. Isto é, cando xa case pasaran os 6 meses sinalados no propio Parlamento para solucionar o conxunto das eivas.
O contido dese documento non foi feito público, pero Praza.gal puido acceder a el a través dunha petición ao abeiro da lei de transparencia na que foi precisa unha intervención da Valedora do Pobo na súa condición de responsable da Comisión de Transparencia. Trátase dun documento de apenas catro páxinas produto dunha inspección interna, non dunha auditoría externa como a reclamada polo Parlamento, no que o propio Sergas reflicte algunhas das eivas denunciadas a respecto de contencións mecánicas, medicacións e deficiencias materiais das instalacións.
Segundo consta no documento, asinado con data de 13 de setembro, foi o 4 de agosto de 2021 -case un mes despois da segunda visita sorpresa do MNP e xa sen marxe para cumprir o prazo dos 6 meses- cando a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade solicitou á Xerencia do Sergas en Santiago diversa información sobre o psiquiátrico de Conxo. Concretamente, pediulle unha listaxe de pacientes ingresados a xullo de 2021, outra de "profesionais sanitarios de saúde mental" que traballasen no centro no mesmo mes, os protocolos de "actuación ante pacientes axitados" e mais un "rexistro de seguimento de aplicación de medidas de contención mecánica".
O psiquiátrico trasladou unha relación de 198 persoas ingresadas das que a inspección seleccionou unha mostra de 39, entre elas "10 dos 17 que foran obxecto de contención mecánica", segundo o "informe auditoría", que consta de 4 páxinas
Sempre atendendo ao reflectido no definido como "informe auditoría", a área sanitaria compostelá remitiu un censo de 198 pacientes ingresados e deles, a inspección seleccionou unha mostra de 39 "na que se incluíron 10 dos 17 que foran obxecto de contención mecánica". Nas historias clínicas de nove das 10 persoas sometidas a contención mecánica, indica, "constan rexistros (...) sobre a medida aplicada", polo que a inspección sinala que a ausencia nunha delas "pode tratarse dun erro". Sobre o persoal, indicou que "non dispón de información sobre os facultativos" con "formación reglada e rexistrada como cursos específicos en técnicas de desescalada verbal (contención verbal)".
No exame da documentación, a inspección analizou tamén os tratamentos farmacolóxicos da mostra de pacientes "para ver se se axustaban á ficha técnica" de cada medicamento. "Na revisión realizada non se detectaron desviacións a respecto da ficha técnica, aínda que nalgúns casos se observan pautas posolóxicas elevadas", conclúe.
"Visita de auditoría" en setembro
Segundo consta no informe, o traballo de inspección completouse o 3 de setembro cunha "visita de auditoría" ao psiquiátrico "co obxecto de avaliar in situ diferentes aspectos en relación coas medidas de contención" aos pacientes. No documento non consta se a visita foi sen previo aviso -como as do MNP- ou existiu unha advertencia previa de que se ía producir. Si detalla que "a visita se fixo en presenza da directora de procesos de soporte da área sanitaria e da supervisora de enfermaría" do propio hospital psiquiátrico de Conxo.
"Resultaría conveniente reforzar con persoal de enfermaría as quendas de noite" das Unidades de Atención Especial onde, segundo o informe, se realizan as contencións mecánicas
Nesa visita, indica, quedou acreditado que o psiquiátrico de Conxo "non dispón dun protocolo propio do centro sobre contención" e que se rexe polo xeral da área sanitaria ao respecto. As contencións mecánicas, abonda, realízanse en cuartos individuais situados nas denominadas Unidades de Atención Especial -unha feminina e outra, masculina-, nas que se controla o paciente a través dunha cámara e presencialmente "cada 30 minutos ou unha hora". O material utilizado para contencións mecánicas é "estandarizado e homologado", di.
Segundo a inspección, a Unidade de Atención Especial para homes "conta cunha enfermeira, tres auxiliares e un celador con quendas rotatorias" e polas noites "a unidade conta con dous auxiliares". "Resultaría conveniente reforzar con persoal de enfermaría as quendas de noite", sinala, antes de indicar que a unidade feminina ten "as mesmas características".
Alén das contencións, o informe sinala unicamente outros dous aspectos. O primeiro, que o centro non dispón "dunha normativa escrita que regule a saída dos pacientes", senón que "o réxime de saídas se realiza atendendo á valoración que realiza o equipo asistencial dos pacientes" en cada caso.
O segundo son as conclusións dun "breve percorrido por algunhas das instalacións, como o ximnasio, a sala de reunións-cafetaría e a cociña" na que observaron "certas deficiencias nas condicións do edificio" que non se dan na "unidade do centro que se rehabilitou e que presenta condicións moi óptimas de habitabilidade e confort". A Xerencia da área de Santiago, remata o informe, di ter a "intención" de "continuar coa rehabilitación das demais unidades en función das dispoñibilidades orzamentarias".