Conxo desde dentro: "A xente é tratada con cariño; para a maioría, a alternativa fóra do psiquiátrico é peor"

Hospital Psiquiátrico de Conxo © David Simón

O informe emitido polo Defensor del Pueblo o pasado mes de outubro para denunciar as graves eivas e irregularidades no Hospital Psiquiátrico de Conxo volveu sinalar un centro rodeado de escurantismo e sospeitas sen aclarar. O Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) -entidade dependente do Alto Comisionado Estatal- alertou desta vez do "trato desigual e discriminatorio entre os homes e mulleres" e de graves vulneracions dos dereitos dos pacientes, e insistiu nos problemas sobre estancias demasiado prolongadas e o excesivo uso de contencións mecánicas que xa denunciara en 2017 e 2018

"Hai problemas e faltan recursos humanos e materiais pero non hai maltrato; a xente é atendida con cariño", relatan tres persoas que traballan no hospital de Conxo

Sen ter dado resposta aínda ás numerosas recomendacións feitas polo MNP, a Xunta recoñeceu esta mesma semana que levou a cabo unha auditoría sobre a situación no hospital psiquiátrico xusto despois da visita dos técnicos do Defensor e mantivo unha reunión coas asociacións de familiares de persoas con problemas de saúde mental para tratar de mellorar a situación en Conxo. 

É tan grave a situación? Están ben atendidos os máis de 150 pacientes alí ingresados? Que opina quen alí traballa? Malia as dificultades para deitar luz sobre o centro, tantas veces estigmatizado, tres membros do seu persoal acceden a falar con Praza.gal. Prefiren manter anonimato, pero advirten -de primeiras- que lles custa entender "tanto escurantismo e falta de transparencia" arredor do hospital psiquiátrico. "Hai problemas e fan falta recursos humanos, materiais e específicos para a saúde mental, pero aquí non hai maltrato; a xente é atendida con cariño e en moitos casos só nos ten a nós", explica un deles. 

Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago CC-BY-SA Jglamela

No seu relato, estas persoas traballadoras en Conxo asumen "problemas" pero rexeitan a imaxe que se pode estar dando fóra do hospital psiquiátrico, ademais dalgunhas das denuncias do informe do Defensor. "O problema vén de atrás e arrátranse maneiras de traballar antigas que se están a corrixir", explican quen advirten que para moitos dos pacientes ingresados, o lugar "é xa a súa casa". "Isto é un centro hospitalario onde, teoricamente, éntrase para mellorar, recibir un tratamento e logo saír, pero durante moitos anos non sempre houbo ese propósito", engaden. 

"A maioría das persoas non ten apoio familiar nin social; os seus familiares prefiren que estean aquí e eles tampouco queren marchar"

Dende hai tempo, explican, a xerencia da área sanitaria de Santiago "fala de cambios e melloras pero aínda non dixo nada concreto". "Esa falta de concreción crea malestr no persoal", engaden. Ademais, aclaran que o Sergas creou equipos especializados para atender os casos de persoas que levan moitos anos ingresadas en Conxo -demasiados, ata máis de 30 nalgúns casos como denunciou o Defensor- pero que poderían facer vida fóra do psiquiátrico. 

"Antes non había intención de sacalos e mesmo as familias non querían, pero agora é diferente; inténtanse facilitar e conseguir os recursos específicos e necesarios para a vida fóra do hospital", contan. É aí cando adoitan chegar os problemas. "A maioría das persoas non ten apoio familiar nin social; os seus familiares prefiren que estean aquí e eles tampouco queren marchar", explica outro dos traballadores, que lembra unha conversa recente cunha paciente con recursos económicos e capacidade para vivir fóra e mudarse a unha vivenda comunitaria: "De aquí ao sitio que quero ir é ao cemiterio', díxome". 

No hospital de Conxo hai, explican, todo tipo de pacientes: desde persoas en rehabilitación que poderían ser "totalmente reinsertables" na sociedade con apoio e tutela, ata doentes crónicos e máis graves con menos posibilidades de aspirar a facer fóra vida normal. Tamén pacientes que "poderían ser mesmo totalmente independentes" coa medicación correspondente. "Xa hai xente non tutelada que sae fóra tomar café, ao mercado ou dar un paseo", explican. A cuestión é cando a proposta é marchar de vez. 

"A inmensa maioría non quere saír porque aquí séntese ben tratada e porque, aínda que non sexa o lugar perfecto, a alternativa que teñen fóra é moito peor"

"A inmensa maioría non quere saír porque aquí séntense ben tratada e porque, aínda que non sexa o lugar perfecto, a alternativa que teñen fóra é moito peor; é mellor o que aquí ten". Así llelo explican os propios pacientes a este persoal que conversa con Praza.gal. "Ninguén os quere", chega a dicir un traballador. 

"Unha vez que o equipo médico considera innecesario o ingreso, pola evolución favorable da súa situación sanitaria, as alternativas que ten a persoa son diversas e serán individualizadas en función da súa situación sanitaria, persoal, individual e da súa propia vontade", explica a Consellería de Política Social respecto das posibilidades que a Administración ofrece a estas persoas, tuteladas ou non, fóra do hospital. "Deste xeito, e considerando individualmente cada caso concreto, poderá acceder aos recursos sanitarios e sociais pertinentes ou voltar ao seu domicilio", continúa. 

Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago Dominio Público Feafes Galicia

Residencias que non queren persoas chegadas do psiquiátrico de Conxo ou pensións que as rexeitan: "Fóra séntense excluídos"

Os atrancos chegan nese momento. "A situación é complexa porque hai que respectar os seus dereitos e a súa vontade e, noutros casos, tratar coas familias", engade o persoal consultado por este diario. "Os recursos que ten a sociedade non sempre son os necesarios nin cumpren coas súas necesidades; fóra séntense excluídos", explican, logo de poñer varios exemplos sobre a problemática. 

"Hai poucos centros especializados ou recursos específicos; logo, hai pacientes que poderían perfectamente ir a unha residencia, pero moitos son novos e non queren ir xunto a xente moito maior; noutros casos, a propia residencia rexéitaos cando saben que veñen de Conxo, algo que ocorre tamén en moitas pensións", contan, tras adveritr de que, ademais, "moitas veces hai que pelexar con outras institucións e administracións para poder protexelos". "Hai hostais con cuartos libres que menten para non acoller algunha das persoas que sae do hospital psiquiátrico", recoñecen. 

Persoal do hospital de Conxo explica que as alternativas fóra do centro para os pacientes recuperados "son precarias"

No fondo do problema, a insuficiencia de recursos sociosanitarios públicos que non sexan residencias de maiores ou de discapacidade en Galicia. Como engadido, a cuestión económica. "As alternativas que teñen fóra son precarias; a maioría cobra a pensión non contributiva e nas pensións poden pedirlles ata 260 euros ao mes, máis logo a comida, a roupa... É moi complexo", din. "Aquí non pagan nada e están ben atendidos; non é que sexan só eles os que na maioría dos casos non queren marchar, senón que as familias tamén prefiren que queden, en moitos casos por un interese económico tamén", engaden. 

Nas vivendas protexidas, para persoas tuteladas e xestionadas por organizacións hai poucas prazas e a maioría para persoas autónomas, explican. "Se xa son maiores, hai que buscarlles unha residencia e aí volven os problemas", puntualizan. 

"Debería haber un baremo específico para estas persoas á hora de valorar o grao de dependencia", recomenda o persoal que atende a Praza.gal. "Como adoitan ser persoas cunha mobilidade total e sen aparentes problemas, non parece que teñan necesidades pero si as teñen aínda que non sexan visibles", aclaran.

Recomendacións do MNP á Xunta a respecto do psiquiátrico de Conxo e detalle sobre a ausencia de respostas da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ademais, o persoal responde ao informe do Defensor sobre as eivas e irregularidades. Recoñecen que o edificio "está deteriorado e precisa unha rehabilitación", que fan falta "recursos humanos" no hospital e "específicos" para quen intenta iniciar unha vida fóra del. Tamén asumen o "desleixo" que puido haber durante tempo, pero negan que se maltrate os pacientes ou que haxa discriminación por razón de xénero. 

O informe advertía dunha "clara división estereotipada de tarefas" segundo o xénero, non habendo muller ningunha no taller de xardinería, só dúas en carpitería e trece en lavandería. "Non apreciamos iso; inténtase respectar a vontade do paciente; se hai máis homes nalgunha actividade é porque as mulleres elixen outras". "O problema real aquí é que hai escaseza de actividades porque faltan terapeutas", contan. 

Respecto das contencións mecánicas, negan que se realicen de forma xeneralizada ou sen motivo. "Fanse para evitar que os pacientes se autolesionen e en casos moi específicos", explican. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.