A Xunta, a remolque do Defensor del Pueblo, muda a auditoría externa de Conxo que lle pediu o Parlamento por unha inspección interna

Hospital Psiquiátrico de Conxo CC-BY-SA Jglamela

Sanidade non comunicou o resultado aos deputados, que coñeceron da existencia do informe polo PP e non polo Goberno galego e cuxo contido é coñecido tras unha reclamación ao amparo da Lei de Transparencia

Desde que en 2018 o Defensor del Pueblo, responsable en España do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, denunciou vulneración de dereitos e falta de recursos no hospital psiquiátrico de Conxo tras unha visita sorpresa, o Parlamento xa pediu á Xunta en tres ocasións co apoio de todos os grupos, tamén do PP, que se solucionasen as eivas dese centro. Así o fixo o pasado marzo, nunha iniciativa que pedía que a situación se resolvese en seis meses e se fixese unha nova auditoría externa.

O que fixo a Consellería de Sanidade ao límite dese prazo, e só tras unha nova visita sorpresa do Defensor del Pueblo, non foi unha auditoría externa senón unha inspección interna polo seu propio persoal de menos de catro folios que vén de ser desvelada por Praza.gal e que aínda así segue a reflectir a existencia de “deficiencias nas condicións do edificio”, aplicación da contención mecánica a case un de cada dez pacientes e doses “elevadas” de fármacos.

Fragmentos do "informe auditoría" da inspección do Sergas sobre o hospital psiquiátrico de Conxo, ao que tivo acceso Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

A iniciativa parlamentaria aprobada en marzo a proposta do PSdeG e co apoio de PP e BNG pedía reverter as eivas de Conxo detectadas e denunciadas máis de dous anos antes polo Defensor del Pueblo. Daba á Xunta seis meses para facelo e pedía que despois se fixese unha nova auditoría externa para comprobar o resultado.

A comezos de xullo o Defensor del Pueblo fixo unha nova visita a Conxo cuxas conclusións novamente críticas coñecéronse en outubro, o que suscitou novas iniciativas parlamentarias en resposta ás cales o PP asegurou que tras a nova visita do Defensor xa se fixera a auditoría reclamada. Ante as críticas do resto de grupos por non dispoñer dese documento os populares mesmo matizaron que sabían da realización da auditoría pero que tampouco eles a tiñan. 

Nese contexto, a comezos de novembro Praza.gal reclamou á Consellería de Sanidade, en aplicación da Lei de Transparencia, esa “auditoría externa” solicitada en marzo polos grupos parlamentarios e que aínda non foi trasladada ao Parlamento. A Xunta saltou a Lei de Transparencia, como adoita facer ante peticións de acceso a documentación, e non contestou nada no mes de prazo fixado na norma. Este diario recorreu ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, que pediu explicacións a Sanidade. E finalmente a comezos deste mes de xaneiro a consellería resolveu oficialmente “conceder o acceso á información pública solicitada achegando informe de auditoría emitido pola Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios”, o documento que agora vén de divulgar Praza.gal.

Recomendacións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura á Xunta a respecto do psiquiátrico de Conxo e detalle sobre a ausencia de respostas do Goberno galego CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os inspectores da Xunta visitaron Conxo o 3 de setembro, dous meses despois da nova visita sorpresa do Defensor del Pueblo

Pero malia que a propia consellería di entregar a información solicitada, a “auditoría externa” reclamada por este diario, o facilitado é unha inspección interna realizada por persoal da propia Xunta. No informe reflíctese tamén como Sanidade actuou tras a nova visita do Defensor del Pueblo de comezos de xullo. Así, non foi ata o 4 de agosto que a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios pediu á Xerencia da área sanitaria de Santiago diversa documentación sobre os pacientes que había en Conxo no mes de xullo, cando a visita do Defensor. Esa documentación non foi recibida polos inspectores ata o 31 de agosto. 

É o 3 de setembro cando os inspectores de Sanidade realizan o que se denomina “visita de auditoría” a Conxo para “avaliar in situ” o centro. Unha visita da que non se indica se foi ou non por sorpresa como as do Defensor del Pueblo, só que se fixo “en presenza” de responsables do centro e da área sanitaria e que segue constatando eivas no centro.

Finalmente, o 13 de setembro os tres inspectores asinan o seu informe, cuxa existencia rematou revelando o PP, non a Xunta, a comezos de novembro, só tras coñecerse a nova visita a Conxo do Defensor del Pueblo. Aínda así, o seu contido non foi facilitado ao Parlamento senón que tivo que ser obtido por Praza.gal a través da Lei de Transparencia. 

A resolución pola que a Xunta finalmente entrega o documento de inspección interna en resposta á pregunta pola auditoría externa e o fai incumprindo os prazos previstos pola Lei de Transparencia e tras a intervención da Valedora do Pobo está asinada novamente polo número 2 de Sanidade, o secretario xeral da consellería, Alberto Fuentes, responsable no pasado noutros procedementos similares de asegurar que o comité clínico que asesora á Xunta fronte á COVID non levantou acta de ningunha reunión en toda a pandemia, que Sanidade non ten datos dos novos casos de COVID en cada centro educativo, de negarse a dicir cantas persoas morreron por COVID en cada residencia porque tería que "reelaborar" os datos, de ocultar pactos cunha multinacional sanitaria,  entre outros entorpecementos á transparencia e á circulación de datos abertos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.