A consellería, que a diario informa dos casos activos, négase a responder a unha petición de transparencia sobre os novos positivos alegando que non é competencia súa senón de Educación e obvia a Política Social
A Consellería de Sanidade vén de constatar nunha resposta oficial a fragmentación existente no seguimento por parte do Goberno galego da pandemia da COVID-19 ao asegurar que non dispón de datos sobre os novos casos da enfermidade que se van rexistrando como asociados aos centros educativos. Sanidade é a consellería que a diario informa aos medios de comunicación dos casos activos en cada momento en cada centro, pero preguntada polos novos positivos, dato moito máis relevante para coñecer a evolución da pandemia, remite á Consellería de Educación argumentando que ela mesma non dispón desa información. Tamén obvia os centros dunha terceira consellería, a de Política Social, competente sobre as escolas infantís.
A resposta de Sanidade tras unha solicitude oficial de transparencia formulada por Praza.gal chega despois dunha nova petición de explicacións por parte da Valedora do Pobo tras o silencio e a superación dos prazos legais cos que a Xunta adoita incumprir a súa propia Lei de Transparencia. Por outra banda, a contestación de Sanidade dicindo que non ten datos sobre os novos positivos que se rexistran vinculados a centros educativos emítese despois de que a mesma consellería sinalase que o comité clínico que a asesora fronte á COVID non levantou acta de ningunha das súas reunións en toda a pandemia. Igualmente, Sanidade negouse a dicir cantas persoas morreron por COVID en cada residencia de maiores argumentando que tería que "reelaborar" os datos.
Tras cada xornada lectiva, a Consellería de Sanidade remite aos medios de comunicación unha listaxe co número de casos activos de COVID en cada centro educativo non universitario de Galicia así como nas escolas infantís. Na última actualización, emitida este 19 de maio, son 579. Neses correos, a propia Sanidade sinala que “para calquera consulta de medios relacionada cos datos dos centros educativos, por favor, contacten coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade” e engade que “no caso das escolas infantís, póñanse en contacto coa Consellería de Política Social”.
Dado que os casos activos non reflicten a evolución da pandemia tan ben como os novos positivos e impiden saber cales son os centros con maior incidencia da enfermidade, Praza.gal formulou o 9 de marzo unha petición oficial a Sanidade para ter acceso a ese detalle de novos casos en cada centro ao amparo da previsión contemplada na Lei de Transparencia que entende como información pública “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder” dalgunha administración e que “fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
Sanidade di que a competencia para informar dos novos casos é do órgano "que posúa a información, que consideramos é Educación", á que di que remitiu a petición e que tampouco respondeu superado o prazo que dá a Lei de Transparencia
Ante o silencio da Xunta, e superado amplamente o prazo dun mes que a Lei de Transparencia dá á administración para responder, formulouse reclamación ante a Comisión da Transparencia de Galicia, competencia da Valedora do Pobo, que o 11 de maio pediu explicacións a Sanidade. Uns días despois chegou finalmente a resposta oficial á petición de transparencia inadmitindo a solicitude “por falta de competencia desta Consellería de Sanidade”, supostamente a máxima responsable da loita contra a pandemia en Galicia.
Asinada polo secretario xeral técnico da consellería, Alberto Fuentes Losada, a resposta sinala que a competencia para responder á petición sobre os datos de novos positivos relacionados co ensino é do órgano “que posúa a información, que consideramos é a Consellería de Cultura, Educación e Universidade”. Nada di a resposta oficial sobre a Consellería de Política Social á que tamén remiten os correos informativos diarios sobre os casos activos.
Malia que Sanidade non respondeu á petición de transparencia ata que interveu no caso a Valedora do Pobo, di agora que o 7 de abril, un mes despois da solicitude, ela mesma lla remitiu a Educación. Outro mes máis tarde desa suposta remisión da petición entre consellerías tampouco Educación respondeu aínda.