Nos primeiros días do curso escolar, a Xunta anunciou aos medios de comunicación a súa intención de difundir a diario -de martes a sábado- datos relativos á incidencia do coronavirus nos centros de ensino, toda vez que a pandemia está a ser o elemento clave no inicio do período lectivo. Esta decisión, que supuxo un avance na restritiva política informativa do Goberno galego a respecto da COVID-19, concretouse nun xeito de presentar a información que limita o seu alcance en forma e fondo e que agora xa impide saber cantos casos novos hai cada día no eido do ensino.
A Xunta remite aos medios datos sobre os casos "activos" de coronavirus nos centros educativos, que polo momento non divulga para a cidadanía en xeral
Cando menos de momento -e ao contrario do reclamado polos sindicatos do ensino-, esta información non é publicada para a súa consulta pola cidadanía en xeral e unicamente é remitida á prensa. Consiste nunha táboa de datos non reutilizables directamente (como norma xeral, en formato pdf) que se especifica o nome de cada centro educativo con casos de coronavirus, o concello no que se atopa, o número de positivos e aulas clausuradas e, se é o caso, se o colexio de que se trate tivo que pechar. Non detalla se os casos se corresponden con alumnado ou con persoal do centro.
Como sucede nos comunicados que a Consellería de Sanidade divulga cos datos xerais da COVID-19 en Galicia, os casos da epidemia nos centros de ensino son publicadas en termos de positivos activos. Durante os primeiros días, estas cifras só medraban porque aínda non dera tempo a que se rexistrase ningunha alta, polo que todos os aumentos de casos activos eran sinónimo de casos novos. Pero esta semana deixou de suceder e os datos do 7 de outubro indicaban 419 positivos, seis menos que un día antes.
Ao non especificar as cifras de altas, non é posible coñecer cantos casos novos se rexistran en cada centro nin no cómputo global de Galicia
Como nos comunicados cos datos xerais da COVID-19 para Galicia, a Xunta non indica o número de casos novos. Pero ao contrario que nese partes, non especifica cantas altas se produciron. Non o fai nin na suma global de casos nin tampouco na referencia a cada centro en concreto.
Daquela, esa diminución de seis casos pode implicar que non houbese casos novos e se rexistrasen seis altas. Pero tamén que si houbese novos positivos, pero que fosen seis menos que o número de altas que se rexistrasen, no caso de existir.
Peticións reiteradas de transparencia
Esta eiva na presentación dos datos engádese a inexistencia dunha serie pública e aberta sobre a evolución do coronavirus en Galicia, ao contrario do que sucede na maior parte do Estado
Esta eiva na presentación dos datos engádese á inexistencia dunha serie pública e aberta sobre a evolución do coronavirus en Galicia, tanto nos centros de ensino como para a cidadanía en xeral. A divulgación deses datos en formatos abertos e completos é a tónica xeral na maior parte das comunidades autónomas e tamén por parte do Goberno de España a través do Instituto de Salud Carlos III.
En Galicia a oposición parlamentaria, concellos e colectivos como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia veñen reivindicando a publicación íntegra dos datos. Estas peticións non tiveron éxito ata o momento, máis alá do anuncio lanzado esta semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, segundo o cal o Goberno galego ofrecerá, dúas veces á semana, senllos mapas da incidencia acumulada da doenza a sete e catorce días nos concellos galegos. Non especificou, non obstante, se ese avance incluirá datos abertos ou series completas.
CIG-Ensino, que reitera a petición de que os datos sexan públicos, anuncia que os divulgará a diario mentres non o faga a Consellería
No eido específico dos centros educativos, o sindicato maioritario do sector, a CIG-Ensino, reiteraba esta mesma semana a súa esixencia de transparencia. O sindicato asegura recoller "diariamente o malestar da comunidade educativa sobre a xestión da pandemia" nas aulas e, máis concretamente, a respecto dos datos de casos positivos nos centros de ensino. "
Moitas familias e persoal docentes están sabendo pola prensa que nos eu centro houbo algún caso" e por iso "pedimos expresamente á Consellería que publicase diariamente estes casos no seu sitio web" para "evitar esa sensación de opacidade" que polo momento, non foi subsanada. Por este motivo, anunciaban este mércores, a propia CIG-Ensino disponse a publicar os datos na súa web "ata que a Xunta decida levar a cabo a súa publicación en aberto".