A Xunta estende as restricións pola COVID-19 a Vilagarcía e ao Milladoiro e enduréceas no barrio ourensán do Couto

No barrio ourensán do Couto amplíase a zona con restricións reforzadas CC-BY-SA Foto: Turismo de Galicia | Montaxe: Praza Pública

Nova mudanza no mapa de restricións adicionais para tentar conter brotes puntuais ou rebrotes da pandemia do coronavirus en diferentes puntos de Galicia. Mentres o Goberno galego continúa sen ofrecer datos da evolución da COVID-19 por concellos por consideralo "perigosísimo" -en verbas do presidente da Xunta-, a propia Consellería de Sanidade continúa a ofrecer pistas sobre os lugares do país con peor evolución, toda vez que segue a apostar por restricións por concellos e mesmo por barrios ou rúas, no canto de impoñelas de xeito máis xeral.

Os cambios anunciados a través dun comunicado este 23 de setembro atinxen sobre todo tres municipios: Vilagarcía, que se incorpora ás restricións por primeira vez; Ames, que tamén ten restricións adicionais aínda que só no núcleo do Milladoiro, lindeiro con Santiago; e mais Ourense, onde se estenden a máis rúas do barrio do Couto a área de restricións reforzadas.

As restricións seguen "sen cambios" en Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e Verín, así como no resto do concello de Ourense e nos barrios da Coruña onde xa estaban vixentes

Como adoito, unha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia concretou as medidas que, non obstante, xa bosquexara a propia Consellería e que continúan "sen cambios" en Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e Verín. Tamén no resto do concello de Ourense e nos barrios da Coruña onde xa estaban vixentes. 

Nas áreas con restricións xerais, lembra a Xunta, os límites atinxen á prohibición de reunións de máis de 10 persoas "tanto privadas como na vía pública. Tamén atinxen á capacidade de comercio e hostalaría, restrinxida ao 50% e con prohibición de consumo en barra, e á reducións no límite de asistentes en "celebracións, velorios e lugares de culto. Estas medidas duran unha semana, cando volverán ser revisadas polo Comité Clínico para endurecelas ou suspendelas.

Restricións reforzadas no barrio ourensán do Couto

Segundo o disposto este mércores pola Xunta, que non ofrece dato ningún na súa explicación públicas das medidas, a situación epidemiolóxica recomenda "ampliar a área con especiais restricións" na contorna do barrio do Couto, en Ourense. Concretamente, ao "ámbito territorial delimitado" pola rúa do Progreso (da Ponte Romana á Praza de Abastos), o camiño Lobisome, as rúas Salto do Can, Carballo e Sobreira e a estrada N-525 ata a avenida da Ribeira Sacra.

Nesta zona de restricións reforzadas, como xa viña sucedendo nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Jesús Soria e Avenida de Portugal, o límite ao dereito de reunión de persoas que non convivan restrínxese a 5 persoas e os bares só poden atender nas terrazas, tamén con ese límite de media decena de persoas por mesas. Os restaurantes "poden servir no interior", pero con ese límite de cinco persoas.

Área restrinxida no Milladoiro

No Concello de Ames, lindeiro con Santiago, a zona de restricións é máis local. Cínguese á totalidade do núcleo do Milladoiro, aínda que nun primeiro comunicado a Xunta o limitara unicamente á contorna delimitada pola avenida Rosalía de Castro -en ambas beiras- e a rúa Anxeriz. Os límites das restricións eran os marcados polas "interaccións coas rúas Raxoeira, Pardiñeiros e Figueira", pero finalmente esténdense a todo O Milladoiro, núcleo do municipio de Ames situado entre Compostela e Teo.

A Xunta continúa a negarse a publicar datos da pandemia por concellos ou comarcas, que só transcenden puntualmente a través dos autos xudiciais que ratifican as restricións

A necesidade de que estas medidas reciban ratificación xudicial permitirá, outra volta, obter información sobre a situación epidemiolóxica destes concellos e barrios no caso de que os correspondentes xulgados e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidan facer públicos os autos correspondentes. 

O Goberno galego, pola súa banda, apenas ofrece algúns datos puntuais ao respecto cando publica as restricións no DOG, pero négase explicitamente a publicar datos da COVID-19 a nivel municipal ou comarcal, tal e como fan a maioría das comunidades autónomas. Tamén segue sen divulgar unha serie histórica completa sobre a evolución da pandemia no conxunto de Galicia e evitando facer pública con formato de datos abertos a información que si difunde. [Autos xudiciais revelan datos do coronavirus por concellos que a Xunta se nega a publicar]

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.