Os novos casos de coronavirus volven superar os 250 nun día en Galicia, 90 en residencias

A residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira (na imaxe) rexistrou un forte brote de coronavirus CC-BY-SA Imaxe: Fundación San Rosendo | Montaxe: Praza Pública

A segunda vaga da pandemia do coronavirus en Galicia segue transitando por unha caste de meseta con subidas e baixadas e unha lixeirísima tendencia descendente que este mércores, 23 de setembro, frea un pouco máis. Os datos divulgados pola Consellería de Sanidade, correspondentes ao día anterior, indican que na última xornada foron detectados 251 novos casos da COVID-19 en Galicia con dous focos que destacan sobre o resto: as residencias de maiores e persoas en situación de dependencia, con algo máis de 90 novos casos, e a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, con 50.

Na última xornada non se rexistraron falecementos de persoas coa COVID-19, polo que o total continúa sendo 721

Os "positivos activos", indicador de referencia para a Xunta -que non dá a coñecer directamente o número de novos casos- chegan este 23 de setembro a 4.460, o que supón 110 máis e o maior incremento nunha xornada dende o pasado 9 de setembro. Este efecto estatístico prodúcese porque os devanditos 251 casos novos son menos que as novas "curacións", que con 141 elevan o total a 17.308, cifra na que tamén se inclúen as persoas que deron positivo en test de anticorpos e non tiñan síntomas, polo que nunca foron previamente casos "activos".

Fortes brotes en residencias de maiores de Lobeira e Oleiros

Nunha xornada na que a nota máis positiva é que non foron rexistrados novos falecementos ligados á pandemia nas últimas vinte e catro horas -seguen sendo, daquela, 721-, o aspecto máis preocupante remite de novo ás residencias de maiores e persoas con discapacidade, onde a Xunta anunciara que ía realizar máis probas. Así, os datos deste 23 de setembro reflicten dous brotes significativos nestes centros, un en Lobeira e outro, en Oleiros.

A residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira, suma 61 novos positivos entre residentes e membros do cadro de persoal. Outros 23 correspóndense co centro Ballesol de Oleiros

Sempre segundo os datos divulgados pola Xunta, o brote de Lobeira situouse na residencia Nosa Señora do Viso, da Fundación San Rosendo, con 47 positivos por COVID-19 entre as persoas residentes e outros 14 entre o persoal. En total, 61 casos que provocan que os "positivos activos" na área sanitaria de Ourense medren en 61 (nas últimas horas detectáronse outros surtos na provincia, de menor dimensión).

O brote de Oleiros sitúase na residencia Ballesol, con 23 novos positivos entre as persoas usuarias, o que eleva os "activos" nese centro a 30 entre os anciáns e 2 entre o persoal. En total, os novos casos en residencias de maiores e dependentes nas últimas vinte e catro horas suman 91 entre persoas usuarias e membros do cadro de persoal. Todos os novos casos son en centros de maiores agás 3, de persoal dunha residencia de discapacidade da asociación Aspronaga en Oleiros. 

Os novos casos equivalen a menos do 5% das novas PCR

Segundo o Sergas, os centros de maiores e dependentes suman 463 casos "activos" en total, aos que cómpre agregar outros 179 dos centros de ensino (contando alumnado e persoal, dezaoito máis que o día anterior). Son as contornas a priori máis sensibles nunha xornada na que o número de probas PCR volveu rozar os máximos rexistrados dende o comezo da pandemia. As máis de 5.500 probas realizadas, para un total de 440.382, provocan que os 251 novos casos detectados equivallan a menos do 5% dos test, limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a epidemia nun territorio.

Esta equivalencia entre test e casos novos debe ser lida, en todo caso, con especial prudencia no caso galego. A razón non é outra que a ausencia dunha serie pública de datos do Sergas, o que impide coñecer con exactitude se todos os novos casos e novas probas son da mesma xornada e, do mesmo xeito, cantos novos casos foron detectados mediante outras técnicas diagnósticas.

Estabilidade na hospitalización

O número de casos novos diarios da COVID-19 segue tendendo á estabilidade e o mesmo sucede coa cifra total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus. Este 23 de setembro son 249, tres máis que o día anterior, e delas 32 están en unidades de coidados intensivos, as mesmas que na xornada previa. Os partes xerais da Xunta non informan do número de novas hospitalizacións, así que só é posible indicar que foron cando menos, tres. O Ministerio de Sanidade indicaba no seu parte do martes que na última semana que Galicia rexistrara 158 novas hospitalizacións de persoas co coronavirus.

Deste xeito, o maior incremento de "casos activos" concéntrase nas persoas illadas nos seus lugares de residencia, que chegan ás 4.211, 107 máis que o día previo. Esta cifra inclúe os positivos de persoas residentes en centros de maiores e persoas con discapacidade.

A peor evolución, na área de Pontevedra-O Salnés

Por áreas sanitarias, único nivel territorial para o que a Xunta ofrece información -o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou a pasada semana a súa negativa a divulgar datos por concellos ou comarcas, o cal considerou "perigosísimo"- a peor evolución continúa na de Pontevedra-O Salnés. Aínda que o maior incremento de casos "activos" se rexistre nesta xornada na área de Ourense -por mor do devandito brote nunha residencia de Lobeira-, a área pontevedresa é xa a que rexistra máis casos activos por cada 100.000 habitantes, con 251. Tamén traza unha curva claramente á alza a área sanitaria de Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.