Os casos activos de coronavirus duplicáronse na área de Pontevedra nas últimas dúas semanas

Hospital de Pontevedra © Aidhos Arquitectura

Galicia rexistra 223 novas infeccións de coronavirus. O dato confirma a estabilidade das últimas dúas semanas, nas que o número de novos diagnósticos se moveu case todos os días entre os 200 e os 300

Galicia rexistrou nas últimas 24 horas 223 novas infeccións de coronavirus, segundo os datos que vén de comunicar a Consellaría de Sanidade. O dato confirma a estabilidade amosada nas últimas dúas semanas, nas que o número de novos diagnósticos de Covid-19 se moveu case todos os días entre os 200 e os 300. A media nos últimos sete días descende lixeiramente ata os 234,14 casos diarios.

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada do coronavirus en Galicia é de 111,58 casos por cada 100.000 habitantes detectados nos últimos 14 días, moi por debaixo da media do Estado español (267,82 casos), que seguen a encabezar Madrid (682,57) e Navarra (558,69). Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha incidencia menor, superada unicamente por Asturias.  

No que levamos de mes setembro rexistráronse 72 mortes de persoas con coronavirus en Galicia, 34 tan só na última semana

Porén, no último día houbo que engadir tamén 5 novos falecementos, que elevan a 715 a cifra total dende o inicio da pandemia. O número diario de defuncións vén acelerándose dende finais de agosto. No que levamos de mes setembro rexistráronse 72 mortes de persoas con coronavirus en Galicia, 34 tan só na última semana.

As dúas últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron varón de 96 anos que faleceu no Hospital Lucus Augusti e unha muller de 85 años que tamén faleceu no HULA.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo, ademais, 5.158 probas PCR, mantendo o elevado nivel dos últimos días, con varias xornadas por riba dos cinco mil tests diarios. A media de PCR diarias na última semana medra ata as 4.614 probas.

A taxa de positividade (porcentaxe de PCR cun resultado positivo) sitúase en Galicia no 6,9%, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade correspondente aos sete días anteriores. A media española está no 13,2% e en Madrid chega ao 22,5%. Tan só Asturias presenta unha taxa de positividade inferior á de Galicia.

O número de casos activos comunicado polo Sergas descende ata os 4.350 (eran 4.365 este sábado). Isto é debido en boa medida ao incremento das 'altas' ou 'curacións', que pasan de 16.525 a 16.758.

Hai 29 persoas na UCI e 207 noutras unidades de hospitalización

Dos 4.350 casos activos, a maioría (4.114) atópase en corentena nos seus domicilios, con síntomas leves. O número de persoas infectadas polo coronavirus que se atopan hospitalizadas mantense estable nas últimas semanas, aumentando este sábado de 229 a 236. 29 delas están nas UCI (a mesma cifra que onte) e 207 (200 onte) noutras unidades de hospitalización. 

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, o 3% das camas dos hospitais galegos están ocupadas con pacientes de Covid-19. Trátase da segunda porcentaxe máis reducida en todo o Estado, lonxe do 8,7% da media española e máis aínda dos datos da Comunidade de Madrid (22%).

A Xunta decidiu intervir o fogar residencial El Pinar (Culleredo) despois de rexistrarse 21 novas infeccións entre os usuarios e outras 7 entre o persoal

Porén, a situación das residencias de maiores e centros de atención á discapacidade aumenta este domingo: 287 persoas usuarias e 113 traballadoras e traballadores están infectadas (eran 261 e 103 este venres). 

Este incremento débese, sobre todo, á incorporación de 21 novas infeccións entre os usuarios do fogar residencial El Pinar (Culleredo) e outras 7 entre o persoal deste centro. Despois de coñecer os datos a Xunta decidiu a súa intervención Así mesmo, 6 usuarios da residencia Ballesol (Oleiros) tamén deron positivo nas súas probas. Ademais, rexistráronse novos contaxios na residencia Las Salinas (Ourense), residencia Ricardo Baró (Oleiros) e na residencia DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, que segue a ser a máis afectada pola enfermidade, con 134 e 24 traballadoras contaxiadas.

Por áreas sanitarias, dos 4.350 casos activos, 1.178 son da área da Coruña (45 menos ca onte), 726 da de Lugo (18 menos), 527 da de Ourense (18 máis), 658 da de Pontevedra (7 máis), 440 da área de Vigo (9 máis), 637 da de Santiago (11 máis), e 184 da de Ferrol (3 máis).

O número de casos activos en Pontevedra duplicouse nas últimas dúas semanas, pasando de 323 a 658

A Coruña e Lugo, as dúas áreas máis afectadas pola pandemia nas primeiras semanas de setembro, son as que rexistran un maior descenso no seu número de casos activos, que aumentan no resto. Aínda que a área de Pontevedra-O Salnés non é onde máis medran este domingo (faino máis en Ourense, Santiago e Vigo), si é a que acumula unha tendencia máis negativa nos últimos 15 días.

O número de casos activos en Pontevedra duplicouse nas últimas dúas semanas, pasando de 323 a 658. Neste tempo pasou de ter unha das taxas de incidencia máis baixas de Galicia a achegarse aos datos de Lugo, a área sanitaria que segue a rexistrar un maior número de casos por habitante. Os 225 casos por cada 100.000 habitantes de Pontevedra están xa preto dos 228 de Lugo e superan claramente os 214 da Coruña e os 173 de Ourense. Vigo e Ferrol seguen rexistrando as cifras máis baixas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.