A Xunta incrementa as restricións polo coronavirus en Verín e varias rúas da cidade de Ourense

Imaxe de Verín dende o Castelo de Monterrei CC-BY-SA HombreDHojalata

O subcomité clínico de expertos da Consellería de Sanidade acordou este venres incrementar as medidas de control ante o coronavirus no concello de Verín e en varias rúas da cidade de Ourense, ante o aumento de contaxios rexistrado nos últimos días nestes lugares. 

Nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal limitaranse as reunións sociais privadas a un máximo de 5 persoas e bares e cafetarías non poderán servir no interior

Así, nas rúas da capital ourensá Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal (dende o cruce con rúa Ervedelo ata cruce con rúa Irmáns Xesta) limitaranse as reunións sociais privadas a un máximo de 5 persoas e establécese a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas como máximo. En cambio, os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.

En Verín adóptanse as mesmas restricións que xa afectaban a varios concellos de todo o país. Limítase ao 50% a capacidade máxima permitida de establecementos comerciais, de restauración e hostalería, onde ademais estará prohibido o consumo en barra. Así mesmo, o límite máximo de persoas permitidas en xuntanzas tanto privadas como na vía pública queda fixado nun máximo de 10. Ademais, redúcese a capacidade máxima permitidad en celebracións, velorios e lugares de culto.

Levántanse as medidas en Arteixo, A Guarda e O Rosal. Mantéñense as existentes en Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ourense e en varios barrios da Coruña

Pola súa banda, o subcomité clínico acordou levantar as restricións que foran impostas hai uns días nos concellos de Arteixo, A Guarda e O Rosal, que desde esta mesma medianoite volven seguir as mesmas medidas en vigo no resto de Galicia.

Finalmente, a Consellería de Sanidade decidiu manter as actuais restricións (semellantes ás adoptadas para Verín) en Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, no resto de Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e varios barrios do concello da Coruña.

A Xunta de Galicia non publica os datos da incidencia do coronavirus concello a concello, como si fan de forma completa 12 das 17 comunidades autónomas (e outras tres de maneira limitada)

A Xunta de Galicia non publica os datos da incidencia do coronavirus concello a concello, como si fan a Comunidade de Madrid, Euskadi, Catalunya, Cantabria, Canarias, Murcia, Asturias, Baleares, Andalucía, A Rioxa, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Estremadura, Navarra e Castela e León (estas tres últimas unicamente no caso das súas localidades máis poboadas). Esta semana Alberto Núñez Feijóo xustificou no respecto ao "segredo profesional" a negativa do seu Goberno a facer públicos estes datos, que si son públicos na maior parte do resto do Estado (tan só Aragón opta, como Galicia, por non comunicalos). Nos últimos meses varios autos xudiciais si obrigaron á Xunta a revelar esta información.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia na tarde deste venres e entrarán en vigor esta medianoite. Volverán revisarse en sete días.

A rúa Antonio Puga, en Ourense © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.