Da Milagrosa á Agra do Orzán: os barrios máis densamente poboados e con menor renda, os que máis sofren o coronavirus

A rúa Barcelona, na Agra do Orzán (A Coruña) CC-BY-SA LopedeAguirre9

A Consellería de Sanidade anunciou este venres novas medidas para frear os contaxios de coronavirus en Lugo e Arteixo. Na capital lucense as medidas son aínda máis estritas no barrio da Milagrosa, que nos últimos días rexistra unha incidencia maior da enfermidade. Este barrio é un dos máis densamente poboados da cidade e, ademais, un dos que presenta unha renda por habitante máis reducida. Un barrio popular, como moitos outros en Galicia, e que comparte con varias destas outras zonas de características socioeconómicas semellantes, un número maior de casos de coronavirus.

Sucede o mesmo dende hai semanas na cidade da Coruña, onde a propia Xunta de Galicia sinalou que as zonas máis afectadas polo aumento de positivos eran os barrios da Agra do Orzán, a Sagrada Familia, Os Mallos e o Ventorrillo. Lugares, ao igual que A Milagrosa, con elevadas densidades de poboación e rendas por habitante por debaixo da media.

A Xunta négase a facer públicos os datos diarios de novos casos e de incidencia en cada concello, como si fan moitas outras comunidades autónomas

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, apuntou este venres que nas vindeira semanas a política de control da enfermidade establecida pola súa consellaría estará baseada na aplicación de medidas concretas en espazos xeográficos delimitados, é dicir, concellos e mesmo barrios no interior de determinadas localidades, coma no caso do barrio lucense da Milagrosa. Con todo, ata o momento a Xunta de Galicia negouse a facer públicos os datos diarios de novos casos e de incidencia en cada concello, como si fan moitas outras comunidades autónomas, como Madrid, Euskadi, Cataluña, Cantabria, Canarias, Murcia, Asturias, Baleares, Andalucía, A Rioxa, Comunidade Valenciana e, parcialmente, Estremadura e Castela e León

O barrio da Milagrosa, en Lugo © Google Maps

Non é en absoluto un fenómeno exclusivo de Galicia. En todo o planeta as cifras máis elevadas de incidencia da enfermidade están a darse nos barrios populares das cidades. Sucedeu por exemplo en Nova York no barrio de Queens, especialmente nalgúns dos seus distritos máis pobres (Corona ou Jackson Heights), ou no Bronx; nestas áreas o número de casos por habitante chegou a multiplicar por catro os rexistrados nas zonas máis ricas de Manhattan. Pasou o mesmo en Londres, nos barrios de menor renda, habitados principalmente por poboación negra ou de orixe india ou paquistaní. 

As razóns apuntadas por expertos están na elevada densidade de poboación nestes lugares, o reducido tamaño das vivendas ou na menor proporción de persoas que poden recorrer ao teletraballo 

E, de igual maneira, está a suceder na propia cidade de Madrid, nos distritos de Usera, Villaverde, Carabanchel ou Puente de Vallecas, catro dos barrios máis pobres da capital do Estado que son, ademais, os que máis casos de coronavirus están a sufrir. E pasou o mesmo en Barcelona durante a primavera, cunha incidencia maior da enfermidade en zonas como Nou Barris ou Horta Guinardó, que suplicaron a incidencia de barrios ricos como Sarrià-Sant Gervasi e Les Corts.

As razóns apuntadas por expertos, de forma xenérica, están na elevada densidade de poboación nestes lugares (que se traduce en aglomeracións en establecementos comerciais ou de hostalaría), o reducido tamaño das vivendas (e o elevado número de persoas que os ocupan), na menor proporción de persoas que poden recorrer ao teletraballo ou mesmo na imposibilidade de deixar de acudir ao traballo se se rexistran síntomas da enfermidade.

A Milagrosa, en Lugo

O barrio da Milagrosa está situado no norte da cidade, próximo á Piringalla e Paradai. Estas tres zonas están entre as que rexistran unha menor renda media por habitante de toda a cidade, segundo os datos de 2017 publicados recentemente polo INE. O distrito 4, que os abrangue xunto con outras zonas próximas, presentaba nese momento unha renda media de 10.363 euros, a máis baixa de toda a urbe, moi lonxe da media do concello (11.884 euros) e moito máis afastada da existente no interior da Muralla (16.748 euros).

O distrito 4, que abrague a Milagrosa ou a Piringalla, ten a renda máis baixa de toda a cidade de Lugo e a maior densidade de poboación

Hai tamén grandes diferenzas de densidade. O distrito 4 presenta no seu conxunto unha media de 81,62 habitantes por cada 10.000 metros cadrados, o máis elevado de toda a cidade de Lugo, por riba do que hai no casco histórico (75,21 habitantes) e só superado polo seu se rexistra nalgunhas rúas entre a Ronda de Fontiñas e a Muralla. No interior do barrio da Milagrosa a densidade de poboación supera os 270 habitantes por cada 10.000 metros cadrados.

A Milagrosa é un barrio relativamente novo (43,9 anos de media no conxunto do distrito 4, a cifra máis reducida na cidade), fronte a unha media de 45,2 no conxunto do Concello de Lugo. O distrito 4 é, ademais, o que contén unha maior porcentaxe de poboación estranxeira (6%), xunto co casco histórico (6,6%).

A Agra, Sagrada Familia e Os Mallos, na Coruña

A Agra é o barrio máis densamente poboado de Galicia, con 572 habitantes por cada 10.000 metros cadrados (abranguendo o Ventorrillo), aínda que con zonas que superan os 1.000

Non é difícil establecer comparacións entre A Milagrosa e algúns dos barrios máis afectados polos últimos gromos na cidade da Coruña. Son, en primeiro lugar, barrios moi densamente poboados. De feito, a Agra do Orzán é o barrio máis densamente poboado de Galicia, con 572 habitantes por cada 10.000 metros cadrados (abranguendo o Ventorrillo), aínda que zon zonas que superan os 1.000 habitantes por 10.000 metros cadrados. O distrito que abrangue Sagrada Familia e Mallos supera os 300 habitantes nese espazo con zonas (sobre todo na Sagrada) que duplican esa cantidade.

A renda media nestes barrios está ata 7 mil euros por debaixo dos distritos ricos da cidade

Son barrios con rendas por habitante moi por debaixo da media da cidade. A renda media no distrito 4 (Agra e Ventorrillo) é de 11.015 euros por persoa e no distrito 6 (Mallos e Sagrada) é aínda máis reducida, con 10.541 euros. Varias zonas da Agra e da Sagrada Familia baixan mesmo dos 9.000 euros de renda por persoa. A media na cidade da Coruña é de 13.516 euros, con barrios (Cidade Vella, Pescaría e Ensanche) que superan os 17.500 euros. Son barrios, ademais, cunha elevada porcentaxe de poboación estranxeira (9,6% na Agra-Ventorrillo e 8,8 na Sagrada-Mallos), con varias zonas que superan o 14% na Agra do Orzán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.