Galicia suma máis de 300 novos positivos nun día e multiplica por dez os datos da última semana de xullo

©

A media nesta última semana (243,7 casos diarios) multiplica por dez os datos que se rexistraron na derradeira semana de xullo, cunha media de 25 casos novos cada día

Galicia rexistrou este xoves 309 novos diagnósticos de coronavirus, segundo os últimos datos notificados pola Consellaría de Sanidade. Trátase do maior incremento dende o pasado 5 de abril e da primeira vez que se supera o nivel dos 300 casos diarios dende aquela data. A situación epidemiolóxica de Galicia continúa a empeorar, do mesmo xeito que o están a facer a maior parte dos territorios que compoñen o Estado español.

Nos últimos sete días houbo un total de 1.706 novos positivos en Galicia, elevando a cifra de casos dende o inicio da pandemia ata os 16.066. A media nesta última semana (243,7 casos diarios) multiplica por dez os datos que se rexistraron na derradeira semana de xullo, cunha media de 25 casos novos cada día.

Despois de que luns e martes o indicador de novos positivos se moderase lixeiramente, polo efecto da fin de semana, nos últimos días o aumento de casos volveu acelerarse e é esperable que a tendencia á alza se manteña este sábado e domingo.

Este venres pola tarde o Ministerio de Sanidade comunicou 207 novos diagnósticos de coronavirus para Galicia dende a súa notificación anterior, o que sitúa a incidencia media galega por riba dos 100 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días (106,76), lonxe iso si dos 189,61 casos da media do Estado español. Segundo os datos do Ministerio hai 137 persoas ingresadas nos hospitais galegos con Covid-19, o que supón o 2% das camas hospitalarias totais.

O número de 'casos activos' medra este venres ata os 3.139, a cifra máis elevada dende o 3 de maio

O número de 'casos activos', o indicador que segue a manexar a Consellería de Sanidade, medra este venres ata os 3.139, a cifra máis elevada dende o 3 de maio. Cómpre lembrar que poucos días antes a Xunta engadira de golpe 3.552 'altas' ou 'curacións', reducindo a cifra de 'casos activos' de 6.947 (o valor máximo acadado) a 3.526.

Este venres as 'curacións' pasan de 12.183 a 12.292, engadindo máis dun cento de casos de persoas que deixaron de dar positivo por coronavirus. Mentres, o número de falacementos de persoas coa enfermidade mantense estable en 635.

O número de persoas hospitalizadas pasa de 107 a 112, manténdose estable a cifra de pacientes de covid-19 nas UCI (12)

Dos 3.139 casos activos, máis de tres mil atópanse nos seus domicilios con síntomas leves. O número de persoas hospitalizadas pasa de 107 a 112, manténdose estable a cifra de pacientes de covid-19 nas UCI (12) e aumentando de 95 a 100 as persoas ingresadas no resto de unidades hospitalarias. 

A área sanitaria da Coruña segue a ser a que acumula un maior número de ingresos hopitalarios pola enfermidade, un total de 73, tres máis que o día anterior. 5 delas están na UCI.

No último día acadouse o maior número de PCR realizadas en Galicia nunha soa xornada, un total de 4.891

No último día acadouse o maior número de PCR realizadas en Galicia nunha soa xornada, un total de 4.891. A media de probas levadas a cabo na última semana rolda as catro mil (3.929,57). Esta cifra triplica a que se daba na derradeira semana de xullo, cando a media de probas PCR diarias era de 1.390. A relación entre novos positivos e probas PCR realizadas mantense no último día por riba de 6 de cada 100.

O número de casos activos nas residencias de maiores e de atención á discapacidade medra este venres ata os 144 (seis máis que o día anterior), 100 entre as persoas usuarias (+1) e 44 entre o persoal (`+5)

Por áreas sanitarias, dos 3.139 casos activos 1.351 son da área da Coruña (+47), 547 da de Lugo (+65), 292 da de Ourense (+26), 187 da de Pontevedra (+8), 189 da área de Vigo (+4), 450 da de Santiago (+46), e 123 da de Ferrol (+4).

Lugo multiplicou por 5 o seu número de casos activos nos últimos dez días

Un día máis as áreas da Coruña, Santiago e Lugo volven ser as zonas nas que máis se incrementan os casos activos de coronavirus, neste venres especialmente na área lucense, que en só dez días multiplicou por 5 o seu número de positivos activos.

A Coruña segue a ser a zona con máis casos e maior incidencia da enfermidade, con cifras que seguen a medrar a pesar de que se están a producir moitas 'altas' de persoas que deixaron de dar positivo nas probas ou que superaron o período de corentena. Con todo, o indicador de incidencia de Lugo (número de casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días) aumenta con rapidez e supera os 171 casos, fronte aos 245 da Coruña e os 118 da media galega.

A incidencia da enfermidade na Coruña multiplica por 7 os datos de Vigo

O resto de áreas atópase por debaixo da media, con Santiago e Ourense roldando os 100 casos por cada 100.000 habitantes, Pontevedra e Ferrol entre 60 e 70 e Vigo cos datos máis reducidos de toda Galicia, con menos de 33 casos por cada 100.000 habitantes, 7 veces menos que A Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.