Galicia, entre as comunidades que fai menos probas PCR e nas que máis aumenta a incidencia do coronavirus

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A gravidade da pandemia da coronavirus en Galicia está lonxe da situación que se vive na Comunidade de Madrid ou Aragón. De feito, a incidencia da enfermidade, medida no número de casos recentes detectados por cada 100.000 habitantes atópase en Galicia por debaixo da media española. Con todo, as estatísticas oficiais do Ministerio de Sanidade amosan que o noso país está entre os territorios do Estado que máis rapidamente está a empeorar a súa situación con respecto á que existía hai un mes.

No inicio de agosto Galicia era a segunda comunidade autónoma con menos casos de coronavirus por habitante. Hoxe é a sétima

Nos últimos datos notificados polo Ministerio, a incidencia do coronavirus en Galicia -en casos diagnosticados nos últimos 7 días- chega a 51,97 casos por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media de 85,97 no conxunto do Estado. Galicia é a 11ª comunidade autónoma con máis casos por habitante na última semana, pero hai xa seis territorios con mellores datos: Estremadura, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Baleares e Asturias. Os datos galegos achégase ademais aos de Canarias e Castela-A Mancha.

Porén, hai unha semana Galicia superaba os datos de catro comunidades autónomas, hai dúas semanas tiña a tres territorios con mellores cifras e hai tres semanas tan só Asturias presentaba menos diagnóticos de coronavirus por habitante que o noso país.

Galicia multiplicou por dez a incidencia do coronavirus no que levamos de mes

No que levamos de mes de agosto a incidencia do coronavirus pasou en Galicia de 5,33 casos por cada 100.000 habitantes en 7 días aos devanditos 51,97 casos. Neste tempo case todas as comunidades autónomas empeoraron os seus indicadores (agás Aragón, que comezou o mes cuns niveis moi elevados e na última semana comezou a moderalos). 

Galicia está entre os territorios que máis empeorou os seus indicadores, cunha evolución moito máis negativa que Estremadura, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Baleares e Asturias.

De feito, se atendemos simplemente á comparación entre a incidencia acumulada en 7 días no derradeiro día do mes de xullo e a que o Ministerio de Sanidade notificou este luns, vemos como tan só Canarias (que viña dun nivel moi baixo) e A Rioxa empeoraron máis a súa situación en termos relativos que Galicia, que multiplicou por 10 a incidencia acumulada.

Galicia fai menos PCR que a media do Estado

Un dos indicadores no que Galicia presenta cifras máis negativas en comparación coas restantes comunidades autónomas é o das probas PCR realizadas, tanto no que levamos de pandemia como sobre todo durante as últimas semanas.

Nas últimas dúas semanas Galicia foi a terceira comunidade autónoma que menor probas PCR realizou por habitante

Na semana do 14 ao 20 de agosto leváronse a cabo en Galicia 20.097 probas PCR, unha cifra que incrementaba notablemente os números da semana anterior (foran 16.629 entre o 6 e o 13 de agosto), debido sobre todo ao aumento de casos na comarca coruñesa. Porén, os datos galegos no número de probas realizadas seguen moi lonxe dos da maior parte de territorios do Estado.

Nesta semana do 14 ao 20 de agosto, malia ao incremento que tivo lugar, a taxa de PCR por cada mil habitantes situouse en Galicia nas 7,44 probas, fronte a unha media de 10,27 probas no conxunto do Estado e de cifras por riba de 20 en Euskadi e por riba de 15 en Navarra, A Rioxa, Baleares ou Aragón. Mesmo comunidades autónomas cunha incidencia do coronavirus moi por debaixo de Galicia, como Asturias, presentaron taxas de PCR realizadas moi superiores (13,48). Galicia foi nesta semana o terceiro territorio que menos probas realizou, só por diante de Andalucía e Canarias.

Dende o inicio da pandemia, Galicia sitúase por debaixo da media española, coa metade de probas que as realizadas por Euskadi e Navarra

De feito, se observamos as cifras de PCR realizadas dende o inicio da pandemia, Asturias volve ser un dos territorios que amosan uns datos máis destacados con máis de 200 probas por cada 1000 habitantes, a pesar de se unha das comunidades nas que o coronavirus tivo unha menor incidencia. Euskadi e Navarra tamén superan ese indicador de 200 probas por cada 1000 habitantes, ao que se achegan A Rioxa e Cantabria.

Galicia (113,93 probas/1000 habitantes) aparece algo por debaixo da media española (124,20), superando unicamente á Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Canarias, Estremadura, Murcia e Andalucía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.