Galicia rexistra máis de 200 novos positivos de coronavirus por quinto día consecutivo

©

Na última semana rexistráronse 1.408 novos casos de coronavirus en Galicia, case 1 de cada 10 do total rexistrado dende o inicio da pandemia

O efecto fin de semana nas estatísticas da covid-19 vén provocando dende o inicio da pandemia que os datos que se coñecen o luns, correspondentes ao domingo, adoitan amosar cifras máis reducidas de novos positivos. Así sucede tamén este 24 de agosto coa foto fixa que esta mañá vén de notificar a Consellería de Sanidade. O incremento de casos en Galicia modérase lixeiramente este luns, con 214 novas infeccións, por debaixo das 250 comunicadas o venres, as 234 do sábado e as 233 do domingo.

Así e todo, o número de novos positivos seguen medrando a un ritmo superior aos 200 diarios, con 1.408 novos casos na última semana, case 1 de cada 10 do total rexistrado dende o inicio da pandemia.

Nos últimos 17 días houbo 14 falecementos de persoas con covid-19, 8 delas nos últimos cinco días

A cifra tota de 'casos activos', o indicador empregado polo Sergas, medra este luns en 146, situándose en 2.452 e dobrando o seu número nos últimos nove días. A estes 146 novos casos hai que sumar as 67 'curacións' rexistradas nas últimas 24 horas, o que permite obter a cifra de 214 novos positivos no último día. 

Aumenta tamén o número de mortes, cun novo falecemento que eleva a cifra total a 633. Entre o 10 de xuño e o 7 de agosto non se rexistraran mortes por coronavirus en Galicia e a conta mantivérase estable en 619. Porén, nos últimos 17 días houbo 14 falecementos de persoas con covid-19, 8 delas nos últimos cinco días. 

De igual xeito, os datos publicados polo Ministerio de Sanidade na tarde deste luns, correspondentes aos casos rexistrados o venres, sábado e domingo (o Goberno central adoptou a decisión de non publicar datos durante a fin de semana a pesar do empeoramento da situación) amosan que Galicia segue rexistrando un incremento sostido das súas cifras de positivos. Nesas tres xornadas o número total de infeccións detectadas no noso país medrou en 638, máis de 200 cada día, unhas cifras semellantes ás proporcionadas pola Xunta.

O Ministerio de Sanidade notifica 638 novos casos de coronavirus en Galicia nos últimos 3 días

Estes datos sitúan a incidencia acumulada nos últimos 7 días en Galicia en 51,97 casos por cada 100.000 habitantes. E en 85,50 casos por cada 100.000 habitantes a incidencia nos últimos 14 días. A incidencia nos últimos 7 días en Galicia segue por debaixo da media do Estado (85,97) pero empeora xa os datos de Asturias, Baleares, Murcia, Estremadura, Andalucía e Comunidade Valenciana e sitúase preto dos indicadores de Canarias e Castela-A Mancha.

Dos 2.452 casos activos notificados polo Sergas a maior parte (2.370) atópase nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Os 82 restantes están hospitalizados, 12 en UCI e 70 noutras unidades para pacientes de menor gravidade. 

O número de persoas con covid-19 nas UCI dos hospitais galegos duplicouse dende o venres, pasando de 6 a 12, a cifra máis elevada dende o 24 de maio

O número de persoas con covid-19 nas UCI dos hospitais galegos duplicouse dende o venres, pasando de 6 a 12, a cifra máis elevada dende o 24 de maio. Tamén aumentou o número de persoas infectadas no resto de unidades de hospitalización, pasando de 64 a 70 nos últimos tres días.

Deses 82 casos hospitalizados, 55 corresponden á área sanitaria da Coruña, que tamén acumula a metade dos casos en UCI (6).

Nos últimos 7 días 86 persoas foron hospitalizadas en Galicia, 7 delas nas UCI, segundo os datos que manexa o Ministerio de Sanidade. Ao redor do 1,1% das camas hospitalarias están ocupadas con persoas infectadas de covid-19, moi por debaixo da media española (5,1%).

Este domingo, tamén por mor do efecto fin de semana, diminuíu o número de probas PCR realizadas en Galicia, cun total de 2.988, a cifra máis baixa dende o pasado martes

Este domingo, tamén por mor do efecto fin de semana, diminuíu o número de probas PCR realizadas en Galicia, cun total de 2.988, a cifra máis baixa dende o pasado martes. Durante o xoves e o venres no número de PCR diarias superou o nivel das catro mil diarias, acadando con 4.331 (no informe do sábado correspondente ao venres) a cifra máis elevada dende o inicio da pandemia. O número total de PCR realizadas en Galicia sitúase este luns en 305.847. 

Nas residencias de maiores e de persoas con discapacidades segue a medrar o número de casos, con 67 positivos entre as persoas usuarias e 18 entre o persoal. A situación que máis preocupa é da residencia do Incio, con 56 casos entre as usuarias e 8 entre as traballadoras. Hai tamén casos en residencias de Culleredo, Monforte, Paradela, Xove, Coles e Lalín.

Por áreas sanitarias, a da Coruña segue a ser a que acumula un maior número de casos activos de coronavirus. Dos 2.452 casos no conxunto de Galicia, 1.236 son da área da Coruña (29 máis que o domingo), 321 da de Lugo (+17), 212 da de Ourense (+9), 141 da de Pontevedra (+21), 155 da área de Vigo (+1), 274 da de Santiago (+62), e 113 da de Ferrol (+7).

A área sanitaria de Santiago é a que máis rapidamente está aumentando os seus datos, pasado de 131 o pasado venres a máis do dobre (274) este luns

Por culpa da opacidade informativa non é posible coñecer o número de novos positivos e de 'curacións' ou altas en cada área sanitaria, tampouco as estatísticas correspondentes a cada concello. 

Con todo, o indicador de 'casos activos' amosa que a área sanitaria de Santiago (que abrangue tamén o Barbanza) é a que máis rapidamente está aumentando os seus datos, pasado de 131 o pasado venres a máis do dobre (274) este luns. Tamén Lugo mantén a súa escalada, motivada en boa medida polos gromos rexistrados nunha residencia de O Inicio e nun edificio de Monforte, pero tamén o relacionado cun pub da capital provincial.

As cifras da área sanitaria da Coruña continúan a ser as máis elevadas, representando algo máis da metade de todas as infeccións en Galicia. A tendencia de incremento vén moderándose nos últimos días, aínda que este menor aumento pode deberse ao crecemento da cifra de 'altas' nos casos rexistrados hai máis de 14 días, que comezan a engrosar a estatística de 'curacións' e que compensan en parte a entrada de novos casos positivos.

A área da Coruña-Cee continúa a ser a que presenta unha maior taxa de incidencia da enfermidade, con máis de 224 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, moi por riba dos 100,74 casos da área de Lugo. Ourense, Santiago e Ferrol móvense entre os 60 e os 70 casos e Pontevedra é a área cunha incidencia menor, por debaixo de 27 casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.