A Xunta comunica o falecemento na última xornada de dúas persoas, as dúas na área lucense, unha delas no propio centro agora intervido, e na Coruña seguen a aumentar os ingresos hospitalarios
No pico do brote de coronavirus da Mariña que a Xunta vén de dar por “controlado” chegou a haber en toda a provincia de Lugo, segundo os datos de Sanidade, un máximo de 203 casos activos, o 11 de xullo. Este venres os casos activos na provincia son 254, 65 deles froito do brote detectado na residencia da Fundación San Rosendo no Incio, intervida pola Xunta desde a tarde deste xoves. Nela faleceu na última xornada un residente e outra persoa máis morreu na mesma provincia nun hospital tras ser trasladada alí tamén desde unha residencia, pero a opacidade dos datos que divulga a Xunta impide saber se tamén vivía no mesmo centro ou noutro. Xa son 628 os falecidos en Galicia desde o comezo da pandemia.
Ademais, este venres a Xunta corrixiu os seus propios datos do xoves a respecto do brote na residencia do Incio. A primeira comunicación, o mércores, informaba dun traballador que dera positivo. O xoves cifrou en 4 traballadores e 65 usuarios os casos positivos. E este venres, argumentando un “erro”, muda as cifras a 8 traballadores e 57 usuarios. Nas residencias de toda Galicia hai ademais outros 11 casos activos entre residentes desde hai varios días no centro Orpea de Culleredo, e entre o persoal outros oito casos en varios centros de toda Galicia.
Na Coruña rexístranse 80 novos casos na última xornada, menos que o pico de 106 dun día antes, ata un total de 1.114 casos activos
Canto ao brote da Coruña, na última xornada a información oficial da Xunta permite calcular que se rexistraron outros 80 novos casos, menos que o pico de 106 dun día antes, para sumar un total de 1.114 casos activos. Porén, segue a producirse un incremento das hospitalizacións, cun total de 52 persoas en planta (catro máis ca o día anterior) e as mesmas 4 en UCI.
No global de Galicia hai 2 persoas en UCI a maiores das 4 da Coruña e 15 en planta ademais das 52 da área coruñesa.
Na última xornada comunicáronse 4.200 probas PCR en toda Galicia, récord desde o inicio da pandemia
No global de Galicia, na última xornada son 250 os novos casos incorporados, pico ao que non se chegaba desde abril, durante o confinamento. E as probas de PCR comunicadas na última xornada chegan a 4.200, récord desde o comezo da pandemia, superando as 4.171 comunicadas o 25 de abril.
E canto ao resto de áreas sanitarias ademais da Coruña e Lugo, Ourense segue en ascenso con 179 casos activos na última xornada fronte aos 78 de hai unha semana.