A área coruñesa supera os mil casos activos con 106 diagnósticos na última xornada, pico do brote, e a morte dun home
65 persoas usuarias dunha residencia de maiores do Incio da Fundación San Rosendo veñen de dar positivo en coronavirus na última xornada despois de que un día antes a Xunta informase dun primeiro caso entre o persoal do centro, no que xa hai tamén outros tres traballadores positivos. Eses 68 novos casos na última xornada só no Incio elevan o total de novos casos rexistrados en toda Galicia feitos públicos este xoves pola Xunta a 205, pico que non se acadaba desde comezos de maio, antes do inicio do desconfinamento. E na área da Coruña, tras catro días de descensos volven aumentar os novos casos, con 105 máis, a cifra diaria máis alta do brote, situando os casos activos en 1.045.
Foi este mércores cando a Xunta informou por primeira vez dun caso na residencia do Incio, entre o persoal do centro, e este xoves eleva a conta a un total de 65 residentes e catro traballadores. Isto sucede despois de que o pasado venres as comunidades acordasen comezar a facer probas PCR ao persoal das residencias que volva de vacacións ou permisos, algo que a Xunta non facía ata agora e que o luns Política Social admitiu que agora si comezaría a facer, pero sen dar unha data de inicio. A última hora deste mércores a Consellería de Sanidade informou de que viña de intervir a residencia "para garantir a calidade asistencial".
Ademais dese brote na residencia do Incio, o brote da Coruña volve rebotar e tras catro días de descensos nos novos casos comunicados na última xornada son 106, o que supón superar o pico de 97 ao que se chegara o pasado domingo. Iso fai que os casos activos na área coruñesa superen por primeira vez o milleiro, ata un total de 1.045, tras realizarse na última xornada 1.247 probas PCR, o máximo ata agora coincidindo coa intensificación dos cribados masivos na zona.
No total de Galicia tamén se dispara a cifra de probas PCR na última xornada, ata un total de 3.523, sexta cifra diaria máis alta desde o comezo da pandemia.
Na Coruña hai seis persoas máis hospitalizadas na última xornada, ata un total de 48 en planta e 4 en UCI, as cifras máis altas no que vai de brote
Por outra banda, o aumento de casos na Coruña non só é cuantitativo senón tamén cualitativo, con seis persoas máis en hospitalización ordinaria, ata un total de 48 en planta e 4 en UCI, as cifras máis altas no que vai de brote. E na última xornada faleceu unha persoa, un home de 90 anos ingresado no Chuac que “presentaba patoloxías previas”, segundo a Xunta, polo que xa son 626 os falecidos en Galicia desde o comezo da pandemia.
Os 68 novos casos do Incio e os 105 da Coruña fan que o total de novos diagnósticos rexistrados na última xornada en toda Galicia se eleve a 205, isto é, só 32 no resto do país. Do total de 1.783 casos activos actualmente, 64 están en hospitalización ordinaria e 6 en UCI.
No resto de áreas, na última xornada o principal aumento de casos activos prodúcese na de Lugo, onde os casos activos pasan de 136 a 170, 34 máis, a metade dos 68 novos casos comunicados no Incio, polo que debe supoñerse que houbo ao tempo outras 34 altas. A Xunta segue sen ofrecer series de datos que permitan comprobalo ou situar no tempo os posibles axustes de casos que poidan producirse. Tamén Santiago rexistra un aumento significativo de 91 a 113 casos na última xornada.
Canto ao resto de residencias á marxe da do Incio, a situación é similar á de un día antes, con só un novo caso a maiores entre traballadores, na residencia DomusVi Monforte, ao tempo que se manteñen os 11 residentes que deron positivo na residencia Orpea de Culleredo.