O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este mércores a recomendación de empregar máscaras de protección "en todo momento" tanto nas aulas como no resto dos espazos dos recintos educativos. Unha medida que non estaba contemplada ata agora no protocolo da Xunta enviado aos centros e que afectaría a todo o profesorado e ao alumnado maior de 6 anos con independencia da distancia de separación. "Entendemos que é unha recomendación que procede implementar como obriga", sinalou Feijóo.
O presidente evita tomar novas medidas polo brote da Coruña, do que asegura que non están saíndo casos a outras zonas e “parece” que diminúe
Na súa comparecencia despois da reunión semanal do comité clínico formado polo Goberno galego por mor da pandemia da Covid-19, o presidente galego apuntou que levará esta cuestión á conferencia de presidentes, cuxa data aínda está pendente de comunicar por parte do Goberno do Estado. Polo que "antes" a Xunta trasladará esta proposta aos ministerios de Sanidade e Educación.
Para Feijóo esta é unha "decisión que debemos adoptar entre todos", pois enmarcouna na súa petición dun "protocolo único" para a volta ás aulas "en todo o territorio nacional". En concreto, afirmou que "o comité clínico aconsella e o Goberno da Xunta fai súa esa recomendación" ao considerar que "xa non é suficiente a distancia".
O titular da Xunta sostivo que "se así se adopta", esta medida "será unha nova barreira para facilitar a seguridade e a saúde pública dos alumnos, dos profesores e das familias". "Necesitamos criterios claros e homoxéneos", aseverou Feijóo, quen incidiu en que "non pode haber 17 protocolos" e que o Goberno do Estado debe "consensuar" con todos os territorios.
"Hai moitos elementos sanitarios que avalan que debemos estender o uso de máscara nas aulas en todo o territorio español", afirmou Feijóo
Feijóo manifestou que o 'Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021', consensuado entre as consellerías de Educación e Sanidade, está "sometido a estudo polo miúdo" e advertiu de que pode sufrir "modificacións, ás veces, de enorme impacto sanitario" a medida que se coñecen "evidencias científicas". Neste sentido, incidiu en que cos datos actuais o comité clínico indica que "hai moitos elementos sanitarios que avalan que debemos estender o uso de máscara nas aulas en todo o territorio español".
"No que se refire ao Goberno de Galicia parécenos que, salvo que haxa algún estudo de investigación que acredite o contrario, esa medida debería implementarse en Galicia no próximo curso escolar", agregou Feijóo, para matizar: "Evidentemente, cando eu estou propoñendo consensuar un protocolo, non vou impoñer ningunha decisión de Galicia".
Mantéñense as medidas polo brote da Coruña
A respecto do brote de coronavirus que afecta á área sanitaria da Coruña, a Xunta mantén as restricións vixentes, evita tomar medidas adicionais e agarda ao venres, cando se volva reunir para avaliar os datos epidemiolóxicos o comité clínico. "Valoraremos se hai máis restricións que agora non valoramos oportunas", sinalou Feijóo, quen salientou a mobilidade da zona para a continuación negar que os contaxios se estean a estender fóra dese marco.
"Moitísima xente entra e sae nestas zonas e áinda hai moito turismo", apuntou sobre os concellos que máis preocupan, os da Coruña, Abegondo, Bergondo, Arteixo, Culleredo e Cambre. Con todo, o presidente galego asegurou que "non hai evidencias de que se esté a trasladar fóra". A taxa de incidencia reduciuse nons últimos tres días a 44 casos por cada 1000.000 habitantes polo que o brote, en palabras de Feijóo, "parece" que está a estabilizarse.
A Xunta asegura que "non hai evidencias" de que o brote de coronavirus se esté a "trasladar fóra" da área da Coruña
A Xunta avanza que este mércores se amplía un "cribado masivo" para a poboación de entre 18 e 40 anos da cidade da Coruña que se irá estendendo á súa área de influencia. Feijóo dixo que se lle farán probas diariamente a 1.000 persoas "ata as 62.000 persoas en total". O presidente lembrou que o virus está a afectar máis ás presoas de entre 15 e 25 anos e indicou que "3 de cada 4 positivos teñen menos de 40 anos".
Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que as persoas que foron un "contacto estreito" dun positivo en Covid-19 teñen que cumprir "escrupulosamente" unha corentena de 14 días "aínda que se lles faga unha PCR que sexa negativa".
O colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita xa denunciou esta semana que o sistema actual de rastrexos estaba a provocar unha mala comunicación desta medida e que non se estaba a respectar a corentena por descoñecemento. "É evidente que unha PCR negativa puntual non significa que non esteamos incubando o virus", incidiu Feijóo.