"Non se fixo nada a nivel de contratación de persoal, nin de dotación de medios humanos, porque nos encanta ter moitos aparellos, moitos respiradores, moitos espazos habilitados... pero capital humano, que é o fundamental para humanizar os coidados, segue sen haber". Hugo Bermúdez, portavoz das Enfermeiras Eventuais en Loita, ve con moita "preocupación" o incremento sucesivo de casos da Covid-19 e pon o foco na falta de "transparencia" da Xunta a respecto dos rastrexadores do coronavirus.
"Estamos nunha situación que pode chegar a ser peor porque coas vacacións do persoal estamos baixo mínimos", denuncian as Enfermeiras Eventuais En Loita
"Tivemos de respiro o mes de xuño e parte do de xullo, pero agora realmente estamos nunha situación que pode chegar a ser peor porque coas vacacións do persoal estamos baixo mínimos", asegura Bermúdez, mentres en todo o país a media de novos casos diarios da última semana ascende a 128.
"A situación comeza a complicarse", segundo explican desde Eventuais en Loita. "Hai varios pacientes ingresados de menos de 35 anos. Temos que facer unha chamada á cidadanía, sobre todo vistas manifestacións como a do domingo en Madrid, porque isto non é ningún invento noso. Estamos preocupados porque vemos como as cousas se complican como no mes de marzo", salienta Bermúdez.
"Estamos vendo unha pura inconsciencia da xente nova. En moitos casos os rebrotes están a aparecer en reunións familiares nas que mozos e mozas se contaminan nun grupo diferente porque non se respectan as normas", engade, "pedimos que o comportamento da xente fóra do hospital sexa o máis responsable posible. Aínda non calou na cidadanía que este é un virus importante, que non morre todo o mundo afortunadamente, pero hai que lle ter moito respecto".
Rastrexadores sen formación e cun protocolo descoñecido
Aquí entra en xogo o papel dos chamados "rastrexadores da Covid-19" que deben "monitorizar" os posibles contactos de cada persoa infectada co coronavirus. Unha figura que resulta descoñecida para o propio persoal sanitario: "Non sabemos quen rastrexa. Suponse que os profesionais de Atención Primaria ou do hospital rastrexan pero a eles ninguén lles dixo nada, non os formaron, non saben o que teñen que facer...", conta o enfermeiro Hugo Bermúdez. "Está pasando o mesmo que ao principio da pandemia con esa central de chamadas na que eran teleoperadores os que atendían as chamadas da xente con posibilidades de ter Covid-19", critica outra profesional da enfermería da plataforma.
"Ninguén sabe que protocolo empregan eses rastrexadores, os pacientes cóntannos cousas contraditorias", di unha enfermeira de Atención Primaria
"Non hai transparencia, como é habitual no Goberno de Feijóo no que se refire a moitas cousas e, en concreto, á sanidade", lamenta Bermúdez. Desde a plataforma de Enfermeiras Eventuais En Loita explican que "ninguén sabe que protocolo empregan eses rastrexadores" e din descoñecer "que tipo de contacto consideran como estrito" para os casos de coronavirus. "Os pacientes cóntannos cousas contraditorias despois de que os chamen, o que sospeitamos é que non é persoal sanitario", apunta unha enfermeira que traballa en Atención Primaria, onde asegura que a situación "é peor que no tempo do confinamento".
"A carga de traballo é moito maior agora. Os médicos non dan feito. Ao principio repartimos o traballo nos centros de saúde de tal maneira que os médicos se encargaban do seguimento dos pacientes positivos e o persoal de enfermería o facía cos contactos que deran negativo, mais tiñan que cumprir coa corentena", describe esta enfermeira. Porén, neste momento a central de chamadas comunícase "con quen eles consideran que son contactos estreitos dun positivo para dicirlles que se poñan en contacto co centro da saúde".
Eventuais En Loita asegura que non se está a avisar aos pacientes que dan negativo en Covid-19, pero son un contacto estreito dun positivo, de que teñen que seguir un confinamento
Así, son os facultativos de Atención Primaria os que piden a proba PCR. "Despois o médico ten que estar pendente dese resultado e facer o seguimento cada 24 horas se dan positivo", sinala a enfermeira, "pero o peor está a suceder cos que dan negativo, que son máis que nunca porque están a facer 1.200 PCR diarias desde hai catro días". "Suponse que cando unha proba da negativo envíaselle un SMS para comunicarllo. Pero estamos atopándonos cun problema porque ao chamar a esa xente [a iniciativa propia dos centros de saúde] comprobamos que non están a cumprir coa corentena como contacto directo dun paciente positivo porque ninguén llo dixo".
"Se as cousas de verdade están ben feitas, non entendemos cal é o motivo de que non se nos diga cantos rastrexadores hai, quen está a facer ese traballo e que protocolos están a seguir", incide esta profesional. "Agora mesmo hai dúas opcións: volver pechar todo como se fixo en marzo e en abril, con todas as consecuencias económicas e sociais que iso tería; ou aumentar moitísimo o número de rastrexadores para parar eses brotes pequenos o antes posible", asevera Hugo Bermúdez. "A primeira parte non é desexable, pero evidentemente será moito mellor volver colapsar a economía que ter cifras de ingresados e falecidos como as de marzo e abril. A solución razoable parece que é contratar persoal e levar a cabo estes rastrexos de maneira sistemática", agrega.
A precariedade continúa cos contratos Covid-19
Desde Enfermeiras Eventuais en Loita levan meses denunciando que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a cubrir "ocos estruturais" no seu cadro de persoal cos contratos especiais para a Covid-19, que se financian a cargo do Ministerio de Sanidade e que, segundo apuntan o colectivo de enfermería, "rematan o 31 de agosto e non se van renovar".
"Se se seguen a producir brotes por todas partes estamos condenados ao colapso sanitario outra vez", afirma Hugo Bermúdez
"Eses contratos deberían terse empregado para ese persoal de rastrexo cando ao final aproveitáronse para cubrir vacacións e días libres. Así nos encontramos agora, sen saber quen é o responsable de facer eses rastrexos", censura Hugo Barreiro.
Este enfermeiro considera que "se se seguen a producir brotes por todas partes estamos condenados ao colapso sanitario outra vez". "Ese colapso que din que nunca ocorreu porque para que pase non teñen que saír os pacientes polas ventás; é suficiente con que as UCI estean cheas, non haxa horas para descansar, haxa que suspender outras intervencións cirúrxicas e outras consultas... Evidentemente non hai xente acumulada polas esquinas porque non estamos en guerra, aínda que as veces o poida parecer".
Barreiro explica que no caso da enfermería non queda xente sen traballar nas listas, pero que este é un dato que pode resultar enganoso pois moitos e moitas profesionais están de baixa das listas de contratación públicas para traballar na sanidade privada e outros tantos están a traballar fóra de Galicia. No Sergas, como ten denunciado este colectivo que representa a máis de 7.000 profesionais da enfermería en Galicia, a taxa de eventualidade é do 40%.
Critican que "a situación dos hospitais non vai mudar" ata que o conselleiro de Sanidade decida cambiar a política de contratacións do Sergas
"Agora din que non hai persoal para contratar, pero se esas persoas puideran aspirar a contratos máis estables e traballasen durante a maior parte do ano non abandonarían a súa terra para ir traballar a outros sitios; e no verán ou en calquera situación extraordinaria como esta poderíamos tirar deles. O que non se pode é querer tirar deles agora, cando se lles maltratou sistematicamente", certifica o enfermeiro, para engadir que mentres o conselleiro de Sanidade aínda en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, non queira cambiar a política de contratación "a situación dos hospitais non vai mudar".
A plataforma denuncia que o camiño da sanidade galega vai "cara a unha privatización encuberta, con pouco investimento en persoal e moito en tecnoloxía e derivacións a centros privados, como se ven facendo desde que goberna Alberto Núñez Feijóo".