As enfermeiras eventuais, referentes na loita sanitaria ante o 12X: "Antes chamabamos nós aos partidos, agora chaman eles"

Persoal de Eventuais en Loita, durante a súa visita ao Parlamento Europeo en Bruxelas © Eventuais en Loita

Desde hai máis dun ano, as Eventuais en Loita convertéronse nun dos colectivos máis combativos contra o Sergas. En representación dunhas 7.000 enfermeiras con vinculación temporal coa Administración galega, e con milleiros de profesionais mobilizados, as protestas contra a súa precariedade, contra a política de contratación sanitaria da Xunta ou contra a falta de recursos sacaron á luz unha realidade moitas veces agochada. Aquela masiva e inédita protesta nas oposicións celebradas en Silleda en maio de 2019 prendeu a mecha dun colectivo que rachou cos marcos establecidos e que pasou de reclamar a atención dos partidos políticos a ser reclamados por eles para escoitar as súas demandas e coñecer de primeira man a súa realidade. 

Eventuais en Loita pasou de reclamar a atención dos partidos ás súas demandas a ser reclamados polas formacións para escoitalas: "Agora chaman eles"

"Antes poñíamonos nós en contacto con eles; agora son os partidos os que nos chaman para coñecer as nosas demandas e a nosa realidade", explica Hugo Bermúdez, portavoz de Eventuais en Loita, colectivo que coa chegada da pandemia de coronavirus e a emerxencia sanitaria derivada suspendeu as súas mobilizacións mensuais, aínda que seguiu chamando a atención sobre unha precariedade que se "agudizou" durante a loita contra a Covid-19

Gómez Reino e Eva Solla, nunha xuntanza telemática con representantes de Eventuais en Loita © Eventuais en Loita

Eventuais en Loita leva meses denunciando as diferentes derivadas da súa precaria situación laboral, dende a acumulación de centos de contratos á imposibilidade de seren nais por mor da inestabilidade laboral pasando polas traballadoras que se ven abocadas á emigración. As enfermeiras confrontaron con datos os primeiros intentos da Xunta para amortecer as súas reivindicacións e a súa indignación estoupou tamén durante a pandemia. 

Eventuais denuncia a precariedade, a acumulación de contratos, a imposiblidade de conciliación ou a rescinsión de contratos a enfermeiras en plena pandemia

O Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras en canto caía enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas Covid. En ambos casos, a Consellería recuou logo de facérense públicas as denuncias. Pouco máis tarde, o colectivo, xunto a outros moitos profesionais, asociacións e sindicatos, advertiu de que Sanidade aproveitaba unha excepción polo virus para situar persoal en formación en postos de eventuais con experiencia e saltando a orde das listas de contratación. 

Eventuais en Loita enviou e transmitiu hai tempo demandas e denuncias coma estas a todos os partidos políticos de cara ás eleccións autonómicas do pasado 5 de abril, suspendidas finalmente pola pandemia. De cara aos comicios do vindeiro 12 de xullo, reenviaranas "en canto comece a campaña", momento no que volverán "difundir" as súas reivindicacións, "que non son para ningunha formación en particular, senón para todos porque a sanidade é cousa de todos". 

Daquela, o colectivo solicitou encontros presenciais con todos os grupos do Parlamento e "todos aceptaron". "Tamén o PP, que non tivo problema ningún", di Bermúdez. Agora, Eventuais en Loita recibe as solicitudes dos partidos para manter encontros telemáticos, como o que mantivo con Ciudadanos-Galicia o 14 de maio ou con Galicia en Común este pasado martes. Teñen acordada xa outra xuntanza co PSdeG esta semana e están pendentes por confirmar outra co BNG. "O Partido Popular non se puxo en contacto con nós", aclaran. 

Eventuais en Loita mantivo xa reunións telemáticas con Ciudadanos e Galicia en Común e ten previsto encontros co PSdeG e co BNG

"A Xunta debe buscar unha solución ao abuso na eventualidade laboral do sector da enfermería", demandou a portavoz de Ciudadanos-Galicia, Beatriz Pino, tras o encontro dixital da formaicón laranxa co colectivo. Antón Gómez Reino, voceiro de Galicia en Común, alertou de que "a clave" da sanidade pública galega está "nos seus profesionais, aos que debemos coidar" e anunciou un Plan de Recursos Humanos no Sergas que "acabe de vez coa precariedade laboral" no caso de que o cambio chegue á Xunta logo doutra reunión virtual. 

Caballero, Ana Prieto e outros cargos do PSdeG, coas enfermeiras eventuais en Burela CC-BY-NC-SA PSdeG

Conscientes do importante colectivo que comparte as súas reivindicacións, Eventuais en Loita saben que a bolsa de votos é importante para os partidos, pero cren tamén que a loita contra a pandemia, "fixo máis palpable aínda a importancia da sanidade e de coidar a quen te coida, porque todos, máis tarde ou máis cedo, teremos que ser coidados". 

"A loita contra a pandemia fixo máis palpable aínda a importancia da sanidade; os partidos non deben obviar nunca máis a importancia de coidar a quen te coida"

"Supoñemos, e cremos, que non é só polos votos; entendemos que como arma electoral temos importancia porque tanto as enfermeiras como o persoal sanitario en xeral supoñemos un colectivo importante, pero os partidos, sexan de goberno ou non, non deben obviar nunca máis a importancia da sanidade", reflexionan desde Eventuais en Loita, que insiste en que non teñen "adscrición a ningunha formación" e que as súas reclamacións céntranse nos recursos e nas melloras laborais, non nos cartos. 

Do que non teñen dúbida tampouco é de que as súas continuas mobilizacións desde hai máis dun ano abriron ollos de moitos representantes políticos e da sociedade ante a súa precariedade laboral. "Coñécese máis a nosa realidade, que pode ser aplicable a calquera outro colectivo sanitario", di Bermúdez, que insiste en que a chegada da pandemia e o esforzo do persoal "fixo aínda máis visible" unha realidade "que continúa". 

"A sanidade pública galega está en mínimos e collida con pinzas no caso de calquera cousa extraordinaria; a pandemia fíxoo palpable"

"Pasar de fase Galicia tivo que aumentar os contratos sanitarios en milleiros, o que non é máis que unha evidencia de que a saniade pública galega está en minimos e que, ante calquera cousa extraordinaria, está collida con pinzas", insisten. "Nos últimos meses, a pandemia fixo palpable a situación e é unha mágoa que tivese que plasmarse deste xeito, pero esperemos que sirva para que os políticos galegas entendan de vez que non se pode traballar continuamente baixo mínimos".

Unha representación de Enfermeiras Eventuais en Loita, xunto a Ana Miranda (BNG) en Bruxelas CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.