Unhas horas. Foi o que tardou a Xunta en recuar logo de que sindicatos e persoal da sanidade denunciasen outro capítulo máis dos efectos sociais, laborais e económicos que a precariedade provoca no seu persoal. Tal e como advertiron traballadores ou o sindicato CIG, o Sergas "desentendeuse" nas últimas semanas de varios dos seus profesionais no momento no que estes colleron a baixa por contaxio do coronavirus ao non renovarlles os contratos temporais cos que encadean meses de traballo no sistema sanitario público galego.
O Sergas non estaba a renovar o contrato a persoal temporal contaxiado co coronavirus, que perdía un 25% de remuneración e deixaba de puntuar
Con esta medida, estes traballadores viron rota a súa relación laboral coa Administración durante a enfermidade, deixaron de computar este período de incapacidade temporal como servizos prestados a efectos de baremación para as oposicións e perderon o 25% do seu salario, ao percibir pola Seguridade Social o 75% da base de cotización e non ser compensado polo Sergas o resto do soldo, ata o 100%, como si acontecería de manterse o vínculo.
Denunciado o caso, a xerencia do Sergas reaccionou este mércores a través dunha circular --a 12/2020, á que tivo acceso Praza.gal-- na que aclara que o persoal temporal que estea de baixa ou illamento polo coronavirus manterá a súa relación laboral co Sergas, que lle será prorrogada, polo menos, ata que reciba a alta médica.
Tras a polémica, o Sergas emite unha instrución na que advirte da prórroga dos contratos temporais, "como mínimo", ata que o persoal infectado reciba a alta
"Aqueles profesionais que estean a prestar servizo no Sistema Público de Saúde de Galicia en virtude dun nomeamento temporal de carácter eventual, e que durante a vixencia da súa vinculación sexan declarados na situación de incapacidade temporal polo illamento ou contaxio provocado polo virus Covid-19, estean ou non a prestar servizos en unidades directamente vinculadas coa prestación asistencial a pacientes afectados por este virus, manterán a vixencia do seu nomeamento e prorrogaráselle este, como mínimo, ata que se expida a correspondente alta médica por este motivo", reza o documento asinado polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, que explica, en todo caso, que "a prórroga do nomeamento do/da profesional, máis alá da alta médica, virá determinada no seu caso, por necesidades asistenciais".
Para xustificar a decisión, o Sergas dá conta do decreto-lei do pasado 10 de marzo do Goberno central, no que se aclara que "se considerará, con carácter excepcional" unha situación "asimilada a accidente de traballo, exclusivamente para a prestación económica de incapacidade temporal do sistema de Seguridade Social", a daqueles "períodos de illamento ou contaxio das persoas traballadoras provocado pola covid-19".
A rectificación do Sergas coincide, ademais, cunha lixeira modificación publicada hoxe no BOE por parte do Estado sobre a regulación das baixas laborais derivadas do coronavirus. Logo de establecerse que todos os traballadores contaxiados tiñan dereito a baixas "asimilables" ao accidente laboral, agora aclara que se o contaxio se produce no exercicio do traballo, trátase dun accidente laboral a todos os efectos.
A instrución do Sergas coincide cunha nova regulación do Estado, que advirte que contraer o coronavirus no traballo é accidente laboral a todos os efectos
O cambio implica o despregamento en todos estes casos de toda a regulación sobre accientes laborais, como os recargos que debe pagar a empresa na prestación que recibe o persoal de demostrarse que había deficiencias na seguridade. A Lei Xeral da Seguridade Social establece para estes sinistros laborais, por exemplo, que a compañía terá que aumentar as prestacións de baixa con recargos de entre un 30% a un 50% cando a lesión se produza por equipos de traballo ou en instalacións que carezan dos medios de protección regulamentarios, estean inutilizados ou en malas condicións. Tamén cando non se tivesen tomado as medidas de seguridade e saúde necesarias.
Varios profesionais de enfermería afectados por quedar sen contrato no medio da súa baixa por infección de coronavirus meditaran nun principio denunciar o Sergas.
O Sergas deixaba sen contrato o persoal que sufría baixa polo virus, que non computaba ese período nas puntuacións das oposicións e perdía o 25% do salario
A instrución de Sanidade deste mércores pon amaño a unha situación denunciada desde este martes pero que profesionais levaban sufrido desde o comezo da crise pola pandemia. En declaracións a Praza.gal, persoal advirte de que o Sergas volvía contar con calquera destes traballadores infectados polo virus así que se recuperaban ou pasaban os sete días establecidos agora de illamento, fixesen ou non outra proba que certificase que pasara a enfermidade. Neses casos, o traballador ou traballadora volvía asinar outro contrato temporal de días ou semanas, logo de ver minorada nun 25% a súa remuneración, de perder puntuación para as oposicións e de, sobre todo, volver sufrir a "desatención" da Administración incluso nestes momentos de crise.
Así o denunciou tamén a CIG, sindicato maioritario no Sergas, que destacaba "o paradoxal" da situación, xa que "cando estas traballadoras e traballadores se recuperen do contaxio do virus, volverán traballar con toda a intensidade nas unidades de Covid, nas UCIs e no resto de servizos da sanidade pública". “Iso si, seguirán instauradas na precariedade laboral e nos contratos por días”, denuncia María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.
"Somos contratadas así que lles convén, pero desenténdense de nós logo de caer enfermas por exercer o noso traballo e labor contra o virus"
Desde o colectivo de enfermaría, os testemuños foron tamén moi duros con Sanidade. Son varios os casos de profesionais que relataron como, logo de ir unindo automaticamente contratos temporais de meses ou semanas, o Sergas advertíalles vía mensaxe de que o seguinte contrato previsto non podía ser asinado ao estar nese momento de baixa por coronavirus. No momento de se recuperar e pasar o período de incapacidade temporal, o sistema volvía incluílos entre os posibles contratados. De rexeitar esa seguinte chamada ou renunciar á contratación ofrecida, eran penalizados nas listas de contratación, caendo aos últimos postos.
"Acabas sendo obrigada a asinar un contrato temporal, de días ou semanas, nunha empresa onde te infectaches... Somos contratadas así que lles convén, pero desenténdense de nós logo de caer enfermas por exercer o noso traballo e labor contra o virus", explicaba unha enfermeira. Todo, explican varias, en unidades hospitalarias da Covid "que precisan reforzos continuamente". "Nin tan sequera nestas circuntancias optamos a contratos minimamente estables", denunciaron.
Núñez Feijóo, na súa rolda de prensa deste mércores, despachou a polémica asegurando que cría que "a inmensa maioría do persoal sanitario volverá prorrogar o seu contrato", tras recoñecer que a demanda de contratacións "vai ser crecente" nos vindeiros días. Horas despois de que pesoal sanitario denunciase unha nova situación de precariedade e temporalidade en plena pandemia, o Sergas decidiu dar marcha atrás.