- ACTUALIZACIÓN | O Sergas recúa e prorroga os contratos temporais do persoal con coronavirus ata que reciba a alta
A precariedade laboral de boa parte do persoal sanitario en Galicia non cesa nin na dura batalla contra o coronavirus. Centos de profesionais --en especial enfermeiras-- que loitan contra a pandemia continúan a sufrir as consecuencias da contratación temporal, mesmo por semanas ou días, no Sergas. A inestable e feble relación laboral coa administración pública cébase mesmo con aqueles profesionais que son infectados (ou sospeitosos de telo sido) pola Covid-19.
O Sergas evita renovar os contratos temporais co persoal que se infecta por coronavirus, que volve ser demandado así que se cura
Tal e como denuncian varios destes profesionais, o Sergas "desenténdese" deles no momento no que collen a baixa por contaxio do virus ao non renovarlles o contrato temporal que tiñan previsto ampliar nos días seguintes. O persoal deixa así de ter relación laboral co Servizo Galego de Saúde, deixa de computar este período de incapacidade temporal como servizos prestados a efectos de baremación para as oposicións e perde o 25% do seu salario. Percibe pola Seguridade Social o 75% da base de cotización e non é compensado pola Administración co resto do soldo ata o 100% como si acontecería de manter a relación contractual.
No entanto, como xa explican a Praza.gal varios testemuños, o Sergas volve contar con calquera destes traballadores así que se recuperan ou pasan os sete días establecidos agora de illamento, fagan ou non outra proba que certifique que pasou a enfermidade. Neses casos, o persoal volve asinar outro contrato temporal de días ou semanas, instalado na temporalidade e precariedade dun sistema que evita ampliar o tempo de contratación incluso en tempos nos que se requiren máis máis que nunca contra a pandemia.
O Sergas deixa sen contrato o persoal que sofre baixa polo virus, que non computa ese período nas puntuacións das oposicións e perde o 25% do salario
Así o denunciou tamén a CIG, sindicato maioritario no Sergas, que destaca "o paradoxal" da situación, xa que "cando estas traballadoras e traballadores se recuperen do contaxio do virus, volverán traballar con toda a intensidade nas unidades de Covid, nas UCIs e no resto de servizos da sanidade pública". “Iso si, seguirán instauradas na precariedade laboral e nos contratos por días”, denuncia María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.
"Se polo menos tivesen un contrato de 3-4 meses, pola duración da pandemia, o persoal estaría cuberto, seguiría cobrando o 100% en caso de incapacidade laboral, seguiría contratado e seguiría contabilizando os servizos prestados, que supoñen o 60% da puntuación nos procesos selectivos", explica quen advirte da "barbaridade" que supón que o Sergas "se desentenda" de persoal temporal contaxiado polo coronavirus para "volver telo en conta ao día seguinte da súa recuperación".
Desde o colectivo de enfermaría, os testemuños son tamén moi duros con Sanidade. Son varios os casos de profesionais que relatan como, logo de ir unindo automaticamente contratos temporais de meses ou semanas, o Sergas advírtelles vía mensaxe de que o seguinte contrato previsto non pode ser asinado ao estar nese momento de baixa por coronavirus. No momento de se recuperar e pasar o período de incapacidade temporal, o sistema volve incluílos entre os posibles contratados. De rexeitar esa seguinte chamada ou renunciar á contratación ofrecida, son penalizados nas listas de contratación e caen aos últimos postos.
"Co novo criterio aplicado, aos sete días de illamento teño que volver traballar, estea como estea", explica unha enfermeira que foi enviada a casa por ser sospeitosa de estar contaxiada por coronavirus malia dar negativo no test rápido e continuar con síntomas. "Volvo traballar sen que me fagan outra proba máis fiable e coa única condición de que poña luvas e máscara sempre", explica.
"Somos contratadas así que lles convén, pero desenténdense de nós logo de caer enfermas por exercer o noso labor contra o virus"
"Acabas sendo obrigada a asinar un contrato temporal, de días ou semanas, nunha empresa onde te infectaches... Somos contratadas así que lles convén, pero desenténdense de nós logo de caer enfermas por exercer o noso traballo e labor contra o virus", explica outra. Todo, explican varias, en unidades hospitalarias do Covid "que precisan reforzos continuamente". "Nin tan sequera nestas circuntancias optamos a contratos minimamente estables", denuncian.
Este diario contactou co Sergas e está á espera da súa valoración sobre as denuncias de sindicatos e profesionais sobre unha suspensión de contratos temporais que consideran que "pode ser legal dentro da política de precariedade na contratación", pero que ten "pouco de ético".
Núñez Feijóo, en rolda de prensa, despachou a polémica asegurando que cre que "a inmensa maioría do persoal sanitario volverá prorrogar o seu contrato", tras recoñecer que a demanda de contratacións "vai ser crecente" nos vindeiros días.
Desde Galicia en Común (GeC), o seu portavoz, Antón Gómez Reino, esixiu a Alberto Núñez Feijóo que "poña freo aos despedimentos de persoal sanitario temporal do Sergas afectado pola Covid-19".
“Os sanitarios son a nosa principal liña de defensa contra o virus e non merecen ese trato. O mínimo que debería facer a Xunta é garantirlles un contrato único mentres dure a emerxencia”, destacou, tras anunciar que o Grupo Común da Esquerda pedirá a comparecencia inmediata do conselleiro de Sanidade ante a Deputación Permanente do Parlamento para explicar esta medida e, tamén, dar conta da dramática situación que padecen as residencias de maiores da comunidade.