"Son nai e enfermeira. Ata hai 17 meses era eventual do Sergas por riba de todo e de todos cantos estaban na miña vida. Agora levo un ano en suspensión de chamamentos para poder conciliar, porque un bebé de meses non entende de que te chamen ás 2 para estar ás 3 e porque o meu deber como nai supera o que lle debo ao Sergas". "Fun nai sendo eventual dúas veces e para iso só tiven que renunciar a traballar na miña primeira maternidade, con cero euros ao mes e cero días cotizados, e aceptar un contrato dun terzo de xornada a segunda, con 600 euros de salario e un terzo da cotización".
Aos problemas de precariedade e eventualidade de milleiros de enfermeiras únense as trabas e atrancos no caso de querer ser nais
Son tan só dous testemuños de enfermeiras eventuais do Sergas que denuncian o problema engadido que supón ser nai para este colectivo, composto por unhas 10.000 persoas en Galicia, case a súa totalidade mulleres e moitas en idade de ser nais. Pero poucas o son.
"É moita a xente que non dá o paso para quedar embarazada, eu mesma unha delas", di outra traballadora pertencente a Eventuais en Loita, que desde hai meses mantén mobilizadas unhas 7.000 profesionais que piden melloras nas súas condicións de traballo e denuncian a precariedade de boa parte do persoal enfermeiro do Sergas, máis dun terzo segundo os seus datos e os do Consello de Contas, malia que a Xunta redúceo a menos do 10%.
Os atrancos e trabas de todo tipo para a maternidade son un problema engadido máis á precariedade, acumulación de centos de contratos e redución no tempo de cotización malia os vínculos estables de anos que manteñen a maioría co Sergas. A eventualidade dificúltalles ser nais, a decisión de selo e os coidados que conleva.
"Obviamente, a discriminación é absoluta por ser nós as que quedamos embarazadas", di unha profesional. A situación é complexa. Poñamos por caso unha enfermeira cun contrato co Sergas de dous meses de duración --moi habitual-- que chega ás 20 semanas de embarazo ao pouco de asinalo. Nese momento, se así o decide, pode solicitar unha baixa por risco por embarazo, para o que debe pasar por un tribunal que decide se a acepta.
As mulleres embarazadas poden pedir baixa por risco ás 20 semanas de xestación, pero deben pasar por un tribunal a cada contrato que asinan
“Adoitan tardar quince días ou máis en decidir, en moitos casos cando tes a baixa xa non tes contrato e o paso polo tribunal é obrigado en cada contrato que asinas”, explica unha afectada. Como o colectivo de enfermeiras eventuais firma moreas ao longo do ano, son moitas as que deciden pasar a cobrar o paro directamente, “se é que o teñen”, ou optar por outra opción: a suspensión de chamamentos.
Esta alternativa, unha das opcións que si dá o pacto de contratación, supón poder optar por suspender eses habituais chamados do Sergas. Evitan así as penalizacións no caso de seren solicitadas e non poderen atender o contrato, pero teñen outras. “Bastante penalización é”. “Nin cobras, nin cotizas nin sumas puntos para as listas”, explican enfermeiras, que advirten de moitas mulleres que, entre embarazo e coidado, perden moitos meses de puntuación que provocan que sexan superadas nas listas e que perdan moitas opcións nas oposicións.
A situación, como explican, non supón “ningunha ilegalidade”, pero si unha consecuencia máis da precariedade e eventualidade que sofren, así como dos contratos curtos. “A solución son as contratacións decentes”, explican desde Eventuais en Loita, que advirten de que, na actualidade, na área da Coruña hai 2.200 enfermeiras en listas, unhas 450 con contratos de longa duración e ata 800 traballando todo o ano pero enganchando contrato tras contrato. “Non é que esteamos cubrindo vacacións ou postos de xente fixa, senón ocos estruturais que non teñen unha persoa designada, un problema que non queren solucionar”, din apuntando a Consellería de Sanidade.
A maioría optan pola suspensión de chamamentos ao quedar embarazadas ou ser nais, o que implica non cobrar nin cotizar e perder puntos para as listas
O problema da conciliación
En canto teñen fillos, as miles de enfermeiras nesta situación volven ter “importantes problemas ao reincorporarse”. “Se todo isto é difícil levalo sen ter nenos, imaxina téndoos”, advirten as enfermeiras ao lembrar que son avisadas con 24 horas de antelacións para asinar contratos e que moitas veces non saben a onde terán que ir traballar ata pouco antes. A solución da maioría das nais é continuar coa suspensión de chamamentos, permitida ata que os fillos cumpren doce anos. “E de que vives?”, pregúntanse.
Nin tan sequera poden pedir a redución de xornada na propia lista de contratación, senón en canto conseguen o contrato. E teñen que esperar a que se tramite esa solicitude, “que moitas veces é resolta cando ese contrato xa rematou”. A outra opción para conciliar, incluírse nunhas listas especiais para redución de xornada, pero “facendo a redución da profesional que é titular da praza, que é quen che di, cun mes como máximo de antelación, as horas que queres que traballes no sitio dela”. “Que soluciona iso a unha familia que quere conciliar?”, volven preguntar.
O Sergas, segundo denuncia Eventuais en Loita, ve no novo contrato de continuidade a solución, tamén a esta problemática. “Pero é o que lle venden á sociedade, porque en realidade supón teimar nos mesmos problemas, na escravitude e na imposibilidade de organizar a vida”.