O testemuño de Alba é un dos que desde hai meses difunden moitas enfermeiras da man do colectivo Eventuais en Loita. Denuncian a súa precariedade poñendo cifras a unha realidade tantas veces agochada. A desta traballadora do Sergas é a dunha vida laboral con máis de 400 contratos asinados en nove anos e medios cotizados durante 14 anos de vinculación co Servizo Galego de Saúde. A da súa compañeira Mónica, “once anos a dispoñibilidade do Sergas, 557 contratos e 5 anos e medio cotizados”. Hai moitos máis.
O Sergas respondeu con acusacións persoais a unha enfermeira eventual que denunciou na televisión a precariedade do seu colectivo
Logo de meses de loita, denuncia e reivindicación, e medio ano despois de que tinguisen de negro as oposicións realizadas en Silleda, a voz das enfermeiras eventuais pasou do Padornelo ao desvelarse por fin unha realidade cotiá. Da reportaxe nun medio escrito ao eco de programas televisivos. Alba serviu como paradigma dunha precariedade masiva e o Sergas respondeu con referencias persoais.
“Lamentamos enormemente que unha administración pública como o Sergas arremeta contra unha traballadora que, como outras miles, é peza fundamental do sistema. A nosa compañeira personalizou a situación vivida por miles de profesionais e o Sergas quixo acusala falsamente”, denuncia Eventuais en Loita tras a intervención de Alba en Espejo Público, de Antena 3.
Alí contou a súa situación e a da maioría das súas compañeiras, aclarando a “falta de continuidade” no emprego, os “contratos fraudulentos” na sanidade pública galega ou feitos como que sexa contratada de luns a venres e dada de baixa a fin de semana para logo ser chamada o luns noutro centro “e así evitar un vínculo”. “O que se nos di desde o Sergas é que suspendiches dúas veces as oposicións e que hai dous días se che ofreceu un contrato de continuidade que ti rexeitaches”, espetoulle a presentadora, Susanna Griso, aludindo a fontes da Xunta.
“O Sergas dinos que suspendiches dúas veces as oposicións e que rexeitaches un contrato de continuidade”, espetoulle a presentadora á enfermeira
“Iso é mentira. Presenteime a catro oposicións do Sergas, suspendín a primeira e aprobei as outras tres”, respondeu a enfermeira, que advertiu tamén de que o contrato de continuidade “non é un contrato estable, é unha farsa”. “Non dá estabilidade e obríganos a ser enfermeiras para todo, para estar o mesmo día en varios servizos e cada día en sitios diferentes”, explicou, coincidindo coas queixas da enfermería eventual, que rexeitou esta contratación por teimar na “escravitude”.
Desde Eventuais en Loita, que lanzou a campaña #todossomosalba, denuncian que se “expuxeron datos relacionados persoais da compañeira, así como o feito de que rexeitase un contrato de continuidade, que doutra banda é voluntario e no seu conxunto unha total e absurda farsa”.
Eventuais en Loita cualifica de "lamentable" a resposta do Sergas e non descarta denuncialo por posible vulneración da Lei de Protección de Datos
“Estas advertencias por parte da Administración son unha grave violación dos dereitos de todos os traballadores e son eles a quen deben respectar en primeiro lugar”, insiste o colectivo, que valora “tomar as medidas legais pertinentes contra o Sergas no caso de que se vulnerase a Lei de Protección de Datos”. “Non permitiremos prexuízo ningún a ningún compañeiro”, engaden, tras cualificar de “lamentable” a resposta da Xunta “á exposición dun problema que afecta traballadores e pacientes”.
“É lamentable atacar persoalmente a quen se atreve a dar a cara, sobre todo cando saben perfectamente que o caso exposto pola nosa compañeira non é un caso illado, senón todo o contrario”, di Eventuais en Lotia, que amosa a súa “total repulsa” a estes “abusos por parte da Administración”. “Non os permitiremos”, conclúe.
“É lamentable atacar persoalmente a quen se atreve a dar a cara", di o colectivo, que lembra que máis dun terzo das enfermeiras do Sergas son eventuais
A resposta do Sergas, desta vez, foi persoal. Noutras ocasións, contra o colectivo desmentindo os seus datos, como os que tiraron dun estudo realizado entre case 3.500 profesionais e que certificaban que máis dun terzo das enfermeiras estaban en situación eventual. Desde hai tempo, o Sergas insiste en negalo. Hai tan só uns meses, o seu xerente, Antonio Fernández-Campa, afirmaba nunha entrevista en televisión que a precariedade "non é una situación habitual" na sanidade pública do país e que "o 85% dos traballadores está en vínculos estables". Tamén o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuiña, insistiu varias veces na estabilidade á que tamén se referiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que afirmou que o 88% do persoal ten un "nomeamento definitivo".
Ademais, outro estudo do mesmo colectivo concluía que case o 45% das enfermeiras leva dez ou máis anos nas listas de contratación do Sergas.