Como cada mes desde que Enfermeiras Eventuais en Loita comezara a campaña, persoal de enfermaría volveuse concentrar diante de hospitais e centros de saúde de toda Galicia para protestar pola precariedade laboral. Nesta ocasión, as mobilizacións centráronse en rexeitar o contrato de continuidade impulsado polo Sergas.
As enfermeiras eventuais rexeitan o contrato de continuidade impulsado polo Sergar por "non dar estabilidade" e teimar na "escravitude" de longa duración
“Que non te enganen! Non é estabilidade”, advirte un Eventuais en Loita, que segue a apañar apoios e liderar unhas mobilizacións ás que se unen milleiros de enfermeiras desde que tinguiran de negro as oposicións en Silleda o pasado maio e ergueran a protesta dun colectivo dunhas 10.000 traballadoras, rompendo tamén os marcos da protesta sanitaria.
O contrato de continuidade é o obxectivo desta vez na campaña #12meses12loitas, tras clamar polo dereito á conciliación, poñer cifras e testemuños á precariedade ou implicar a cidadanía, tamén afectada polas súas condicións laborais. Agora, critican a nova contratación impulsada polo Sergas, asinada polos sindicatos agás CCOO e CIG e rexeitada por outros colectivos e médicos de Primaria, por ser “escravitude de longa duración para os profesionais” e “un parche que non soluciona os problemas actuais”, aínda que funcione como “un caramelo moi doce para os recentemente titulados”.
Eventuais en Loita explica que o contrato efectuarase a través da “lista de longa duración” do Sergas e entre aquelas profesionais que voluntariamente o acepten, pero tamén que aínda non hai data para que se empece a ofertar á enfermaría, que tería un número estimado de cen vacantes. Acordado e publicado no DOG a principios de ano, foi o pasado mes de xullo cando se estendeu á categoría de enfermeira.
“Entendemos que polas circunstancias persoais, xente que podería ter unhas circunstancias particulares poida aceptar este tipo de contrato, pero o que non podemos aceptar é que este sexa o camiño a seguir pola Administración e polas organizacións sindicais. A solución para arranxar a precariedade laboral non é este tipo de contratos”, denuncian.
"Non podemos aceptar que este tipo de contratos sexa o camiño da Administración e dos sindicatos para aranxar a precariedade laboral"
O colectivo explica que estes nomeamentos de continuidade “non cubrirán as funcións dunha praza determinada nun centro sanitario, nin substituirán as funcións dun concreto titular, senón que atenderán as necesidades de reforzImaxe close delete_forever swap_vert o e acumulación de tarefas que se vaian producindo no ámbito determinado no nomeamento, constituído por varios centros dun mesmo distrito”. Así, critican que non se estableza a antelación coa que serán avisadas e temen que teñan que estar “dispoñibles as 24 horas dos 365 días” como lles ocorre agora.
Ademais, aseguran que “o réxime de prestación de servizos do persoal vinculado por estes nomeamentos estenderase a dous ou mais centros do mesmo distrito sanitario”, polo que advirten da posibilidade de ter que desprazarse varios quilómetros mesmo na mesma xornada.
O colectivo lembra que o número de contratos tipo acúmulo de tarefas é “moi elevado” no Sergas, chegando en 2018 a case 4.500 nalgunhas áreas. Xa que logo, cren que a nova contratación de continuidade “beneficiaría directamente o Sergas, branqueando as súas estatísticas”. “Sería só un contrato, pero sen mellorar a estabilidade”, din, ao lembrar que seguiría determinándose os labores e o calendario “mes a mes, dificultando igualmente a conciliación”.
“Se aceptamos este tipo de contrato, nun futuro sairán prazas en oposición e vacantes con estas condicións. Este contrato perpetúa a falta de continuidade de coidados”, explican nun comunicado, asegurando que “o debido sería ofertar unha OPE coas vacantes cubertas polos eventuais”.
“Se aceptamos este contrato, nun futuro sairán prazas en oposición e vacantes con estas condicións, que perpetúan a falta de continuidade de coidados”
“En lugar de sacar o 100% das vacantes que tiñan pensado ofertar, algunhas as converterán neste tipo de contrato. Despois de esperar 12 anos de media para optar a unha vacante, terás que: ou aceptar este contrato de escravitude ou esperar non se sabe canto a que che chegue unha vacante de verdade”, advirten dun contrato que, de asinalo, suporía, durante mínimo dun ano, “aceptar estar dispoñible 24 horas, sen poder elixir servizos nin quendas de traballo, sen cobrar debidamente os plus de penosidade, desprazamentos, festividade, nocturnidade e dependendo da Xerencia para pedir as vacacións e días libres nos que, probablemente e por circunstancias diversas, non se acepten no período estival”.
“Quen non o acepte, traballará menos días porque se ofertarán menos contratos. Ofertaranse menos vacantes e nun futuro poida que teña esas condicións mesmo coa túa vacante ou praza fixa”, conclúen.