As enfermeiras estoupan ante a precariedade, agravada coa pandemia: "Non máis remendos, estamos fartas"

Unha enfermeira, con máscara e luvas, nun centro hospitalario CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

"Non se pode consentir que un enfermeiro ou unha médica enlacen contratos de semanas sen ter a estabilidade e a seguridade que lles permita realizar ben o seu traballo". A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aproveitou a súa comparecencia deste xoves no Congreso para deitar luz sobre a precariedade de milleiros de profesionais sanitarios

Eventuais en Loita, tras semanas sen reivindicacións e "centradas nos pacientes", deciden alzar a voz "ante os continuos abusos por parte da Xunta"

Desde Galicia, Eventuais en Loita, colectivo que agrupa unhas 7.000 enfermeiras en demanda de mellores condicións laborais, non tardou en responder, instando o propio Ministerio a que "tome cartas no asunto e non permita que as comunidades autónomas abusen dos traballadores que manteñen vivo o sistem nacional de saúde ad eternum". 

Foi pouco despois de que o mesmo colectivo alzase a voz tras varias semanas "deixando de lado" as súa reivindicacións e cos profesionais "centrados especialmente nos e nas pacientes e nos seus coidados" pola crise do coronavirus. Pero a paciencia esgotouse. "Ante os continuos abusos que se están evidenciando por parte da Administración do Sergas, non podemos ficar caladas", advirten nun duro comunicado, no que piden solucións inmediatas á Xunta e "non máis remendos" ante as súas demandas. 

Apoio ás enfermeiras de Eventuais en Loita, nun hospital galego © Enfermeiras eventuais

Eventuais en Loita destaca que a enfermería precaria leva semanas colaborando coa Administración e "renunciando" aos seus "mermados dereitos", intensificando "o labor en materia de educación sanitaria, organizándose entre compañeiras para a elaboración de protocolos de actuación en cada unidade asistencial, a pesar de saber que esa función correspóndelles a departamentos superiores", ou "asumindo unha carga psicolóxica e física que en moitos casos xa está a pasar factura"

A enfermería eventual destaca que leva semanas "renunciando" aos seus "mermados dereitos sen pedir nada máis que seguridade laboral e respecto"

Levan tempo, explican, "soportando a falta de epis (equipos de protección individual) e material" ou que a pesar de presentar sintomatoloxía e de estaren en contacto con pacientes coa covid-19 non se lles realicen as probas pertinentes e se lles "obrigue a seguir traballando nas mesmas condicións". "Soportamos todo iso para saír desta situación canto antes sen pedir nada a cambio máis aló de seguridade laboral e respecto á nosa profesión", lembran no comunicado.  

No entanto, denuncian, "ese respecto está sendo vulnerado polo Sergas", ao que acusan de seguir "na súa práctica habitual, ofrecendo contratos de días mesmo canso se prevé unha necesidade de longa duración". "Contratos que son renovados cada quince ou cada trinta días", recordan. 

Na denuncia coincide Prosagap, Sindicato de Profesionais da Saúde de Galicia, que critica a "perversa e nefasta xestión que do Sergas nesta crise por "continuar coas políticas laborais de precarización das condicións de traballo e da vida" dos sanitarios. Ademais, advirten de que é "un despropósito" pero tamén "un enorme perigo para a poboación". 

Prosagap denuncia a "perversa e nefasta xestión" do Sergas na crise por continuar coa "precarización" , que supón "un enorme perigo para a poboación"

"A falta de traballos fixos obriga a unha maior mobilidade, e con ela a un maior risco de transmisión. Complica enormemente o labor dos e das profesionais contra a pandemia, ao dificultar a comunicación entre eles , e impide a estabilización  dunha rutina clara de traballo", lembran, tras pedir a fin desta situación e unha contratación "estable". 

Consultadas varias enfermeiras, os seus testemuños coinciden en que nada mudou na política de contratación da Xunta nesta crise sanitaria e de evidente necesidade de recursos. "Segues a ser contratado por poucos días ou por un mes", conta unha delas. "Volves traballar aos sete días de illamento sen repetir proba ningunha e sen saber seguro se podes contaxiar", conta outra profesional que deu negativo nun primeiro test rápido tras mostrar síntomas e que non foi sometida a ningunha proba máis. 

As enfermeiras denuncian que, malia a necesidade de recursos, seguen a ser contratadas por días ou semanas, sen estabilidade e perdendo dereitos

Eventuais en Loita lembra que o tipo de contratación que mantén a Xunta "permítelle legalmente, e no seu beneficio, romper a relación contractual coa traballadora ou traballador en canto vence este prazo, perdéndose así todos os dereitos que correspondan". Ademais, recordan, o Sergas "non tivo reparo en deixar sen contrato" a moitas profesionais que presentaron unha incapacidade temporal tras dar positivo por coronavirus.  

Apoios ás enfermeiras eventuais dende un centro sanitario © Enfermeiras eventuais

Refírese Eventuais en Loita a varios casos, denunciados por profesionais e pola CIG, nos que o Sergas se "desentendeu" nas últimas semanas de varios dos seus profesionais no momento no que estes colleron a baixa por contaxio do virus ao non renovarlles os contratos temporais cos que encadean meses de traballo. Con esta medida, os traballadores viron rota a súa relación laboral coa Administración durante a enfermidade, deixaron de computar este período de incapacidade temporal como servizos prestados a efectos de baremación para as oposicións e perderon o 25% do seu salario, ao percibir pola Seguridade Social o 75% da base de cotización e non ser compensado polo Sergas o resto do soldo, ata o 100%, como si acontecería de manterse o vínculo. 

Eventuais en Loita advirte á Xunta de que os seus dereitos "non son puntos de partida para a súa campaña electoral encuberta": "Queremos feitos"

Horas despois das denuncias, o Sergas recuou cunha instrución na que ordenaba prorrogar os contratos temporais das profesionais que caían enfermas "como mínimo" ata que recibisen a alta. Eventuais en Loita considera que esta correción "non é suficiente". "Estamos fartas e non queremos máis remendos; eses erros seguirían se non fose pola presión mediática da cidadanía ou pola de organizacións como a nosa, así como pola proximidade das eleccións autonómicas", critican para advirter á Xunta de que os seus dereitos "non son puntos de partida para a súa campaña electoral encuberta". "Queremos feitos e non palabras", insisten. 

A enfermería eventual pide "un cambio de actitude" por parte da Xunta para que "poña fin de vez a esta precariedade e maltrato laboral"

Así, Eventuais en Loita esixe "responsabilidades políticas e un cambio de actitude por parte da Administración", á que piden que "teña como eixo fundamental o respecto dos dereitos laborais para poñer fin dunha vez a esta precariedade e maltrato laboral" ao que din que levan "sometidas por parte da Xunta nos últimos anos". 

"De non ser así, a nosa resposta será contundente en canto nos sexa posible, e empregaremos para isto todas as ferramentas ao noso alcance", di o colectivo, que pide á cidadanía que se "sensibilice" coa súa realidade e esixa "un cambio nas actuais políticas sanitarias". "A saúde é un ben común. Xa é hora de coidar a quen coida", rematan. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.