O Goberno galego considera o comedor escolar unha garantía da educación "en igualdade", pero consente neles condicións desiguais
Os comedores escolares son para a Xunta, segundo estableceu no decreto que os regula, un "recurso educativo de carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación básica obrigatoria dentro dos principios de igualdade e solidariedade".
Porén, o propio Goberno galego consente desde sempre todo tipo de desigualdades nos servizos de comedor, xestionados de forma fragmentada pola propia Xunta, concellos, asociacións de nais e pais (Anpas) ou subcontratas, con bonificacións ou bolsas económicas dispares e coa comida elaborada nos propios centros ou de catering. Un sistema ao que agora vaise engadir unha nova variable tras anunciar a Xunta un novo bono, para familias con rendas baixas que usen comedores xestionados por centros concertados, concellos ou Anpas.
Boa parte dos máis de medio milleiro de centros públicos de educación infantil e primaria (CEIP) de Galicia contan con comedores, tamén existentes noutro tipo de centros educativos. Malia que estes centros públicos son da Xunta, a Xunta só xestiona os comedores de algo máis de 400: uns 270 con persoal público propio e outros 150 a través de subcontratas, ás que paga uns 12,5 millóns de euros ao ano. Unhas cifras que varían cada curso por incorporacións ou saídas de centros dun ou doutro modelo.
Nos comedores xestionados pola Xunta -60.000 prazas hai dous anos, o 80% do total, segundo ela-, sexa con persoal propio ou subcontratas, xa existen bonificacións de xeito que o prezo xeral de 4,50 euros por comida queda reducido a cero para as familias con renda anual per cápita inferior a 7.000 euros, en exclusión social ou con fillos con discapacidade. Ademais as familias con rendas entre 7.000 e 8.000 euros pagan un só euro por comida, e 2,50 euros as familas con rendas entre 8.000 e 9.000 euros.
As novas axudas da Xunta van para comedores de centros concertados ou xestionados por concellos e Anpas, pero xa había axudas municipais superiores mesmo para centros concertados
Pero tamén hai colexios públicos cuxos comedores públicos non os xestiona a Xunta. Uns 150 son xestionados por Anpas e outro medio cento por unha quincena de concellos. Ás primeiras a Xunta dálles uns 1,6 millóns de euros por curso como subvención, e cos segundo asina convenios bilaterais.
No caso de Santiago, por exemplo, cuxo Concello xestiona os comedores de 9 dos 13 CEIP da cidade, a Xunta vénlle dando uns 100.000 euros por curso. E á súa vez o Concello de Santiago, que subcontrata o servizo cunha empresa, ten habilitadas bolsas en función da renda de ata 90 euros ao mes, isto é, na práctica, a gratuidade para as familias con menos recursos. Unhas axudas que se estenden no caso de Santiago tamén aos colexios concertados.
É neste dispar sistema de comedores escolares no que a Xunta introduce agora as novas bolsas para alumnado usuario de comedores de centros concertados ou xestionados por Anpas e concellos. Segundo o Goberno galego, no presente curso 2025-26 habilitarase xa unha axuda de 150 euros ao ano para os fogares con menos de 6.000 euros de renda per cápita e no vindeiro curso haberá unha segunda modalidade de axuda de 100 euros para as rendas entre 6.000 e 10.000 euros. Unhas axudas das que a Xunta nada dixo de momento sobre se serán compatibles ou non con outras bolsas municipais de importe moi superior.
A ONG Educo salienta que as diferenzas agrávanse na educación secundaria, onde só o 36% dos centros públicos conta con comedor, fronte o 80% dos privados ou concertados
Pero o problema vai máis alá dos comedores escolares de Infantil e Primaria, ata os 12 anos. Esta mesma semana a ONG Educo fixo público un informe no que analiza comedores escolares en todo o Estado e salienta do caso de Galicia que non só "a coexistencia de distintos modelos de xestión do comedor escolar no mesmo territorio" provoca "grandes diferenzas" entre as familias. O informe sinala tamén que "só o 36,18% dos centros educativos públicos onde se imparte secundaria conta con comedor escolar, unha cifra moi por debaixo do 80,8% dos centros concertados ou privados".
"Aínda que en moitas comunidades autónomas o alumnado de secundaria pode pedir unha beca comedor, se non existe este espazo no instituto, a solicitude de beca é denegada automaticamente pola falta de praza, sen embargo é bastante probable que os nenos e nenas que teñen beca comedor en primaria sigan necesitando este apoio económico en secundaria", afirma Mónica Viqueira, delegada da ONG en Galicia.