A mobilización dun colexio de Brión logra que a Xunta permita contratar máis persoal para o comedor

Concentración no CEIP de Pedrouzos en protesta pola situación do comedor © ANPA Andaravía

A crise do coronavirus e as medidas para evitar contaxios obrigaron a comezar o curso escolar con medidas de seguridade e precaución inéditas que, en moitos centros, trouxeron consigo conflitos e reivindicacións de docentes, familias e alumnado cara á Xunta. Un dos ámbitos que require máis adaptación é o dos comedores escolares, onde o cumprimento das distancias de seguridade e outras restricións pola COVID-19 obrigaron a reducir o número de estudantes que poden acudir ao servizo en cada quenda, caso de haber máis dunha.

O Concello ofrecía a contratación de persoal adicional para unha segunda quenda de comedor, pero a Xunta negábase ao admitir só familias voluntarias para atender o servizo, deixando fóra do comedor a case 200 estudantes

Un dos moitos centros que se viu nesta circunstancia foi o CEIP de Pedrouzos, en Brión. Alí, o cumprimento das distancias e demais medidas de seguridade obrigou a deixar fóra da quenda ordinaria de comedor a 190 estudantes. Colexio e familias apuntaron a unha solución para a que contaron coa colaboración do Concello: contratación de máis persoal de comedor para habilitar unha segunda quenda. Pero durante semanas a Xunta negouse ao admitir unicamente persoas voluntarias para vixiar o comedor: pais e nais do alumnado que nesas horas están a traballar e precisamente por iso, viñan argumentando, precisaban do comedor.

Concentración no CEIP de Pedrouzos en protesta pola situación do comedor © ANPA Andaravía

O bloqueo do Goberno galego á solución derivou nunha intensa mobilización que vén de dar resultado. Tras as protestas, a Xunta cede. Así o confirma a dirección do colexio: "recibimos por escrito a aceptación da Secretaría Xeral Técnica da Consellería" para que o Concello de Brión "poña á disposición" do centro "os monitores necesarios para poder aumentar o número de usuarios e usuarias do servizo de comedor".

Deste xeito, indican ás familias, o colexio ten xa en marcha a reorganización para "poñelo todo en marcha" nuns poucos días. Toca recolocar comensais, quendas, distribución da sala de comedor e das entradas e saídas. Previsiblemente, será o luns día 19 cando "comece a funcionar o comedor con todos os axustes feitos".

"Non é unha concesión, non é un regalo, é un dereito que se recupera tras moitas semanas de arduo traballo", destaca a asociación de nais e pais deste colexio brionés 

Dende a asociación de nais e pais do centro, a ANPA Andaravía, congratúlanse da "rectificación" que, lembran, é produto da mobilización. "Non é unha concesión, non é un regalo, é un dereito que se recupera tras moitas semanas de arduo traballo". Para as familias do CEIP Pedrouzos, "é necesario, tamén, termos moi presente que isto se conseguiu grazas á loita e á unidade das familias".

Deste xeito, conclúen, "nos próximos días será posible desdobrar a capacidade do comedor e ampliar a prestación deste servizo esencial ás case 200 familias" que, subliñan, foran "inxustamente excluídas por culpa duns criterios obsoletos". "A implantación do comedor escolar -vén lembrando a ANPA- obedeceu nos seus inicios á necesidade de dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familias", pero agora "está acadando novas virtualidades, derivadas da súa condición de medio básico na conciliación da vida laboral e familiar".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.