O servizo de comedor escolar é unha axuda moi importante para as familias, imprescindible para moitas delas, ao facilitar un pouco a conciliación cos seus horarios laborais. Ás dificultades que podían existir previamente nalgúns lugares a pandemia engadiu novos obstáculos, polas limitacións de capacidade introducidas nos protocolos sanitarios para así previr posibles contaxios. Moitos centros optaron por facer varias quendas, pero iso esixe duplicar igualmente as horas dedicadas polo persoal que se ocupa de atender os nenos e nenas durante a comida.
No CEIP de Pedrouzos (Brión) a metade das familias foron excluídas do servizo, ao non permitir a Consellaría de Educación a contratación de persoal para vixiar unha segunda quenda do comedor
Nalgúns lugares, a falta de persoal está impedindo que moitas familias poidan acceder a este servizo esencial. É o caso do CEIP de Pedrouzos (Brión), que vén de denunciar a través da ANPA Andaravía que a metade das familias da comunidade escolar fican "excluídas" do comedor escolar e resposabilizan da situación á Consellaría de Educación, que xestiona de forma directa o comedor.
O pasado 16 de xuño unha instrución da Xunta sobre funcionamento dos comedores escolares de xestión directa no curso 2020-21 fixou en 416 as prazas máximas autorizadas no centro, con 15 vixiantes. Ao longo do verán as distintas familias interesadas foron inscribindo os seus fillos e fillas. Porén, os sucesivos protocolos anti-covid aprobados pola Consellaría de Educación reduciron a capacidade a 190. O consello escolar propuxo nese momento facer dúas quendas, solicitando da Consellaría a necesaria dotación de persoal para atendelo. Ante o silencio do Goberno galego, tamén se demandou a colaboración do Concello de Brión, que se comprometeu á contratación de traballadores e traballadoras para vixiar as crianzas.
A Xunta permite incrementar de 15 a 27 o número de moitores e monitoras, pero unicamente se son voluntarios e voluntarias das propias familias quen se encargan de atender os nenos e nenas
Porén, o 30 de setembro a Consellaría de Educación respondeu finalmente á petición de persoal de apoio expresada polo centro. Educación non só rexeitou contratar este traballadores e traballadoras, senón que tamén vetou a solución proposta polo Concello. A Xunta permite incrementar de 15 a 27 o número de moitores e monitoras, pero unicamente se son voluntarios e voluntarias das propias familias quen se encargan de atender os nenos e nenas. Por suposto, de forma altruísta. Unha proposta que, obviamente, volve excluír aquelas familias nos que nai e pai traballan e non poden interromper ao mediodía o seu horario de traballo (precisamente a razón pola que necesitan do servizo de comedor).
Hai unhas semanas, ademais, publicouse a relación de familias que accederan a unha praza de comedor, admitindo aquelas que cumprían con criterios como ser familia numerosa, sufrir exclusión social ou unha discapacidade e vivir a máis de dous quilómetros do centro, pero deixando fóra a aquelas que solicitaran praza por "incompatibilidade dos horarios laborais dos dous proxenitores co horario de saída ao mediodía".
En opinión da ANPA, a solución proposta pola Xunta é "un pau nas rodas que dificulta o necesario desdobramento do comedor"
En opinión da ANPA, a solución proposta pola Xunta é "un pau nas rodas que dificulta o necesario desdobramento do comedor". "Un modelo de xestión directa, que podería ser exemplar, é deste xeito convertido nun servizo abocado á desaparición pola negativa a reestruturar criterios de funcionamento", salienta e demanda que se poña en marcha unha segunda quenda de comedor "apoiada con monitoras e monitores de comedor profesionais". "O colexio ten a capacidade organizativa para poder levala adiante, e conta tamén coa vontade do Concello para apoiala, asumindo a contratación deses monitores ou monitoras", sinala.
A ANPA Andaravia reclama que o servizo de comedor é "fundamental para a conciliación familiar e laboral" e lembra que "a falta de prazas de comedor é un problema que se arrastra desde hai anos, pero agora agrávase polas restricións a que obriga a pandemia da COVID-19". Ademais, subliña que "os criterios usados para a adxudicación de prazas son anacrónicos e non responden ás necesidades actuais que temos as familias". "Neste contexto de incerteza, a Xunta de Galicia está, literalmente, ausente, por non dicir noutro planeta. Tres semanas despois do comezo do curso, a única solución da Xunta consiste en máis do mesmo, en colocar parches de voluntariado sobre un sistema á beira do colapso", di a ANPA.
"Os criterios usados para a adxudicación de prazas son anacrónicos e non responden ás necesidades actuais que temos as familias. A Xunta de Galicia está ausente, por non dicir noutro planeta", di a ANPA
A propia Orde da Consellaría de Educación do pasado 27 de marzo de 2020 que regulaba as axudas ás familias afectadas pola suspensión do servizo de comedor escolar por mor da pandemia lembra que aínda que "a implantación do comedor escolar obedeceu nos seus inicios á necesidade de dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familias, derivada da tradicional dispersión xeográfica galega, que dificultaba o acceso dos escolares á ensinanza, razón pola que se concibía unido ao transporte escolar", no momento actual o comedor escolar "está acadando novas virtualidades, derivadas da súa condición de medio básico na conciliación da vida laboral e familiar".
Problemas nos comedores de Compostela
A Federación de ANPAs Compostela leva dende xuño reclamando que se amplien espazos para atopar solucións ás problemáticas do servizo de comedor e aumentar o monitorado para poder garantir os protocolos sanitarios
Os problemas cos comedores escolares están a reproducirse noutros lugares do país, motivados en boa medida polas normas de prevención ante o coronavirus. Na propia cidade de Santiago, a Federación de ANPAs Compostela leva dende o mes de xuño reclamando que se amplien espazos para atopar solucións ás problemáticas do servizo de comedor e aumentar o monitorado para poder garantir os protocolos sanitarios.
"Este comezo de curso resultou un caos absoluto sen información nin acceso aos listados de admitidos a este servizo" comentaba Esther Martínez, vicepresidenta da Federación de ANPAs Compostela e representante da ANPAS do CEIP de Roxos. "Os cativos de 4 anos teñen que agardar sentados desde que rematan de comer ata que os pais os van a recoller, o que pode supoñer estar sentados sen facer nada durante máis de 30 minutos nalgúns casos", dicía Nacho Louzao, vogal da Federación de ANPAs Compostela e representante da ANPA do CEIP Monte dos Postes.
"Sen listados de admitidos, as familias non saben a que aterse nin como solucionar os seus problemas de conciliación, descoñécese quen ten praza neste servizo agora ou se poderán ter acceso se as súas necesidades mudan nos vindeiros meses"
Nais e pais reclaman a implicación do Concello. "Estamos agardando unha resposta oficial por parte do Concello. Sen listados de admitidos, as familias non saben a que aterse nin como solucionar os seus problemas de conciliación, descoñécese quen ten praza neste servizo agora ou se poderán ter acceso se as súas necesidades mudan nos vindeiros meses" sinalaba Ana Grilo, da ANPA do CEIP Apóstolo Santiago. "É o caso de nais e pais que traballan a quendas no ambito sanitario ou da seguridade, persoas que se atopan nun ERTE, teletraballando...que ante a incertidume están a ter que buscar solucións pola súa conta", engadía.
Este luns representantes do Goberno municipal reuníronse co presidente e coa vicepresidenta da Asociación de ANPAs de Santiago, Fernando Lacaci e Esther Martínez para tratar o asunto. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, indicaron que "todas as solicitudes de uso do comedor escolar de 5,4,3,2 e 1 día teñen acubillo e que o problema se presenta nos casos esporádicos non fixos, é dicir, aqueles que non poden confirmar que día van usar o comedor". Ademais, informaron de que "por parte do Concello estase á espera dunha aclaración da Consellería de Educación para resolver esta circunstancia, xa que no protocolo inicial non se contemplaba a situación específica dos esporádicos".
A Federación de ANPAS de Compostela "continúa a defender un servizo universal para que todas as familias poidan facer uso do comedor sempre que o precisen", destaca a entidade.