O Goberno local de Pontevedra aprobará o vindeiro luns o peche dunha parte do Paseo de Montero Ríos para que sexa usado nas aulas de educación física do IES Valle Inclán. A directiva do centro solicitara hai uns días a través da Consellaría de Educación esta cesión de espazo exterior para a realización de actividades con maior seguridade. Unha parte do paseo, fronte á entrada do centro educativo, ficará reservada algunhas horas ao día, para que o alumnado poida desenvolver estas clases.
O Goberno local de Pontevedra aprobará o vindeiro luns o peche dunha parte do Paseo de Montero Ríos para que sexa usado nas aulas de educación física do IES Valle Inclán
O Concello busca así dar solución ás demandas de espazo público que lle van trasladando os centros educativos da cidade para dar cabida ao cumprimento das medidas de seguridade para o seu alumnado. Nos últimos días xa acordou o peche con "carácter permanente e indefinido" da rúa Raíña Vitoria para facilitar a entrada e saída do alumnado do IES Sánchez Cantón. Este corte permanente do tráfico foi posible, segundo destacou o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, pola experiencia acumulada na adopción de medidas semellantes en festas.
Nos últimos días xa acordou o peche con "carácter permanente e indefinido" da rúa Raíña Vitoria para facilitar a entrada e saída do alumnado do IES Sánchez Cantón
"Levamos un tempo mirando que pode facer o Concello con respecto á Covid, en particular en relación aos centros escolares, e non se está botando man dun recurso que pode axudar moito nas entradas, saídas e recreos a que se cumpran as distancias e os protocolos sexan máis áxiles", destacara hai unhas semanas Mosquera. O corte do tráfico na rúa Raíña Vitoria para facilitar a entrada e a saída do instituto foi criticado polo Partido Popular, que acusou o Goberno local pontevedrés de "impoñer unha medida sen base técnica nin consenso".
Está previsto o peche da rúa Alfonso XIII de xeito que poida ser usada como patio de recreo polo alumnado do CEIP Froebel e do colexio Doroteas
Ademais, nestes momentos o Goberno local pontevedrés está pendente da solicitude da Consellaría de Educación para o peche da rúa Alfonso XIII de xeito que poida ser usada como patio de recreo polo alumnado do CEIP Froebel e do colexio Doroteas, que dispoñen dun espazo moi pequeno no interior das súas instalacións. A rúa Alfonso XIII quedaría deste xeito para uso exclusivo de residentes, que accederían só por Echegarai e, ademais, instalaríanse bolardos cortando o paso cara a Concepción Arenal. Durante o horario de recreo, o acceso ao tráfico rodado quedaría totalmente restrinxido.
O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, destacou hai uns días que "nos colexios se están tomando medidas realmente moi radicais que afectan ao ensino, á educación, ao traballo das mestras e mestres e tamén ao desenvolvemento das crianzas, porque nalgúns casos está habendo limitacións moi graves para os xogos dos nenos e das nenas".